xoves, 1 de agosto de 2024

01/08/2024 Nova mostraxe en Moeche

  Onte e máis hoxe volvía facer "esperas mustélidas" en Casalousada, Moeche. Onte con néboa e hoxe con ceos toldados e algún orballo.


Campos de Moeche ao mencer

     As esperas fágoas sempre neste cruzamento, un lugar moi frecuentado pola martaraña (Martes martes) e onde vin a donicela (Mustela nivalis) o outro día:

Meu local patch
 
  Ademáis está xusto no terrritorio 3 dos picanzos vermellos que teño controlados. A estrada que baixa en dirección sur é moi boa tamén para observar grandes mamíferos coma porco bravo (Sus scrofa), corzo (Capreolus capreolus) ou raposo (Vulpes vulpes). Calquer día caerá o lobo, que xa visita toda a comarca de Ferrol, prácticamente

 Estrada a Penas Albas

   Este ano semella que a martaraña non quere aparecer. Sen embargo os seus rastros son omnipresentes, tanto no camiño como na estrada. Hoxe atopaba esta caca, fresca desta noite (onte non estaba). Non ule ben pero tampouco resulta especialmente desagradable. É o primeiro excremento que atopo este ano con restos evidentes de bagas ou froitos. Cando saian as cereixas as suas cagadas estarán cheas de sementes desa froita.

Excremento de marataraña (Martes martes)

    A ledicia da xornada foi a confirmación dun quinto territorio de picanzos vermellos. Xa me parecera velos hai un mes pero até hoxe non puidera comprobalo. Na foto aparecen dous polos e un terceiro exemplar, no poste, que non distingo ben se é outro polo ou a femia.

Picanzos vermellos (Lanius collurio) do teritorio 5

Territorio 5 en Penas Albas (Moeche)

     O mapa final da área Casalousada-Penas Albas para 2024 quedaría así:

Territorios de picanzo vermello controlados (1, 3 e 5 con polos confirmados)

    O sábado pasado vira un gabián (Accipiter nisus) que non subín a ebird por se acaso o confundira cun cuco que vira posteriormente. Esta mañá volvía velo facendo a mesma rota de caza e capturando un paseriforme logo dunha pequena persecución.

 No momento da observación, a presa que perseguía pareceume un paxaro "grandote" e moi colorido. Logo da captura o gabián pousou na estrada antes de marchar voando. Fun alí e achaba estas plumas:

Penas de paxaro capturado

    Collinas na mao para que se aprecie mellor o tamaño.


  A miña impresión inicial logo de observar o lance de caza e ollando as penas é que se trataba dun macho de picanzo. Quizá o do territorio 2 ou 3. Pouco despois vin ao voantón do territorio 3 e escoitei reclamos de alarma moi continuados dalgún exemplar no lugar da captura, que poño noutro mapiña. En azul a rota en vóo do gabián e na cruz verde lugar da captura:

Traxectoria de caza de gabián (Accipiter nisus)

    Recoñezo que estaba nervoso por ver que lles pasara aos meus picanzos. Pouco despois vin ao polo voantón do territorio 3, que está no famoso cruzamento dos mustélidos. Espero ver ao macho na próxima visita, porque xa lle tiña cariño.

Picanzo vermello (Lanius collurio) xuvenil
Sony RX10 III  focal 600 mm equiv   ISO:800    V:1/200   F:4

  Na visita de ontes collera a pai e fillo xuntos:

Picanzos vermellos (Lanius collurio)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:1600   V:1/400   F:4
 
 Tamén levei a Canon SX60 para comparar. Onte facía algunhas tomas ao macho do 3, cando aínda non levantara de todo a néboa. Logo do vivido hoxe penso que xa sei por qué nunca vexo a femia (os azores e gabiáns poden "especializarse", como acreditei cunha azora que capturaba garzas brancas pequenas  en Ortigueira).

Picanzo vermello (Lanius collurio)
Canon SX60 focal 1365 mm ISO:200   V:1/250   F:6,5

   Hoxe non o vin. Espero velo mañá.

Picanzo vermello (Lanius collurio)
Canon SX60 focal 1365 mm ISO:200   V:1/250   F:6,5

"O Camiño"

   Terminamos este post coa alegría pola confirmación dun novo territorio de picanzo con éxito reprodutor e a mágoa pola máis que probábel perda dun dos adultos. A Natureza é así: vida e morte.

   Non gosto nada das notas e artigos nas publicacións científicas (maréame ter que ler unha referencia bibliográfica por cada frase que lés). Porén se tivese a certeza desta captura de Lanius collurio por parte de Accipiter nisus seguramente escribiría algo. Por desgraza fáltame a confirmación e por tanto non podo facer nada.

2 comentarios:

  1. Muy interesante y bonita entrada, Xabi. Y preciosas fotos. Pena del picanzo. Un abrazo.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos