sábado, 2 de marzo de 2024

Bichos vintage: "Escribidor das canaveiras, o tesouro da Frouseira" (2013)

     Vai unha nova publicación vintage, convenientemente revisada en textos e imaxes. 

    Escribidor das canaveiras, o tesouro da Frouseira (publicada o 31/05/2013)

  Aproveitando que a lagoa de Valdoviño estaba aberta e baixa, calcei as botas de goma altas e entrei na xunqueira a primeira hora, para tentar detectar varias especies de aves escasas e cada ano máis difíciles de observar.

Canaval da Frouseira

    Internarse nunha xunqueira como a da Frouseira é algo certamente delicado. Primeiro pola dificultade que conleva, ao ser un terreo incómodo, difícil, mesmo perigoso por veces. Segundo, polas molestias que se poden causar á fauna se non respectamos certas pautas éticas. O mellor nestes casos é ir avanzando pouco a pouco, sen presas. Pisas case sen facer forza e, se ves que hai "firme", apoias con máis decisión. A pesares de levar botas de cana alta, podes colarte de súpeto na lama ata a cintura e quedar clavado nunha canle se pisas onde non debes! Eu prefiro camiñar por lugares aclarados, con visibilidade. Mellor bordeando os claros de xuncos que aparecen entre o impenetrábel carrizal de canas (Phragmites australis).

Claro entre a canaveira

  Nestes claros, o macrófito dominante é a xunca marítima. Unha das especies que antiguamente formaban parte do xénero "Scirpus" e que son moi importantes polo alimento que aportan ás aves (tanto as sementes coma os bulbos) e tamén porque conforman bos lugares para o emprazamento do niño das acuáticas.

Pradeira de xunca (Bolboschoenus maritimus)


  Entre as canaveiras tamén agroman pequenos claros, asociados habitualmente a canles. Son os mellores lugares para realizar estacións de escoita.


 A seguinte canle era máis falsa que un billete de oito euros. Se non chego ir con coidado, entérrome na lama ata o peito.


A Frouxeira, "desde dentro"

  Nunha destas paradas, a carón dun claro,  apareceu a nosa xoia, ún dos paseriformes máis ameazados de Galiza: unha femia de escribidor das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica)


   Mas eu quería escoitar o canto da folosa manchada (Locustella naevia), que foi reprodutor común en tempos e que ainda escoitara o ano pasado aquí. Así que continuei a prospección.... ata que a lagoa quixo, se entende. Cando a canaveira se volve tan mesta, coas canas verdes deste ano enmarañadas diante de ti, e sen visibilidade ningunha, non hai nada que facer. Chegados a ese ponto, non quedaba máis que dar volta e volver aos claros.

Canaveira impenetrábel no sector leste

  Gostaría que sentírades a sensación que se ten cando se prospecta unha canaveira. O olor tan peculiar, dulzón, produto da fermentación da materia orgánica na auga.  Dependendo de se hai ou non salinidade tamén varía (o cheiro de Doniños é moi diferente ao da Frouseira!). Ás veces case aparece un sentimento de claustrofobia, mesmo de angustia, cando perdes as referencias visuais e non sabes moi ben por onde voltar.

"Frank de la jungla", dándolo todo

  Finalmente observei dúas parellas de escribidor das canaveiras na pequena zona que propectei. Unha das femias (de plumaxe ben diferente á anterior, máis parecida aos machos) carrexaba unha eiruga para alimentar aos seus poliños famentos, que estarían piando no niño.


  Ademáis tocou a lotaría, xa que o exemplar presentaba anelas. Esta femia foi anelada polo colega Emilio Martínez o 25-07-2009 en Dodro, sendo aínda un poliño colicurto. Así pois estaríamos a falar dunha pequena dispersión cara o norte de exemplares autóctonos. As Brañas de Dodro, na desembocadura do río Ulla, están situadas a unos 140 quilómetros da Frouseira en liña recta, que serían bastante máis seguindo a costa.

Escribidor das canaveiras femia anelada

O macho tamén apareceu con bicada. Neste caso cunha donceliña elegante (Ischnura elegans).

Escribidor das canaveiras (Emberiza schoeniclus), macho
Canon SX50 focal 215 mm (equiv.1200 mm)  ISO:200  V:1/200   F:6,5

 Unha vez comprobada a reprodución da especie e tiradas as pertinentes imaxes, abandonei as inmediacións do niño, xa que as aves comezaban a porse nerviosas. Este paxaro é demasiado importante para molestalo por unha foto!

Escribidor das canaveiras (Emberiza schoeniclus), macho

  E coa auténtica xoia de Valdoviño rematamos este novo post da serie Vintage.

2 comentarios:

  1. Saudos Xabi
    que chea de nostalxia.... , parece que nos últimos censos "oficiais" a Frouxeira sería o lugar mais importante para a especie en Galicia. A ver si te animas esta primavera a confirmar que ainda segue algunha parella pola zona. O valor dos lugares dámosllo nós co coñecemento, non deixes de facer visitas a estes lugares e disfrútaos.
    apertas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Farei seguemento, Emilio. Non me expliques o por qué pero nesta lagoa semella manter aínda un número de parellas importante. Levo uns anos sen controlar o tema pero esta primavera hei facer control.
      Un abrazo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos