luns, 16 de xaneiro de 2012

Censos de acuáticas

  Todos os anos, durante o mes de Xaneiro, realízase un recuento de aves acuáticas nos humidais de toda Europa. En Galiza, por aquilo de que somos moi nosos, non facemos un só recuento, senón dous. Por unha banda está o que encarga a Xunta de Galiza, con persoal contratado para tal fin. E, por outra, o que organiza a Sociedade Galega de Historia Natural, con persoal voluntario, e no que participo eu (son o coordenador para a zona de Ferrol-Ribadeo).


 Desde o segundo fin de semana do mes uns poucos ornitólogos e ornitólogas nos botamos a contar todo bicho que se mova polas nosas rías, lagoas e encoros. E digo "uns poucos" porque a maioría dos afeizoados ás aves teñen hoxe en día outras prioridades (como buscar unha rareza que engrose a súa lista particular de "bimbos" ou conseguir a mega-super-hiper foto).

 Pero se queremos colaborar nos planos de conservación dos nosos espazos naturais e das especies vulnerábeis, necesitamos NÚ-ME-ROS. A importancia de lugares como O Grove, San Simón, Ribadeo ou Ortigueira vén determinado polas poboacións de milleiros de anátidas e limícolas. Por iso é tan importante a realización dos censos, que nos dá unha idea da tendencia na invernada das diferentes especies. Como por exemplo, o alarmante declive do Pilro Común (calidris alpina) na ría de Ortigueira de quince anos para aquí.



  Pero os censos son algo que, sorprendentemente, parecen contar con pouco "gancho" entre a maioría da xente que se dedica á observación da Natureza. Espero chegar a comprender isto algún día...


  Este ano, o clima está acompañando. Mesmo con xornadas de sol, algo pouco frecuente no inverno galego. Probablemente os compañeiros que andan por Lugo e Ourense estean a ter problemas por culpa da néboa, o pior enemigo do censador (e contra o que non hai remedio).

  Pero na comarca de Ferrol o tempo está cumprindo moi ben por agora. O outro día o sol petaba ben na ría de Cedeira. Mentras eu sacaba fotos, o colega Ignacio Allegue desfrutaba controlando unhas bañistas en top-less.


  Falando en serio, o inverno tan suave que está a ter o continente europeu este ano fai que os continxentes invernantes de anátidas e limícolas sexan bastante máis modestos ca outros anos. E os números que estamos sacando por agora non fan máis que confirmalo, con especies ausentes por completo. Caso das Avefrías (Vanellus) ou Píllaras douradas (Pluvialis apricaria), que aparecen na costa ferrolá só con vagas de frío.

 Se non pasa nada raro, e aproveitando uns días libres, mañá completarei o principal censo da nosa zona (e ún dos máis importantes de Galiza): a ría de Ortigueira.

 Ah! esquecía unha cousa neste día tan "especial". Quero despedirme cun forte abrazo solidario para todos os demócratas represaliados, censurados, detidos, torturados ou encarcelados, e para todos os familiares de fusilados mentras Fraga era ministro do réxime franquista. Por si algunha destas vítimas é seguidora deste blogue, que é humilde, pero que ten memoria histórica. POR SUPOSTO QUE SI!!

 Un saúdo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos