En xaneiro de 1997 tivemos a última vaga de frío digna de chamarse como tal. Unha vez rematados os censos daquel ano achegueime até Cospeito. Primeiro fun á lagoa de Caque e despois visitei os campos da Espiñeira.
Paisaxe da Espiñeira 22/10/2011
Fuji HS10 (focal 25 mm) ISO:100 V:1/170 F:6,4
O que vivín aquel día foi inesquecíbel. Aínda que xa tiña bastante experiencia como censador vinme desbordado para contar por todo o que alí había. No cuaderno de campo recoñecía humildemente a miña incapacidade e indicaba que as cantidades eran seguramente superiores.
Imos co observado aquela xornada histórica en Cospeito:
- 2000+ Avefrías choromicas (Vanellus vanellus). Todas aquelas avefrías estaban a moverse constantemente dun prado para outro e que, ademáis resulta moi difícil de contabilizar (identificalas é moi doado mas contálas é outra cousa). Ademáis naquela época non dispoñía de telescopio e había que apañarse cos binoculares.
- 700 Píldoras douradas europeas (Pluvialis apricaria). Pensade que estamos a falar dunha superficie aproximada de 120 ha, que foi o que cubrín aquel día.
- 200+ Mazaricos reais (Numenius arquata). Foi a maior concentración da especie que vin xamáis en terras de interior.
- 10000-20000+ Estorniños (Sturnus vulgaris/unicolor), maiormente pintos chegados de Europa Central. Logo de moitos anos de experiencia como censador calculo que andarían por esas cifras (naquel momento foime imposíbel contabilizalos). Nunca máis volvín ver nubes de estorniños que fixeran o son dun trono cando viraban de sentido. Quedei hipnotizado ollando para eles.
Avefrías choromicas (Vanellus vanellus) en vóo
Nikon B700 (focal 1200 mm) ISO:200 V:1/500 F:6,7
Avefría choromica (Vanellus vanellus)
Nikon SX50 ISO:200 V:1/160 F:5,6
Poucas aves representan o frío como a avefría choromica. Cando chegan as neves e as xeadas xeralizadas os nosos campos énchense delas, acompañadas moitas veces de píldoras douradas e tordos reais ou rubios. Sen embargo aquilo de ver bandos con centos ou millares de exemplares, como acontecía en moitos invernos do pasado século semella cada vez máis raro.
Estorniños (Sturnus spp) en vóo
Canon EOS 500D + Canon 70-300 ISO:400 V:1/1250 F:7,1
Para moitos "paxareiros" modernos a observación de estorniños pode supoñer algo irrelevante, acostumados como están a facer seguemento de raridades e a viaxar a destinos exóticos polo mundo adiante. O coleccionismo só entende de listas, non de números. Sen embargo para un naturalista contemplar bandos de miles de aves evolucionando diante túa é un dos espectáculos máis marabillosos que existen. E aquel día en Cospeito fun testemuña dalgo extraordinario.
Estorniños (Sturnus spp)
Canon EOS 500D + Canon 70-300 ISO:400 V:1/1600 F:8
Este bando que fotografaba en 2012 sumaba uns 1500 individuos, se non lembro mal. Imaxinade o que sería unha masa dez veces maior (polo menos!).
Estorniños (Sturnus spp) en vóo
Canon EOS 500D + Canon 70-300 ISO:200 V:1/400 F:8
Estorniños pintos (Sturnus vulgaris)
E co humilde estorniño pinto rematamos a entrada de hoxe, adicada tamén a unha vaga de frío.
Parabéns polo teu millón de visitantes! Non me sorprende absolutamente nada. O teu blog é brillante. Estou aprendendo moitísimo. Un millón de grazas.
ResponderEliminarPois moitas grazas, Jean. E parabéns polo teu moi bon galego (con ese nome deduzo que non és de por aquí).
Eliminar