mércores, 11 de xaneiro de 2012

"A Frouxeira News" (Edición de Ferrol)

A lagoa da Frouxeira segue fecha. Hoxe fun mirar (escéptico) a ver se as marés vivas romperan a barra, pero non lle fixo nin cóxegas. O problema é a grande distancia que hai entre a lámina lacustre e a beiramar.  Ademáis a zona onde é máis probable que rompa por si mesma é precisamente na parte occidental da canle pois, como se aprecia na foto, é o lugar onde a distancia entre lago e mar era menor hoxe. A destrución dalgunha das dunas cercanas (por arrastre da corrente) semella máis que probábel neste caso.


 Este dano no cordón dunar non será nin de lonxe, coma o que sofreu A Frouxeira a mediados do século pasado.

   Porque a xente penso que non se fai unha idea da dimensión do que falamos cando disto se trata. Nesta foto marquei en vermello unha área que nos mapas do Instituto cartográfico aparecían como dunas nos anos corenta. A parte da actual lagoa incluída dentro dese trazo TAMÉN era duna. Algo que algúns predicadores integristas descoñecen e que, moi probablemente, influía moito no funcionamento da lagoa. Tanto por impedir a sedimentación de areas na parte NO, como, probablemente, axudando ao desaugue natural da lagoa.


 O que antes era duna transformouse nunha enorme depresión na que a auga acumulada acabou por formar charcas de carácter máis ou menos estacional, e de grande interese para anfibios e insectos acuáticos, coma os Odonatos. Algunha destas charcas (a "charca das espadanas", hoxe colmatada) tivo importancia como lugar de cría para as aves acuáticas nos anos 80 e 90. Estaba situada no lugar que nesta foto está cuberta por canaveira (Phragmites australis).


 Para os colegas herpetólogos, comentar que toda esta depresión foi un lugar de gran presenza do precioso Sapo corredor (Bufo calamita), que cría en charcas superficiais. Pregúntome qué efectos pode ter na súa poboación esta crecida, que anegou a mellor zona de dunas grises (as dunas móbiles creo que son un hábitat menos favorábel para a especie, corrixídeme se me equivoco)


 Para aliviar o cabreo desta situación, fun dar unha volta pola praia, a ver se lles daba unha alegría aos amigos gaivoteiros, en forma de anelas. Pero nada. Apenas había unhas cantas Larus grandes frente ao illote da Percebelleira. Levaba só a cámara, pero non detectei ningunha marcada.


 As pegadas da fermosa Lontra (Lutra lutra) percorrían a praia, que visita sempre pola noite.



 Ún dos efectos colaterais desta inusual crecida é o desprazamento de moitas especies fóra do seu hábitat natural de canaveira-xunqueira. A Lontra pode verse arestora nadando mesmamente en áreas de monte, que permanecen baixo a auga, como puiden comprobar o outro día. E os Xabalís (Sus scrofa) están a aparecer de maneira sorprendentemente habitual nas fincas colindantes coa lagoa, coma nos comentaban os portavoces veciñais o outro día.

 A que non se move do seu hábitat de toxeira costeira é a Papuxa do mato (Sylvia undata)


 Porque na nosa comarca é o mellor representante ornítico das matorreiras de Toxo que tanto abondan en áreas degradas polo lume e nas zonas máis costeiras de acantilado e duna.


 Non saíu ben enfocada, pois xa comentei que teño dificultades técnicas neste sentido. E con tanto toxo no conseguín que saíra ben, malia curta distancia á que estaba. Pouco a pouco...


 En fin, seguiremos informando.

2 comentarios:

  1. Moi interesante a entrada Xabi. O Frouxeira News ten un bo corresponsal...
    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Graciñas, Quique. A pena é que SÓ teña un corresponsal. Vexo demasiados silencios nesta crise medioambiental. Alá cada quén coa súa conciencia.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos