mércores, 4 de abril de 2012

Folosa manchada (Locustella naevia) en Valdoviño

 Un ano máis, volveron as Folosas manchadas (Locustella naevia) aos seus territorios de cría en Valdoviño. A súa reprodución non foi aínda confirmada, probablemente porque ninguén de nós lle dedicou a atención debida. Pero todo indica que este escaso paseriforme mantén aínda unha pequena poboación reprodutora  nos prados de Taraza, en Meirás.

 Hoxe, na compaña de José Rivera, desfrutei da primeira observación primaveral desta ave migratoria, que acaba de chegar de África.  Así Pepín puido coñecer de primeira mao o diagnóstico canto da Folosa, semellante a un son mecánico, tipo carrete de pesca, ou ao zumbido dun insecto (o seu nome científico, "locustella" fai referencia a esta similitude entre o canto do paxaro e o dos saltóns)


 O lugar, o mesmo do ano pasado: unha parcela de prado húmido, con áreas de sega incluídas. O territorio deste macho, polo que sei, incluiría unha sebe de Salgueiros (Salix atrocinerea) e un campo asilvestrado (con silveiras) do outro lado do camiño.

 Duarnte a década dos oitenta e principios dos noventa, a Folosa manchada debeu ser un reprodutor abondoso nas canaveiras e xunqueiras da lagoa da Frouxeira. Os seus cantos eran un son familiar para min durante os meses de Maio a Xullo naquela época, na que botaba días enteiros perdido polas espesuras do canaval ou polas ribeiras da lagoa. Sen embargo pouco a pouco o seu canto deixou de escoitarse alí. E actualmente só quedan exemplares durante o período reprodutor nas veigas do río Magno, pertencentes á parroquia de Meirás.


 Ignoro cómo lle vai noutros lugares onde era común, como as chairas cultivadas de Moeche, por exemplo. Aínda que alí aínda semellaba común hai dez ou quince anos, cando puiden observar e escoitar varios exemplares.

 Polo demáis a Primavera vai entrando. Estas Andoriñas comúns (Hirundo rustica) pousaron cerca nosa, aínda que a luz non me permitiu retratalas demasiado ben.


A Lagoa da Frouxeira segue baleira (bon para o próximo paso migratorio de limícolas, pero malo para a nidificación das acuáticas). Este ano tan raro suceden observacións igualmente pouco frecuentes, como a prolongada "sedimentación" dos Cullereiros (Platalea leucorodia), que desde hai dous meses andan por acó.


 O mesmo cos Mazaricos mouros (Plegadis falcinelus), que hoxe andaban tamén no areal da lagoa. Contei 13 exemplares.


 Quería censar todo, pero a chuvia mo impideu. Apenas me deu tempo a ver 19 Patos culler (Anas clypeata), bastantes Cercetas (Anas crecca), un Rabilongo (Anas acuta), ou estes 2 Biluricos comúns (Tringa totanus) que, logo de pasar polo fotoshop, case se distingue a especie...



 En fin, hoxe collín as vacacións, e tempo haberá para voltar por aló.

2 comentarios:

  1. Hola Xabi.
    Gracias por una mañana de mucho aprendizaje y buena compañía.
    Eres un buen maestro.
    Saludos.
    Pepín

    ResponderEliminar
  2. Buf, non repitas iso de "maestro", Pepín, que non imaxinas a de paus que recibín por xente gilipollas que me acusaba de que eu ía precisamente "diso". Aínda non hai moito recibín algún comentario dándome estopa nunha entrada antiga, dicíndome que eu nin era naturalista, nin sabía nada, que era moi burro, covarde, prepotente e eu que sei cantas cousa máis...

    En fin, é o que hai cando te enfrentas a certos "entornos"...

    E graciñas a ti pola compaña. E pola foto! Chegou tarde, pero xa a metín nunha entrada novas. Porque hoxe voltei por aló.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos