xoves, 28 de novembro de 2024

Control de paseriformes na Espiñeira (Cospeito)

  Onte saía para Lugo despois de participar no piquete de Navantia. Concretamente aos campos da Espiñeira (Cospeito), onde botei seis horas realizando mostraxes a pé, cun percorrido duns 12 Km (sete listas ebird). Como había que camiñar levei a Sony RX10 III.

Primeiro transecto

 "A Espiñeira" é unha área agrícola onde se fixo a concentración parcelaria cando a desecación da lagoa de Cospeito. Ocupa unha superficie dunhas 240 ha (no centro da ortofoto) e sitúase a 400 m snm. Na visita de onte prospectei aproximadamente o 75%  da extensión.

Ortofoto da Espiñeira

      As terras estaban moi húmidas, coma correspón nestas alturas.





Macizo do Xistral ao fondo


   Por unha banda o medio natural galego sofreu un deterioro alarmantemente acelerado nestas últimas décadas e por outro non vai frío en Europa. Polo tanto non esperaba moita cousa, como así foi. Imos coa listaxe do máis interesante. Sen desmerecelas, por motivos de espazo obviarei aquelas especies máis abondosas e omnipresentes en calquer mostraxe por terras galegas.
  • Unhas 40 gaivotas escuras (Larus fuscus). Podía haber algunha michahellis, mas todas as adultas que puiden identificar parecían fuscus
  • 2 Cegoñas brancas (Ciconia ciconia). Ese refrán español de "Por San Blás la cigüeña verás" pasou á historia hai años
  • 6 Garzas boieiras occidentais (Ardea ibis)
  • 1 Garza branca grande (Ardea alba) que pasou voando baixo sobre unha granxa
  • 3 Buxatos comúns (Buteo buteo)
  • 2 Picapaus grandes (Dendrocopos major)
  • 1 Falcón peregrino (Falco peregrinus)
  • 2 Corvos carnazais (Corvus corax)
  • Unhas 55 lavercas dos campos (Alauda arvensis). Podemos considerar un total de polo menos 70-100 exemplares para toda A Espiñeira. Este tipo de especies sempre son moi subestimadas en número cando se censan. Estás contando un grupo de 30 aves nun prado, pasa un azor e saen voando o dobre ou o triple
  • 2 Cetias das ribeiras (Cettia cetti)
  • Aprox 500 estorniños, entre pintos (Sturnus vulgaris) e negros (Sturnus unicolor). Un ave moi difícil de contar neste lugar porque se moven moito e as árbores quitan moita visibilidade. A cifra total para toda a área estará entre 500 e 1000 individuos
  • 4 Tordos visgueiros (Turdus viscivorus)
  • 20 Tordos músicos (Turdus philomelos) levantados durante as mostraxes. Algún podía ser "repetido" pero a maioría penso que non
  • Uns 70 tordos rubios (Turdus iliacus). Outro paxaro complicado de contar na Espiñeira debido á sua timidez. Quizá superasen os 100 exemplares. Alí o mellor é ou ben contar co telescopio os bandos cando pousan nas árbores ou ben fotografar os grupos en voo. Onte tiven que facelo todo a "ojímetro"
  • 25-40 Tordos reais (Turdus pilaris), "especialidad de la casa" e, por desgraza, tan tímido e difícil coma o rubio
  • 24 Pardais comúns (Passer domesticus)
  • 1 Pardal montés (Passer montanus)
  • 15 Lavandeiras brancas (Motacilla alba)
  • 23 Picas dos prados (Anthus pratensis)
  • Unhas 20 picas alpinas (Anthus spinoletta). Estaban nun lugar pouco visible e axudoume a aplicación Merlin para localizalas
  • 17 Pimpíns comúns (Fringilla coelebs). Un dado importante. Nestas alturas do ano o normal sería ver deceas ou centos deles en bandos numerosos. Non vin ningún pimpín do norte entre os comuns
  • 2 Escribidores de papo negro (Emberiza cirlus). Unha parella
  • 6 Escribidores das canaveiras (Emberiza schoeniclus). Supoño que individuos europeus da subespecie nominal. Aneladores: maniféstense.

Garzas boieiras occidentais (Ardea ibis)

Falcón peregrino (Falco peregrinus) subadulto

Estorniños (Sturnus vulgaris/unicolor)

Tordo rubio (Turdus iliacus)

Pardal montés (Passer montanus) en grupo de comúns

Pica dos prados (Anthus pratensis)

   A maiores de aves salientar a observación de dúas lebres ibéricas (Lepus granatensis) e o achádego dun rastro de teixugo (Meles meles), con pegadas dun adulto e unha cría cando menos.

Pegada de teixugo (Meles meles)

  De moito interese resultou o observación de tres machos e tres parellas en tándem de lavacú estriado (Sympetrum striolatum). Unha das parellas mesmo estaba a ovopositar, un 27 de novembro.

Lavacú estriado (Sympetrum striolatum)

 Tamén atopaba as primeiras postas de rá vermella (Rana parvipalmata).

Ovos de rá vermella (Rana parvipalmata)

  Ben, unha saída variada e que tería uns resultados moito máis importantes de terse feito hai vinte ou trinta anos, cando cada viaxe á Terra Chá resultaba fascinante.



O ceu sobre A Espiñeira

2 comentarios:

  1. Muy interesante entrada, Xabi. Aquéllo lo conocí en la década de 1970, y era un lugar de gran interés en todo tiempo, sobre todo por las avefrías y otras limícolas durante la primavera, y por la gran cantidad de limícolas en invierno (espectacular la cantidad de aguanetas todos los años, con ola de frío o sin ella, aunque entonces no recuerdo esos enormes bandos de paseriformes (aun habiendo muchos) vistos años más tarde. Lo que sí pagaría es por ver aquella llanada cuando era casi toda ella un enorme brezal-tojal higrófilo; matorral que desapareció por drenaje y roturación para plantar herbáceas, simultáneamente con la desecación, que aquí afectó sobre todo a lo que era la "lagoa pequena", colindante con aquellos matorrales, y alrededor de la cual criaban las avefrías. Qué tristeza...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Unha mágoa todo o que pasou, certamente. Falando da "Lagoa pequena" eu tamén a coñecín (antes do "efecto Ramil"). Alí tiven unha das observacións máis extraordinarias da miña vida, con 70 combatentes (Calidris pugnax) observados tal día coma un 26 de abril de 1992. Impresionante.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos