mércores, 6 de marzo de 2024

Desfrutando as pequenas cousas en Forcadas

        O encoro das Forcadas, en Valdoviño, é ún dos poucos espazos naturais ferroláns que aínda non está "mascotizado". Seguramente porque nin é bonito nin ten sendeiros para pasear. Que siga así por moitos anos, señor alcalde!

Cola de Vilaboa (foto con Samsung A52)

   Por desgraza a súa riqueza biolóxica experimentou un declive alarmante de 20 anos para aquí, algo común con outros encoros galegos e normalmente asociado á introdución de especies invasoras. En Forcadas existe ademáis un problema recorrente de verquidos orgánicos que eutrofizan as augas no verao. Xa non lembraba a cor da auga limpa e osixenada que amosa agora, logo das abondosas precipitacións outonais.

Cola final, coas augas limpas de novo (Samsung A52)

 Hoxe fixen unha visita de control rápida, sen telescopio. Só parei en tres pontos: As Cortiñas, O Pereiro e Vilaboa. Poño o máis destacado do visto hoxe:
  • 42+ Alavancos reais (Anas platyrhynchos).Case todos machos e 6-7 femias
  • Unhas 25 cercetas comúns (Anas crecca)
  • 5 Patos cristados (Aythya fuligula ou similar)
  • 13+ Meguilletes comúns (Tachybaptus ruficollis) que probablemente correspondían a uns 7 territorios. Non está mal sendo un censo incompleto e tendo en conta a situación dramática das acuáticas noutros encoros galegos
  • 2 Galiñas de auga (Gallinula chloropus), parella moi probablemente. Especie en vías de extinción inminente
  • 1 Aguaneta común (Gallinago gallinago)
  • 1 Bilurico de ás negras (Tringa ochropus). Limícola que xa podemos considerar de invernada regular
  • 2 Gaivotas de patas amarelas (Larus michahellis) provocando alarma entre as acuáticas. Nos anos oitenta, cando a michahellis  aínda era unha especie "mariña", xa me chamara a atención como as patimarelas sobrevoaban a marisma da Frouseira ao comezar a estación reprodutora de rálidas e anátidas
  • 2 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)
  • 7 Garzas reais (Ardea cinerea)

Merguillete (Tachybaptus ruficollis)

Enseada de Vilaboa

  Nesta ocasión levaba o pepino (OM-1 + Zuiko 100-400). E pesoume non ter levado a SX70, moito máis lixeira cando se prospecta unha zona pantanosa e cunha focal máis axeitada para fotos a tanta distancia; porque hoxe todas as aves estaban no quinto pino.

Merguilletes comúns (Tachybaptus ruficollis)

Galiñas de río (Gallinula chloropus)

Patos cristados (Aythya tipo fuligula). Imaxe testemuñal

    A pesares de non ter observado ningunha raridade desas que agora causan furor entre os paxareiros volvín de Forcadas feliz, relaxado e ansioso por publicar o post. Porque as cousas sinxelas cada vez teñen máis importancia para min. E vendo o drama medioambiental que estamos a vivir debemos aprender a desfrutar das pequenas cousas que aínda non desapareceron. Os máis vellos da parroquia entenderán o que quero dicir e seguro que están dacordo.

2 comentarios:

  1. Totalmente de acuerdo, Xabi. Y, pese a su condición de humedal artificial, creo que As Forcadas es uno de los embalses más atractivos que nos quedan en Galicia, te lo aseguro. Lago artificial, pero de una belleza escénica notable. Un abrazo y, como siempre, gracias por hacernos partícipes de estas pequeñas-grandes cosas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Por agora vai ben pero en canto cheguen os calores... A imaxe (e o cheiro a podredume!!) durante o verán é realmente tráxico. Penso que unha das spp máis afectadas pola eutrofización e polo Procambarus pode ser Pelophylax perezi. Aqueles coros de ducias ou centos de machos croando son historia. Agora escoitas unha por aquí e outra por alá, con sorte. Non chega á traxedia de Sabón ou Cecebre pero vai de camiño.
      Por destacar algo positivo... o gosto que colleron todos os predadores polo "marisco". Lontras, xabalís, mergullóns critados, merguilletes, lavancos, garzas,... todos consumen o puto cangrexo vermello case coma presa principal.
      Un abrazo, mestre.
      PD: Non digas moito o da beleza escénica que daquela aparecen os que xa sabes....Forcadas é feísimo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos