E a Natureza regaloume hoxe unha escea memorable, desas que quedan gardadas na memoria coma un tesouro. Levaba corenta aburridos minutos de espera cando apareceron, non unha, senón tres martarañas. Unha nai con dúas crías.
"El Ejército de Pancho Villa" achegándose
Pola pista habitual chegaban correndo cara min, que estaba tentando non moverme mentras tomaba fotos. Por desgraza tiña un vento moderado de costas e a nai debeu detectarme. Púxose de pé uliscando o aire e deron todos volta, mas antes deume tempo a tirarlle varias fotos bastante chulas.
Martarañas (Martes martes)
Coma outros mustélidos, na martaraña dase o que se coñece coma "implantación diferida". O óvulo fecundado non se desarrolla no útero até uns meses despois, para que os partos se produzan na estación máis favorable. No caso da marataraña en abril-maio. Así que estes cachorros deben ter aproximadamente dous meses de idades (corrixan os expertos o que proceda).
Martarañas (Martes martes). Femia con crías
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 ISO:6400 V:1/320 F:5,6
Martarañas (Martes martes). Femia con crías
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 ISO:6400 V:1/320 F:5,6
Nai posta en pé a ponto de avisar sobre a miña presenza (imaxe testemuñal moi desenfocada)
"Camiño das martarañas"
Cando despareceron tras unha sebe pensei que marcharan polo prado adiante. Cal foi a miña sorpresa cando comprobei que aínda seguían alí. Moito máis cerca do que pensaba.
Cachorro de martaraña "atacando" por sorpresa
Qué fermosura de animais! As crías mostran unha pelaxe máis "lanosa", algo máis clara cós adultos. Tamén teñen o babeiro dunha cor crema máis clara que o amarelo/laranxa daqueles.
Martaraña (Martes martes) cachorro do ano
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 ISO:6400 V:1/400 F:5,6
Ademáis do pracer da súa observación aprendín como son as voces de adultos e cachorros. Sobretodo a nai non paraba de chamalos. Eu aparteime un pouco, moi a modo, para que non perdesen contacto con ela.
Martaraña xuvenil de exploración pola pista adiante
As crías cruzaron para a plantación de cerdeiras (ou guindeiras, porque non o teño claro). Mas non chegaron a trepar polas árbores.
Plantación de cerdeiras/guindeiras (Prunus avium/cerasus)
Xa comentei que esta plantación está abandonada co chan cuberto dun silveiral case impenetrable.
Masas de silveira (Rubus ulmifolius)
Polo visto ún dos cachorros tiña ganas de aventura e internouse demasiado no silveiral, e despois xa non daba saído. Daquela comezou a chamar a nai con gritos desesperados. Entón alonxeime un pouco para que a nai fora rescatalo. Foi un momento moi tenro e doce escoitar como os gruñidos da nai ían achegándose cara os queixumes do seu fillo ata que ambos calaron, logo de se topar.
Sen embargo o momento máis impactante foi cando unha das crías apareceu de súpeto a só 1,5-2 m de min. Parou tranquilamente xunto a min para masticar unha presa que non se pode identificar nas moitas fotos que lle tomei (poño só as que quedaron mellor enfocadas).
Martaraña (Martes martes). Cachorro comendo unha presa
OM-1 + Panasonic 100-300 f:5,6 (a 125 mm de focal) ISO:6400 V:1/250 F:5
Imaxinade cómo estaba de perto que oía o quebrar dos ósos mentras masticaba. Así que sabemos que a presa era un vertebrado. Nalgunha foto podería semellar quizá unha rá vermella (Rana parvipalmata), unha captura bastante viable nese hábitat e a hora do día. Pero podía ser un micromamífero tamén, non sei.
Cría de martaraña masticando
Eu estaba flotando da emoción. Para min foi unha escea moito máis difícil e importante que a dos lobos do outro día (por moito que o lobo sexa máis mediático) que en total durou case quince minutos marabillosos, entre as 7:17 e as 7:30 h.
Martaraña (Martes martes) no camiño
Para rematar a faena, ás 9:30 observaba ao macho do outro día, que probablemente viña de merendar cereixas, e cruzou o rego de San Xurxo por onde sempre, deixando antes un regaliño en forma de caca para marcar territorio. Unhas cacas que prácticamente son agora unha morea de ósos de froita. En fin, unha xornada inesquecíbel e histórica. Non só polo qué senón polo cómo.
Que gran momento Xabi, os incribles momentos que ofrece a natureza xa os comentaba o noso añorado José Curt, podes ir ó mesmo sitio durante anos e non ter a sorte de observacións tan boas coma as destes días.
ResponderEliminarPero cando se dan as condicións ou se aliñan os astros... podes ter sorpresas como atopar lobos e martas relativamente perto de casa!!
Grazas por comentar, Yago. A paciencia e a perseverancia sempre dan froito. Aínda que "blogger" semella ser un "universo virtual" en trámite de desaparición nestes momentos. Alomenos a nivel de comentarios, porque parece que se cobrasen cartos por comentar (e non me refiro só ao meu blogue). Comentar aquí é un proceso demasiado lento e público para as novas xeneracións, polo visto.
EliminarApertas.
¡Impresionante, Xabi, menuda racha llevas con las martarañas! Menuda serie... Sabes que hace décadas este mustélido era un poco el "gorila de montaña" de por aquí, con la pita montesa y algunas especies más; un animal que se suponía acantonado en las montañas boscosas más remotas, salvo muy pocas excepciones. Si lo supiéramos entonces. Es posible que realmente así fuese --había gente muy entregada y muy competente en carnívoros (como Pepe Guitián o Augusto de Castro, entre algunos otros) que podrían contarnos muchas cosas--, pero, en tal caso, de haber sido así, la tendencia al alza, tanto numérica como a nivel de territorio ocupado en años recientes, es para ver y no creer.
ResponderEliminarCertamente, Jose (perdoa a tardanza en contestar).
EliminarO último traballo publicado por Marcos Mallo, no que fixen algunha pequena colaboura de citas e fotos, non deixa lugar a dúbidas.
Unha cousa que coincide no tempo con esta expansión da marta/martaraña é o declive brutal do esquío (Scirius vulgaris) en toda a zona. Hai moitos anos que non vexo ningún na comarca de Ferrol, cando antes os vías mesmo no paseo peonil que bordea a lagoa da Frouseira ou atravesando a estrada de valdoviño. Non opino do que non sei pero teño lido en bibliografia naturalista clásica que a martaraña era un pouco o seu depredador natural.
Esos momentos son los que te dejan en el corazón a 100.
ResponderEliminarDesde logo, J.R. Entre os lobos, a marta cereixeira e os cachorriños, vaia semaniña inolvidable!
Eliminar