xoves, 21 de novembro de 2024

21/11/2024 Folga xeral e paseo pola ría

    Hoxe houbo folga xeral nos estaleiros de Navantia na ría (Fene e Ferrol), pois levamos case tres anos co convenio colectivo "caducado" e non acaba de producirse acordo da empresa coa parte social. Esta mañá impedíase a entrada tanto ao persoal da principal como das empresas auxiliares. Ás 5,30 h fun ao piquete da "Porta do Estaleiro", onde permanecín un par de horas apoiando aos compañeiros do Comité de Empresa. Afortunadamente non houbo incidentes e non entrou ninguén a traballar (os servizos mínimos accedían pola outra porta).

Unha das portas de Navantia-Ferrol

   En vista de que non había "lío" fun tomar un café e pasear pola ribeira.

Ría de Ferrol desde Maniños (Navantia ao fondo)

 No peirao de Maniños había unhas cantas gaivotas e garzas brancas pequenas aguantando o forte vento de SW que sopraba.


    Non sei se é pola presenza dos pescadores deportivos pero agora case nunca están os corvos mariños cristados (Gulosus aristotelis). Hoxe boteinos en falta.

Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
Sony RX10 III (focal 600 mm  equiv.)  ISO:400    V:1/200   F:4


    Ao pouco de chegar comezou a diluviar e decidín marchar. Tampouco había novidades.


  Deume tempo a facer esta foto con ISO 6400, unha auténtica barbaridade para unha bridge con sensor de polgada como a Sony RX10 III (o seu rango máximo é 12800, só un paso máis). Editando o ruido coa I.A. do Lightroom queda así de ben:

Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
Sony RX10 III (focal 600 mm  equiv.)  ISO:6400    V:1/1250   F:5,6

    Terminamos con outra foto do estaleiro onde traballo. Porque un servidor nin é biólogo nin traballa en Medio Ambiente ou na Xunta, como moita xente pensa (téñenme preguntado). Son un humilde currante do metal que non pisou a Universidade na vida. E a moita honra.

Factoría de Navantia-Ferrol

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos