martes, 11 de outubro de 2011

Excursión a Somiedo

      Estes días boto bastante tempo na casa, pois estou de baixa laboral por unha farinxite. Así que aproveito para facer unha entrada con fotos "resesas", tomadas coa miña anterior cámara. Son dunha pequena excursión a Somiedo, que organizamos varios colegas de Ferrol en Xullo de 2009.

  Sempre pensei que a "raza autóctona" galega é de natural esaxerado. Daí que os termos e calificativos que se empregan, cando se fala do noso medio natural, sexan habitualmente bastante grandilocuentes. En certos casos rozando o ridículo, sobre todo cando fala a prensa ou a clase política, que minten descaradamente sobre o estado actual do noso destrozado patrimonio natural. Con isto non quero insinuar que non teñamos lugares marabillosos cunha grande riqueza natural. Pero debido á intensa ocupación humana do territorio e á elevada degradación do medio, non reúnen hoxe en día as condicións para ser considerados como de interese internacional, por exemplo.

   Unha das miñas primeiras polémicas no foro de Galiciaves (penso que co bon colega valenciá Manu Polo) fora precisamente sobre isto. Opinaba eu que aquí carecíamos de lugares de grande importancia desde o punto de vista faunístico e que, simplemente, Galiza era un lugar de paso para as aves. Pero non de cría nin de invernada. Algo que, sinceramente, envexo doutras rexións e países ibéricos, coma Asturies, Castilla, Andalucía, Cataluña ou Extremadura.

   E falando de sitios de importancia, a Cordilleira Cantábrica son palabras maiores, sendo ún dos lugares máis impresionantes da cordilleira, sen dúbida,  o parque natural de Somiedo, en Asturies.

    As moles calizas dos cumes lémbrannos o pequenos e insignificantes que somos, a pesar da nosa avanzada tecnoloxía. E dannos un ponto moi necesario de serenidade, que nesa vida urbanita e acelerada da cidade semella desaparecer das nosas vidas. Dan ganas de sentarse, simplemente, extasiados ante tanta beleza.
  E meditar..
  Unha alfombra de bosques de Faias (F.sylvatica) e Carballos (Quercus spp) cobre as ladeiras perdéndose no horizonte ata onde alcanza a nosa vista.
  Algunha paisaxe semella de película, como este "Llagu de la Cueva". Aquí a sección herpetóloga do grupo (eu e Manu Arzúa) estivemos buscando o fermosísimo Tritón alpino (Mesotriton alpestris), un vello sono meu de neno. Pero non houbo sorte.
  Sí vimos algún hérpeto de montaña, como as abondosas Lagartixas dos muros (Podarcis muralis) ou esta Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola). Amosaba unha pigmentación algo diferente ás que coñecemos na costa galega.


  Polo medio da "Braña de Sousas" apareceu algún "espontáneo" (pero qué demo andaría buscando Manu no regato aquel?). Ao fondo a "Sierra del Rebezu". Daban ganas de tirar con todo e quedar alí para sempre.

    Aquí estivemos un rato a ver se aparecía Heidi, pero nada.

Os que sí apareceron, como non, foron os Rebezos (Rupicapra rupicapra). Unha femia permitíume sacar unhas boas instantáneas. Pero descubrimos que tiña dúas crías perto dalí, e marchamos axiña para non molestar. Na "Sierra del Rebezu" había un grupo de 30 exemplares. Lóxico!

 Pareime a fotografar algunhas plantas que chamaban a atención. Como esta espadana azul (Iris latifolia), emparentada coa nosa espadana amarela (I.pseudacorus), tan típica dos pantanos e xunqueiras.

   Desta si que non tiña nin idea. Grazas ao comentario de Rafa L.Loureiro ("Ao noroeste do noroeste")  sabemos que probablemente se trata dunha "Digitalis parviflora" antes da floración

 Ou estoutra, que recorda moito aos cardos mariños das nosas praias, aínda que se localizaba nunha parcela de prado húmido orientado ao Norte.  Comenta Rafa que seguramente é un Eryngium, concretamente a  "Eryngium Bourgatii".

A xeoloxía non é un terreo que coñeza nin polo que teña especial interese,  pero cando vés como traballa o frío, o vento e a auga na pedra, quedas tonto.. Isto parece obra dun tolo que chegou cunha radial e se puxera a curtar verticalmente o bloque de caliza.

   O último día Somiedo despedíunos cun regalo sorpresa. En apenas cinco minutos vimos dous Gatos bravos (Felis silvestris) e escoitamos un terceiro. O máis extraordinario foi que ún deles, que tomaba o sol da tarde nun prado, permitíunos afotalo durante un bon rato sen inmutarse sequera!. Con dicir que case había que facer ruído para que mudara de "pose"... Nunca saberei se é que non nos vía ou é que simplemente pasaba de todo (xa sabemos o carácter indomábel e imprevisíbel dos gatos)
 Con toda certeza foi unha observación extraordinaria, das máis impactantes da miña vida, que xamáis esqueceremos os que alí estivemos para contemplalo. Pensade que estas fotos están tomadas cunha cámara compacta de 10x, bastante máis cativa que a que teño agora. Dígoo para que vos fagades unha idea da distancia á que nos permitía estar mentras el seguía desfrutando de Lorenzo....  Sen palabras..

  Houbo un momento en que o sol apretaba, que o tío case ficaba durmido. A todo isto, a nós... nin caso. Qué momento, señoras e señores!!

  Finalmente foise campo arriba, deixándonos para sempre na memoria unha escea irrepetíbel. Como final fantástico daquela visita a ese auténtico paraíso natural que son as terras da Cantábrica.

  Somiedo, has volver a este blogue algún día. Prométocho...

6 comentarios:

  1. Boas Xabi...só para dar a miña opinión sobre as plantas raras da túa entrada: o "cruce de orquídea e equiseto" a min paréceme unha Digitalis parviflora no primeiro momento da floración. Mágoa non a pillaras quince días máis tarde: todo un espectáculo.

    O "cardo" paréceme da familia das umbelíferas e efectivamente eu tamén apoño por un parente do noso "cardo das areas", do mesmo xénero eryngium ca este, e a especie concreta de Somiedo apoñería por Eryngium bourgatii.

    A ver se poiden botar unha mao na identificación.
    Coida esa farinxite.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, Rafa. É o malo de ter unha biblioteca naturalista modesta. Nas guías que teño non aparece ningunha das dúas especies. Menos mal que pasaba por aquí un botánico para botar unha mao.
    Iso, graciñas de novo pola información. Xa modifico o texto agora.
    PD: a farinxite xa case está curada (o pior foi a noite do Domingo)

    ResponderEliminar
  3. As grazas escúsanse, e de botánico nada de nada: aprendiz de todo e de todos.
    Non pasaba por aí: paso de cotío.
    Certamente a miña guía de botánica e practicamente infinda: chámase Google.
    Alédame que todo vaia ben.
    Saudiñas.

    ResponderEliminar
  4. Quizá pola miña recoñecida incompetencia informática son máis de guías e mapas "de papel". Non é que teña intereses na papeleira Ence, que conste, pero levo moitos anos coas guías de campo de toda a vida e cos mapas de 1:50000, e non me acabo de adaptar ás consultas vía Internete.
    Supoño iso acabará mudando co tempo e terei que ir aprendendo a moverme na rede para consultas de anelas, identificacións, etc. Pero por agora prefiro a celulosa (contradicións do naturalista moderno, supoño).

    ResponderEliminar
  5. Vaia gatos! Teño bastantes observacións da especie e nunca logrei tirarlle unha foto. Somiedo é unha pasada de lugar. Estiven tres veces, 4 días seguidos cada unha delas, disfrutei a tope. A Cordilleira cantábrica non ten parangón.
    Saúdos!

    ResponderEliminar
  6. Vaia gatos!! Efectivamente.
    Unha matización...a Cantábrica é flipante, certo. Pero hai vinte anos estivera nunha excursión polos Pirineos e aquilo é outro nivel. Ía coa moza e variois colegas nas motos (fun moteiro tamén) e apenas parei a ver bicharía. Pero estiven nos límites de Irati ou en en Ordesa...buf, buf, buf.
    NON HAI PALABRAS PARA DESCRIBIR AQUILO.
    UN abrazo.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos