xoves, 15 de agosto de 2024

15/08/2024 Notas breves sobre a rata de auga (Arvicola sapidus), esa gran descoñecida

 Hoxe remato as vacacións e quería facelo en Moeche, que me recibíu cunha mañá solleira mas fresca (9,5ºC ao chegar). Houbo que poñer xersei e cazadora durante a espera mustélida.  

Mencer nas Regas de Moeche (7:09 h)
Sony RX10 III focal 34 mm  ISO:1600   V:1/125    F:3,2

   Tanto na visita de hoxe como na de antonte non observei ningún picanzo vermello (Lanius collurio). Únicamente escoitei algún reclamo. Tamén é certo que pasou algún coche e unha vella cun can que (pareceume) puideron levantar algún exemplar antes de pasaren eu. Tampouco fixen o transecto do norte. Non obstante, a non observación directa de ningún exemplar nos outros dous itinerarios parece indicar que comezaron marchar dos seus territorios, quizá nomadeando pola zona ou mesmo en auténtica migración rumo África.

    As que seguen por aló son as anduriñas (Hirundo rustica). Varias deceas de exemplares levan días concentradas nun prado de Penas Albas. Coma novidade os dous primeiros picafollas musicais (Phylloscopus trochilus), ún escoitado e outro visto. Xa antonte me parecera escoitar o seu canto inconfundíbel.

Anduriñas común (Hirundo rustica)

   Agora sempre atopo tres voantóns de lavandeira branca no transecto de Penas Albas. Son fillas dunha parella reprodutora na aldea mencionada, ainda que xa están emancipadas e van "por libre".

Lavandeira branca (Motacilla alba) xuvenil

  O mellor da xornada foi a observación dunha rata de auga común (Arvicola sapidus) observada no transecto do medio. Un exemplar cruzou a estrada nunha zona de prados húmidos cun regato pantanoso que xa me tiña moi boa pinta para a especie. Non puiden sacarlle foto así que poño a ilustración que ven na magnífica guía "Mamíferos de España" (Purroy & Varela, Lynx Edicions 2003):

Ilustración da guía "Mamíferos de España"

    A rata de auga pertence á familia dos micrótidos (Microtidae). A diferenza das ratas ou ratos típicos (Muridae) os micrótidos desprázanse correndo mentras que aqueles fano a saltos. Ademáis hai importantes diferenzas morfolóxicas respeito aos múridos, como son unha cola máis curta, un corpo máis cilíndrico e unhas orellas moito menores. Por desgraza para eles ambas as familias son a base da cadea trófica para moitos depredadores.

Raposo (Vulpes vulpes) con rata de auga recén capturada (Valdoviño, 2019)

  Coma outros micrótidos asociados aos hábitats de prado, podemos detectalas mellor polos seus rastros. A rata de auga fai galerías entre a herba e os xuncos moi características (había moitas no sistema dunar da Frouseira hai 30 anos).

Túnel de Arvicola sapidus nunha poza do sistema dunar da Frouseira (foto ano 2013)

Galería de Arvicola sapidus nunha turfeira do Xistral (ano 2020)

  Os seus excrementos son tamén moi fáciles de identificar pola sua forma e cor verde. Poño unha foto deles que me pasou Manuel Arzúa:

Excrementos de Arvicola sapidus.
Foto cedida por Manuel Arzúa Piñeiro

    Xa contei nalgunha ocasión o sucedido en xuño de 2012. Observaba un raposo que estaba alimentándose nun prado de Valdoviño e esperei a que terminase. Daquela fun ata alí para ver se achaba restos da presa e atopei unha especie de pequena "bolsa" ou "globo" de aspecto brando. Abrino e comprobei que contiña herba a medio dixerir. Era o estómago dunha rata de auga. O único que o raposo non quixera comer do infortunado micrótido  (polo visto rexeita as verduras igual que algúns dos meus seguidores).

   Manu Arzúa estivo a colaborar na sondaxe que coordinou Jacinto Román (Estación Biolóxica de Doñana) nos anos 2011 e 2012. Poño o mapa de distribución que se publicou na revista Galemys coma resultado dese traballo (1):

Mapa de distribución da rata de auga (Arvicola sapidus)

     Na miña humilde opinión este mapa podería ser un pouco enganoso debido a que a rata de auga é máis fácil de detectar nas rexións secas da Península, onde estarán máis condicionadas aos cauces fluviais e humidais, por tanto máis fáciles de localizar. Sen embargo nas rexións do norte a especie ocupa hábitats moito máis diversos e aparece en prados higromorfos que difícilmente se poderían incluir nunhas mostraxes realizadas con só 310 voluntarios para todo o Estado (mea culpa!). O que quero dicir que é moi importante que todos os afeizoados e afeizoadas debemos implicarnos nestes traballos de investigación, tan importantes para o coñecimento e conservación da nosa biodiversidade. Menos coleccionismo e máis ciencia!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos