mércores, 9 de agosto de 2023

Forcadas, comeza a pasaxe de "limis"

 Estamos na mellor época para visitar o encoro das Forcadas. Durante os próximos dous meses a presenza de especies migrantes será constante, ben limícolas, ben paseriformes. 

  Logo dunha xornada moi calorosa ontes (33 ºC en Ferrol) hoxe amencía con néboas costeiras e nubes baixas. Mellor para a saúde pero non tan bon para a fotografía. Fixen tres paradas, que se diría na Fórmula 1, e isto foi o máis salientábel do observado:

  • 2 Píllaras reais (Charadrius hiaticula) escoitadas en voo
  • 4 Aguanetas comúns (Gallinago gallinago). As primeiras da tempada
  • 6+ Biluricos de ás negras (Tringa ochropus)
  • 1 Bilurico sp na cola de Loiravella. Por jizz semellaba un bastardo (Tringa glareola)
  • 3 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
  • 2 Cullereiros comúns (Platalea leucorodia). Ao estaren a lagoa pecha e chea de auga moitas especies paran no encoro, onde poden descansar un pouco, aínda que non dispoñen de moito alimento.
  • 1 Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus)
  • 1 Abelleiro europeu (Pernis apivorus) morfo claro na ribeira de Loiravella

Aguanetas comúns (Gallinago gallinago)

Aguaneta común (Gallinago gallinago)

     Poucos lugares na Galiza coñezo onde se podan fotografar tan ben as aguanetas e os biluricos de ás negras. Aínda que hoxe todas as fotos foron desde moi lonxe. Unha circunstancia na que boto especialmente de menos as bridge potentes porque coa OM-1 mais o 400 tes que recurtar moitísimo todas as imaxes. Para aves lonxanas as cámaras bridge top non teñen rival, ponto. E non fagades caso do que vos digan os "expertos".

Biluricos de ás negras (Tringa ochropus)

Cullereiros comúns (Platalea leucorodia)

Andoriñas comúns (Hirundo rustica)

  Cando o bicho está perto a cousa cambia. Sen ser un obxectivo propiamente macro o Zuiko 100-400 segue marabillándome na fotografía de insectos (esta chicharriña é realmente diminuta, aínda que na imaxe semella grande).

Cicadella viridis. Fam Cicadellidae
OM-1 + Zuiko 100-400 mm + aneis de extensión 36 mm  ISO:400   V:1/400    F:6,3

  Por se xa tiñamos pouco co caranguexo vermello e o visón americán, o proceso de eutrofización das augas de Forcadas resultou catastrófico para moitas especies. A rá verde (Pelophylax perezzi) está a piques da extinción. De feito nas dúas últimas visitas non detectei nin un só exemplar! E hai anos que non observo libeliñas como Erythromma viridulum, Lestes viridisLibellula quadrimaculata Croccothemis erythraea (certo é que vou sempre de mañá).

   Outras índa van aguantando...

Donceliña litoral (Ischnura elegans) macho
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:640   V:1/125   F:6,3

Posíbel donceliña de copa (Enallagma cyathigerum)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:640   V:1/125   F:7,1

    Resumindo, se queredes coñecer o encoro de Valdoviño estamos na mellor época do ano para o visitar. Por desgraza a masiva instalación de pastores eléctricos (incumprindo a miúdo a servidume de paso) dificulta grandemente achegarse á ribeira se non coñeces ben o lugar. Porque esa é asignatura pendente desta nova xeneración de coleccionistas cazafotos: o coñecemento dos lugares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos