sábado, 26 de outubro de 2013

De volta polo río Xubia

   Outro dos meus "local patch" (Martiño, non te rías, que te vexo...) é o val do Xubia. Non é nada do outro mundo, pero aínda ten cousas interesantes e espazos medianamente conservados, a quince minutos de Ferrol.
  Hoxe fun dar un paseo tranquilo por aló e, de novo, a lúa acompañoume a primeira hora da mañá. Aínda que agora é...  diferente.


    O paseio fluvial, lamentablemente soterrado con cemento polo equipo de goberno municipal anterior, ofrece unha oportunidade moi boa para percorrer a zona e empaparse do que é un bosque galería.


    Na ribeira poderemos atopar especies arbóreas autóctonas, xa case desaparecidas no entorno urbano: Abeleiras, Freixos, Ameneiros, Bidueiros e mesmo algún Carballo!!! Varios tipos de fentos cobren as zonas máis sombrizas.

Dentabrú (Osmunda regalis)

  A última vez que estiven por alí, a principios de Agosto, chovera todo o tempo. Grazas ao cal tiven oportunidade de secar cunha toalla os dous pes máis bonitos do mundo. Ah! ¿que non mo credes? Pois preguntádelle a estes dous paisanos, que tamén os viron e quedaron desde entón así petrificados:



  A miña idea hoxe era controlar un pouco como estaba a estación reprodutora de anfibios, logo da entrada das chuvias outonais. Pero a baixada das temperaturas estase a retrasar, e iso tamén inflúe.
  Prospectei (sen pararme demasiado) o entorno de diferentes puntos de auga, con resultados negativos.




  O máis interesante foi a presenza de dous exemplares de Rá vermella. Un macho nupcial se me escapou, debido a un exceso de confianza do fotógrafo, pero puiden retratar un exemplar xuvenil.

Rá vermella (Rana temporaria)

   Un Gabeador común pousou nun chopo peto de min (o chopo é unha árbore alóctona e introducida na zona). Nin a luz nin a distancia eran as mellores, pero logrei pillalo... máis ou menos.

 Gabeador común (Certhia brachydactyla)

   Nunha finca había coellos bravos, un animal de procedencia mediterránea e, polo tanto, pouco común na bisbarra. Éstes penso que son semidomésticos.

Coello (Orictolagus cuniculus)

  Estamos en tempo de setas. E resulta case obrigado publicar algunha foto delas. As omnipresentes lepiotas son habituais nos prados da zona.

 Lepiota  (Macrolepiota sp ?)

 Nunha pequena represa observei o que debía ser un Reo (Salmo trutta), que pegou un chimpo de tres pares. Pero un salto que non foi dabondo para salvar a distancia da presa.  Aproveitei para practicar un pouco o efecto da auga con pouca velocidade de disparo. Non levaba a trípode e tiven que disparar a pulso, con velocidade moi lenta. Pensei que había saír moito máis movida.

Río Xubia

 Ate a próxima!
 

6 comentarios:

  1. Un paseo moi bonito. Encántame a foto do gabeador. hai que ter moi bo ollo para velo.

    E por certo, ¿que se supón que son esas "esculturas"?

    ResponderEliminar
  2. Pois non che sei. Son figuras talladas en madeira, imaxino que por algún obradoiro. Agora hai un goberno do BNG en san Sadurniño que pelexa bastante por conservar as cousas do país (é un comentario, que xa sabedes que eu non fago politica aquí)

    ResponderEliminar
  3. Pois si, riome. Fotógrafo, buscardor de rarezas e agora tes "local patch". Estás perdido, tio.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
  4. Gustoume a entrado, porque todo o relacionado coas augas correntes toléame. E cando as augas que fluen son o Xuvia, pois de cine.
    Nun mes e medio aproximadamente comenzará a freza, e daquela si que haberá espectáculo para contemplar.
    Con respecto ós coellos, eses que viches son coellos (bastante recastados) con algunha raza de monte. Apontaches moi ben que era unha especie escasa na comarca. De feito antes do inicio das repoboacións nos anos 60, logo da desparición da lebre na comarca de Trasancos por culpa dos fitosanitarios, non existían mais que en dous puntos, correspondentes cós macizos graníticos. Concretamente os cazadores vellos decían que se comenzaban a ver coellos logos da Louseira, no Forgoselo, e na boca da ría, tanto no Pieiro, como en Chanteiro.

    ResponderEliminar
  5. Sí, esas precisamente eran as zonas nas que imaxinaba unha presenza autóctona do Coello. Pero sempre pensei que Ferrolterra debeu ser históricamente zona máis ben de Lebre. Pero ti sabes máis desas cousas.
    Graciñas por comentar.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos