O ano 1992 foi moi convulso a nivel persoal (a miña primeira ruptura sentimental, o abandono do "niño" familiar,...). Por ese motivo volqueime moito na observación naturalista, que me deparou enormes alegrías nesa época. Ún dos días máis especiais foi o 27 de xuño de 1992.
Logo de madrugar chegaba ás 6,30 h ao ponto de observación da "Baía da Lontra" (sector SW da lagoa). Non esperaba o que ía pasar aquela xornada irrepetible. Nada máis e nada menos que as tres primeiras observacións coñecidas na Frouseira de galguiñeira común (Botaurus minutus), ademáis en época reprodutora. Sabía dunha cita na lagoa de Doniños nos anos oitenta pero na Frouseira non me constaba ningunha observación previa, alomenos publicadas ou comunicadas por outros colegas persoalmente.
Ao ano seguinte volvín observar a especie mas non sería até 2000 cando fixen un seguemento máis serio con esperas regulares, nas que obtiven bastantes observacións que pemiten concluir que a galguiñeira común foi reprodutor probable na lagoa (posiblemente na canaveira madura do río Vilar). Adxunto un excel coas citas que subin a eBird referentes só á Frouseira (nas celdas en branco debería poñer "x" individuos).
A última observación propia foi o 11 de xuño de 2005. Desde entón non volvín observar a especie nin coñezo rexistros doutros observadores, así que é posible que xa se extinguise coma reprodutor. Non debe ser doado criar unha nidada de polos nun lugar onde todas as noites patrullan piaras enteiras de porcos bravos (contáronme que son depredadores de ardeidos no Delta do Ebro).
Para as novas xeracións todo é mais sinxelo. Se queres ver unha galguiñeira, consultas ebird ou o grupo de whatssap, preguntas alí e xa che din o lugar exacto e case a hora en que podes velo nas Areeiras da Limia ou no río Duero en Zamora, por exemplo. Pero antes estas cousas implicaban un esforzo. Só os naturalistas da vella escola saben o traballo que me custou sacar estas 16 citas de B. minutus na Frouseira. Horas e horas pasadas no observatorio desde o mencer, embadurnado co protector anti-mosquitos para que non me comeran vivo, a menudo aburrido sen ver nada, tentando cubrir visualmente a maior parte canaveira porque non sabías por onde podía aparecer. Hai que matizar que daquela a perspectiva desde o observatorio Nº1 era bastante mellor que agora.
Poño dúas fotos dunha galguiñeira observada en maio de 2021 no encoro das Forcadas. Con bastante probabilidade un individuo en pasaxe migratoria, ainda que era reprodutor no encoro de Sabón.
Porén, aquel 27 de xuño foi excepcional por máis cousas. Como a escoita dunha das últimas folosas grandes (Acrocephalus arundinaceus) da Frouseira, outra especie típida de humidais desaparecida na comarca de Ferrol (houbo escoitas relativamente recentes en Doniños, onde podería estar a criar de novo en anos favorábeis, tras décadas dessparecido).
Como regalo final daquela memorable xornada, atopaba un niño de noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus), nun claro do piñeiral con abondoso fento común (Pteridium aquilinum). Facía o meu roteiro habitual e case piso a un adulto, que saíu voando aos meus pes desde o restos dunha pequena fogueira. Para a miña sorpresa alí, entre as cinzas, vin os dous ovos que estaban a chocar. Como digo, una desas xornadas inesquecíbeis que quería compartir convosco. Tempos foron!