domingo, 10 de novembro de 2024

10/11/2024 Mostraxe breve na Frouseira e novas sobre o lobo en Ferrol

    Esta mañá facía unha "visita de médico" á lagoa de Valdoviño, onde había algo de néboa e orballaba, así que contei só algunhas cousas fáciles.


Lagoa da Frouseira (Valdoviño). Illote da Lapela á esquerda da imaxe

  Segue por aquí o ganso de bico curto (Anser brachyrhynchus) e medrou o número de cercetas eurasiáticas (ao colega Miguel Conde iso de eurasiáticas parécelle horrible e comparto o sentimento). Hoxe censaba 102 ex. A cifra de galos de auga (Fulica atra) segue máis ou menos igual: 64 bichos.

  Estes días vexo moitísimas lavandeiras brancas (Motacilla alba) por todas partes. Penso que máis do habitual. No intermareal da lagoa alimentábanse 19 ex e varios máis andaban pola contorna. Algunhas delas eran da subespecie M.a.yarrellii, bastante frecuente na comarca de Ferrol durante o inverno (calculo grosso modo que un 10% do total de M. alba presentes nesta época).

Patos cincentos (Mareca strepera)

 Logo de contar esas catro cousas saquei a cámara co teles e comezou orballar en firme así que abortei misión. Aproveitei o retorno por terras de Meirás para sacar algunha foto máis.

Estorniño pinto (Sturnus vulgaris)

Escribidor de papo negro (Emberiza cirlus)

     Como chovía estiven a explorar e descubrín un novo acceso ao sistema dunar por un sitio que non coñecía. Haberá que voltar.


   Precisamente por esa pista cruzábame con un corzo, que parou ao me ver.

 Corzo (Capreolus capreolus) entre a néboa

  Falando de grandes mamíferos, desde hai tempo están a chegarme diferentes comunicacións por vía privada que constatan a presenza do lobo (Canis lupus) na ría Ferrol, tanto nos concellos limítrofes coma en Ferrol mesmo. Algo que veño sabendo tamén desde hai varios anos. Poño un vídeo no que aparecen dous lobos bastante confiados, gravado nun lugar que non direi por motivos de seguridade.


   Tamén están a pasarme moitas imaxes de corzos ou ovellas presuntamente atacados polo lobo. Eu mesmo teño atopado pegadas del en parroquias de Ferrol e Valdoviño hai poucos anos. Para un naturalista a presenza do lobo no seu concello é unha nova marabillosa. Un depredador apical (no cumio da cadea trófica) que resulta máis necesario que nunca para controlar a superpoboación de xabalí presente na nosa zona, e tamén o corzo, en menor medida. Lamentablemente a presenza do lobo conleva "danos colaterais".

   Lin e escoitei a moitas personas que teñen amplo coñecimento científico sobre o lobo. Porque entre os "lobeiros" hai diferentes visións en canto a metodoloxía do seu censo e sobre a xestión que debe facerse, que vai desde o sacrificio cero en cumprimento da normativa europea que protexe á especie até o control de individuos solitarios e problemáticos por aquilo de minimizar os danos. 

  Tamén escoitei ás persoas afectadas pola predación do lobo sobre o seu gando ou sobre os seus cans de caza. Moitas desas persoas que escoitei son igualmente conservacionistas de pro pero que ven como o tema acaba por lles afectar. E cóntanme apenados como o lobo lles matou un becerro, un poldro ou o can de caza dun amigo que ía á becada. E sintes que a administración non sabe ou non quere compensalos en tempo e forma. A quen non escoito nin escoitarei xamáis é aos necios que falan do lobo coma uha ameaza para as persoas (a prensa mierder é especialista na materia). Se algo me dá medo cando saio ao campo é atoparme con mastíns ou cans P.P. soltos, non cruzarme cun lobo.

  Se este blogue superou o millón de visitas é por algo. Entre os meus lectores hai biólogos, científicos, divulgadores, escritores, gandeiros, cazadores, veterinarios, políticos e ata o farmacéutico da esquina. Pido que se alguén comenta algo ao respecto do lobo, que sexa prudente e consciente de que o van ler todo tipo de colectivos, porque Bichos non é unha publicación científica senón un espazo de divulgación. E estou seguro que todos os lectores e lectoras de Bichos están a prol da conservación do lobo, aínda que teñan visións diferentes sobre como facelo.

4 comentarios:

  1. Yo los vi en directo y muy cerca de mi.Y a quien más miedo tengo en mis salidas es el Jabalí ese es un gran peligro.Jose Ramón Castro

    ResponderEliminar
  2. No meu caso son sentementos encontrados.
    Admiro ó lobo porque é un depredador como o poido ser eu.
    Pero ó mesmo tempo que entendo que ten que alimentarse e cando nos causa danos nos animais de produción e traballo, deberamos ser compensados penso que hai que ir un paso máis aló.
    Non me parece bó nin pra el e pra nós que o lobo perderá o medo que lle tiña ó ser humano. E isto vai dar moitos problemas.
    Se cadra hai que pensar en solucións non letais (balas de goma, translocación) para individuos problemáticos. E se persisten, con todo o pesar, sacalos de circulación.Non pode ser que un individuo hipoteque a viabilidade da especie nun territorio.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos