mércores, 19 de abril de 2023

Sorpresa en Moeche. Primeiras citas publicadas de Dolomedes fimbriatus na provincia da Coruña!

   Esta semana fixen varias mostraxes nunha gabia inundada de Moeche. Por veces resulta sorprendente a cantidade de vida que podemos atopar en pequenas masas de auga. Non haberá nunca a cantidade e variedade dunha gran poza ou lagoa pero adoita ser moito máis doada de observar.

Cuneta inundada típica

    Hai anos que evito usar o trueiro grande (produce máis danos durante os barridos e dá máis traballo á hora de desinfectalo). Sen embargo desta vez fixen excepción. O achádego de moitos cágados de pintafontes verde (Triturus marmoratus) indicaba a presenza recente de adultos e co trueiro pequeno resulta moi difícil chegar a capturar algún. NOTA: insisto que para capturar ou manipular anfibios é necesario permiso da Xunta, como o que me tramitaron desde a SGHN.

Equipamento básico de mostraxe para charcas

    Porén, e a pesares de ter pasado o trueiro por todo o cano, non dei apañado nengún exemplar adulto de pintafontes verde. Só recollín pintafontes comúns (Lissotriton boscai) e palmados (Lissotriton helveticus). En calquer caso as tres especies están xa citadas na cuadrícula do Atlas.

Pintafontes ou tritón común (Lissotriton boscai) fémia

Pintafontes común (Lissotriton boscai) macho

Pintafontes ou tritón común (Lissotriton boscai) fémia amosando liña dorsal característica

    A gabia estaba inzada de larvas das tres especies de pintafontes. As de marmoratus son as máis visíbeis, pois gostan de ficar na "coluna de auga" (as outras prefiren permanecer no fondo ou entre a vexetación subacuática).

Cágado de pintafontes verde con poucos días de idade nadando en augas abertas

 A Natureza é vida pero tamén é morte. A enerxía de úns serve para continuar o ciclo da vida, e a este futuro pintafontes tocoulle cumplir ese papel:

Larva de escarabello acuático (Fam. Dityscidae) devorando larva de pintafontes verde

Larva de escarabello acuático (Fam. Dityscidae) devorando cucharón de pintafontes verde

   Máis sorprendente foi a captura neste hábitat de dúas rás patilongas (Rana iberica), anuro bastante común na comarca de Ferrol e que debeu chegar á gabia desde algún dos regatos tributarios do Xuvia.

Rá patilonga (Rana iberica)

 Alegreime moito de apañar varios exemplares de Dolomedes, unha araña acuática que había moitos anos que non vía (xa non lembro nin onde foi).

Dolomedes fimbriatus
OM-1 + Zuiko 100-400 (a 300 mm) + anel extensión 16 mm  ISO: 3200    V:1/320    F:8

     Esta araña, acuática durante o período de cría, é un feroz depredador que mesmo consome pequenos vertebrados coma larvas de anfibio ou alevíns de peixe. É un arácnido que na Península Ibérica só foi detectado no extremo norte (Girona, Burgos, País Basco e Asturies). Na Galiza atopouse en turbeiras de Xermade (Lugo), encontro que foi publicado nun artigo no que colaborou o colega Rafa Carballeira (1). Como mostra da sua escaseza dicir que nas webs de Observado, Biodiversidade.eu ou iNaturalist non hai ningunha cita publicada para territorio galego. Así pois estes exemplares de Moeche serían os primeiros documentados para a provincia da Coruña e os máis occidentais da Península Ibérica.

Dolomedes fimbriatus
OM-1 + Zuiko 100-400 (a 300 mm) + anel extensión 16 mm  ISO: 1000    V:1/320    F:8

  Por certo, a tina onde botaba os bichos para identificar encheuse con diminutos caracois acuáticos. Antes de marchar asegureime de que non quedase ningún pegado (outra mostra de por qué cómpre limpar ou desinfectar ben os instrumentos de mostraxe, sobre todo aquelas persoas que se moven habitualmente dunha rexión a outra). 

Caracois acuáticos pegados na tina

Caracol acuático (Omphiscola glabra)

E coa ledicia destas citas novas de Dolomedes fimbriatus terminamos o post.

(1) Presencia de Dolomedes fimbriatus (Clerck 1758) (Araneae, Pisauridae) en Galicia (España)l norte de Lugo. Revista ibérica de aracnología Nº 31 (31/12/2017) :107-109 Rafael Carballeira, Martín Souto, Sara Andrés, Eduardo García-Rodeja & Xabier Pontevedra-Pombal

2 comentarios:

  1. Meus parabens polo hallazgo da cita Dolomedes fimbriatus.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, Jose. De todas formas olla que falamos de citas PUBLICADAS. Eu estou seguro de tela visto hai moitos anos, cando botaba os día "chapoteando" nas pozas da Solaina, Doniños ou Valdovo. O que pasa é que non teño nin idea nin do ano nin do sitio. Mágoa non telo anotado nos cuadernos de campo (igual repasando aparece algo)

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos