martes, 10 de decembro de 2024

Bichos "Vintage": A xunqueira de Ares

  NOTA: Entrada publicada orixinalmente o 23/05/2019, agora revisada e corrixida

   Unha das características da nova xeración de "paxareiros" é o costume de se expresar en termos coma "fuches ao Hume?", "eu xa teño o pilro escuro" ou "este finde imos ao Baird". Algo entendible dado que o seu único obxectivo é coleccionar especies. Afortunadamente hai excepcións pero desde logo o que máis abonda é iso (as redes sociais fixeron moito dano nese sentido).

  A diferenza deles os naturalistas imos a sitios localizados nun mapa coa intención de coñecer a súa biodiversidade e, na medida das nosas posibilidades, a evolución ecolóxica dese espazo natural. Se de paso cae unha raridade, pois moito mellor, pero o que máis nos interesa é comprender o mundo que nos rodea. Hoxe coñeceremos unha pequena parte dese mundo.

ENTRADA

     A Xunqueira de Ares é un modestísimo humidal situado xunto á vila de Ares. Onte, mentras realizaba unha mostraxe odonatolóxica, tiven ocasión de conversar pausadamente co señor José, un nativo xa ancián que me relatou pormenores deste espazo natural.

 Aspecto da xunqueira principal

  Como tantos outros humidais non se pode entender a sua evolución sen coñecer o "manexo", a interacción do home co medio natural. Un manexo que actualmente está orientado ao turismo ou lecer pero que tempo atrás buscaba o aproveitamento agro-gandeiro.

 Paseo peonil 

   O abandono deste aproveitamento tradicional deriva habitualmente nun proceso acelerado de colmatación e incremento da cobertura forestal nos humidais. Consecuentemente, unha perda das especies asociadas a estes hábitats tan escasos na Galiza.

   Conta o señor José que hai 60-70 anos a xunqueira estaba dividida en parcelas (el aínda conserva dous ferrados). Cada propietario estaba obrigado a curtar "a xunca", que empregaban para estrar (encamar) o gando, unha curta que facían a partires de xuño-xullo. Se alguén non o facía viñan do concello e facíano eles. Igual que en Cospeito ou na Frouseira levávanse as vacas a pacer na xunqueira. O terreo era brando mais permitía sen problema a entrada dos carros a recoller a xunca.

   Todos os anos chegaban mulleres de Betanzos especialmente para apañar o toelo (Scirpus lacustris), un macrófito de talo redondo co que "enristraban as cebolas". José reveloume tamén unha acepción local para Typha spnegrito, chamado así pola cor das flores femininas.

Don José Martínez Rivas (89 anos). Imaxe tomada co seu permiso

   Arestora a vexetación ripícola de salgueiral e ameneiral cobre grande parte da antiga xunqueira. Nos tempos de José os viciños subían en lancha polo rego principal, hoxe moi pechado de vexetación e sen apenas calado. Contoume que os rapaces pasaban de pé por baixo da vella ponte da estrada. Agora os sedimentos areosos depositados no leito do río impídeno.

 Aspecto actual do rego

   Martiño Cabana pasounos unha comparativa da situación actual e no 1957, cando se tomou a serie do famoso vóo americán. Pode apreciarse a parcelación do propio humidal, así como o uso agrícola dos terreos colindantes, hoxe moi urbanizados ou con cobertura forestal (caducifolia e eucalipto).

  Non se aprecian augas libres extensas na foto antiga. Segundo o señor José había unha rede de canles de auga que por veces facían de lindes das fincas pero básicamente era unha grande pradaría de xunca asolagada. Naquelas canles "había moitas anguías (Anguilla anguilla) e tamén munxes (Mugil sp)". Hoxe a fauna piscícola tamén está extinguida.

Aspecto en 1957 (vóo americano) e actual

  En Abril de 1982 José Souza visitou a xunqueira na compaña de J. M. Fafián e realizou un plano do humidal. Amablemente cedeume as páxinas do su cuaderno de campo, que pegaría aquí na súa totalidade pero que debo resumir por falta de espazo.

 Plano elaborado por José Souza en 1982

    Souza relata no seu cuaderno as especies de fauna vertebrada observadas. De entre as aves cita niños atopados de mergullete común (Tachybaptus ruficollis), nunha pequena charca do sector N, galiña de auga (Gallinula chloropus) e lavanco real (Anas platyrhynchos). Tamén é detectada a zurrasca eurasiática (Rallus aquaticus). Moi interesante tamén a cita de 1 macho de cerceta albela (Spatula querquedula) observado aquel día. O lavanco real, a galiña de auga e a zurrasca eurasiática seguen a criar actualmente.
    O señor José coñecía ben a pola de auga, termo que escoito por primeira vez na comarca de Ferrol, onde é máis coñecida como galiña de río. Pregunteille por ela e contestou que "tiña un debuxo que parecía a bandeira de España", imaxino que referíndose ao bico.

   Volvendo a 1982 Souza indica tamén a abondancia da rata de auga (Arvicola sapidus), con numerosos excrementos e encames achados, así como a escoita de abondosos cantos de rá verde (Pelophylax perezi), hoxe extinta. Cando preguntei ao señor José pola sorprendente ausencia de rás que se podía apreciar na actualidade contestou categórico: " Iso foi polos sulfatos".
  Desde logo a ausencia case absoluta de anfibios neste humidal - teóricamente un bon hábitat para varias especies - é realmente insólito.

Xunqueira de Ares (canaval de Phragmites ao fundo)

   Fica aínda unha magnífica comunidade botánica, entre que as Souza menciona trebo de auga (Menyanthes sp), frundio (Myrica gale) e varias xuncas coma Carex hista ou C. riparia. De máximo interese foi a comunidade de ambroíño de río (Nymphaea alba) que atopou naquela visita de 1982. Podemos engadir Ares a outros humidais litorais dos que desapareceu este nenúfar, coma o Carregal de San Xurxo. Probablemente acabe por desaparecer tamén na lagoa de Xuño, onde houbo igualmente cambios drásticos nas últimas décadas, segundo me relatou Miguel Conde.

      Esta historia da xunqueira de Ares lémbranos o importante que pode ser o manexo humano para conservar os ecosistemas acuáticos e a biodiversidade asociada.  É absurdo investir nun plano de conservación do escribidor das canaveiras se logo a propia Administración permite que o hábitat desta especie en perigo de extinción se convirta nun salgueiral pantanoso. Señores académicos: unha de dúas, ou permanecemos ausentes mirando desde a nosa burbulla ortodoxa e elitista como se produce a sucesión ecolóxica ou actuamos para mellorar a biodiversidade.

 Por último agradezo a José Souza e Martiño Cabana a axuda prestada na preparación deste post.

4 comentarios:

  1. Fermoso post. Parabéns aos que o fixeche posible. Apertas! Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Esquecín agradecer a colaboración ao señor José. Dez meses despois daquela "entrevista" explotara o covid, que afectou especialmente aos nosos maiores (miña nai librou polos pelos para falecer por outra causa tres anos despois). Se volvo pola xunqueira hei preguntar por José. Fora moi amable conmigo aquel día.

      Eliminar
  2. Concuerdo totalmente con Damián, y vuelvo a felicitarte por reeditarlo, Xabi. Unha forte aperta, meu!

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos