martes, 29 de outubro de 2024

29/10/2024 A lagoa de Valdoviño aberta de novo

  Chegan boas novas desde Valdoviño. Onte avisábame o alcalde que xa comezaran as obras para reabrir a canle de desaugue e recuperar o funcionamento estuarino normal nunha lagoa deste tipo. A novidade este ano é que o peche durou apenas tres semanas, cando o habitual sería que permanecese incomunicada co mar varios meses. En calquer caso esta apertura mecánica chega en bon momento, cando comeza a invernada de anátidas.

 Alberto González pasoume un vídeo de onte coa canle baleirando as augas da Frouseira.


 Agora as aves da lagoa volverán a dispor dunha maior variedade de hábitats disponíbeis como canaveira/xunqueira lixeiramente asolagada, canaveiras en seco, augas abertas pouco fondas, intermareais de lama e area ou simplemente lugares onde poder descansar tranquilamente. Porque cando está moi chea convértese nun vaso lagunar prácticamente sen ribeira e coas masas de helófitos parcial ou totalmente somerxidas.

  Foi unha mágoa que para unha vez que A Frouseira se mantén aberta a totalidade dos meses de agosto e setembro tivésemos circunstancias meteorolóxicas adversas para a sedimentación de migrantes. Agardemos que veña unha boa invernada.

Culleretes boreais (Spatula clypeata)

 Termino lembrando que se é unha lagoa con funcionamento estuarino significa que a marea modifica o seu nivel hídrico, especialmente cando se dan mareas vivas (lúa chea e lúa nova). Hai que ter en conta tamén que na lagoa hai sempre un certo "retardo" con respeito ao horario mareal en mar aberto. En fin, só falta que baixe o frío por Europa para que vaia chegando todo o "persoal".

Gaivotas escuras (Larus fuscus). Foto ano 2014

3 comentarios:

  1. Roberto Prego Reigosa30 de outubro de 2024, 11:17

    Ya era hora, que los perros no podían darse un baño tranquilos con ese nivel del agua. Ahora pueden gozar de su espacio natural protegido sin ningún problema.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois non che falta razón. Sobre todo polo individuo que vai todos os días con un rotweiller (sen buceira, of course) ao que lle gosta bañarse na lagoa.

      Eliminar
    2. Roberto Prego Reigosa30 de outubro de 2024, 12:47

      Era ironía, claro.

      Un saludo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos