xoves, 9 de outubro de 2025

Zamora/outubro 2025. Cap.3: acuáticas

  A primeiros de outubro a reserva de Villafáfila adoita estar moi seca. Hai vintecinco anos lembro ver algunha lagoíña con auga a mediados de mes ("Laguna de la Fuente", se a memoria non me traiciona) mas nestes últimos anos as augas permanentes consérvanse únicamente no centro de visitantes e na famosa balsa de decantación da E.D.AR.

Balsa da EDAR de Villafáfila

  Este ano, logo das chuvias que houbo en setembro, a Salina Grande tiña unha pequena lámina de auga na parte occidental, próxima á balsa. Era bastante cativa pero alí un pouco de auga conleva a presenza de moita bicharía.

Lagoa "Salina Grande"

   Lóxicamente a maior parte da Salina Grande estaba completamente enxoita, coma resulta habitual en moitas lagoas de carácter salino endorreico do interior peninsular.

Lagoa "Salina Grande" seca
Panasonic Lumix G7 + Pana 14-42 f:5,6    ISO:200   V:1/400    F:9

Zona de concentración de aves

   Levaba o telescopio porque en Villafáfila sempre hai cousas que contar. Poño algúns dados de acuáticas e outras aves interesantes que vin na tarde do xoves 2/10/2025. Non son as cifras de milleiros de aves que teño contado en inverno ou primavera, mas a cousa estivo entretida
  • 64 Tadornas brancas (Tadorna tadorna). Se nolo contan hai vinte anos non o cremos
  • + Culleretes boreais (Spatula clypeata). Poucos, na balsa da EDAR
  • + Patos cincentos (Mareca strepera) idem
  • Lavancos reais (Anas platyrhynchos). Varias deceas, idem
  • 2 Zurrascas eurasiáticas (Rallus aquaticus) detectadas na balsa e no regato de desaugue
  • 19 Grous eurasiáticos (Grus grus). Auténtica especialidade da casa e que non esperaba achar tan cedo. De feito penso que a miña observación será a primeira este ano para a localidade, por unhas horas de diferenza
  • 2 Avocetas comúns (Recurvirostra avosetta)
  • 1 Píldora dourada americana (Pluvialis dominica)
  • 94 Avefrías choromicas (Vanellus vanellus)
  • 1 Fuselo de rabo pinto (Limosa lapponica). Debe ser bastante raro por aló no paso outonal porque os revisores de eBird me pediron confirmación
  • 2 Arceúchas das brañas (Gallinago gallinago) na balsa da EDAR
  • 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos) idem
  • 2 Biluricos de ás negras (Tringa ochropus) idem
  • 2 Combatentes (Calidris pugnax)
  • 3 Flamengos rosados (Phoenicopterus roseus). Unha especie cada vez máis habitual nos humidais do NW peninsular (temos 4 ex nas Rias Baixas desde hai días)
  • 1 Esmerillón (Falco columbarius)
  • 1 Papoazul (Luscinia svecica) na balsa da EDAR. Levaba anos sen ver un exemplar. No sistema dunar da Frouseira había un ponto de presencia regular cando ía por aló antes da peste mascotista: a "Charca das espadanas"

Grous eurasiáticos (Grus grus)

Grous eurasiáticos (Grus grus) en vóo

Grous eurasiáticos (Grus grus) e tadornas brancas (Tadorna tadorna)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:400   V:1/800    F:7,1

    Por desgraza nas dúas visitas á Salina Grande había luz moi dura e mesmo contraluz total na primeira delas (ás tres da tarde, cando fixen a listaxe para eBird). Cando hai reverberación e tanta distancia non hai cámara que funcione. A esta arceúcha das brañas collina algo mellor.

Arceúcha das brañas (Gallinago gallinago)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:200   V:1/200    F:7,1

Flamengos rosados (Phoenicopterus roseus) e tadornas brancas (Tadorna tadorna)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:250   V:1/640    F:8

Rematamos cos cutre-fotos sacadas a contraluz ao papoazul. O Lightroom fai marabillas mas non milagres. Fixen o que puiden para que se vise algo o bicho.

Papoazul (Luscinia svecica)

Papoazul (Luscinia svecica)

  Espérovos no último capítulo desta miniserie sobre a visita a Zamora. Falaremos de montados de aciñeiras, de raposos, de picanzos reais e de pombas seixas, nun dos meus lugares favoritos sempre que vou por aló.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos