domingo, 27 de outubro de 2013

Primeiras Lavandeiras mouras (Motacilla a. yarrellii)

  Formar xóvenes naturalistas é garantía de futuro se queremos continuar defendendo e coñecendo o noso medio natural. Así que sempre que podo colaboro nesta tarefa. Hai pouco preguntáronme se a SGHN podíamos guiar unha excursión do colexio "Mercedarias" pola Frouxeira e, por suposto, aceptei.
   Mentras esperaba a que chegaran, tiven tempo a pasear un rato pola praia e arredores, baixando pola "Rampa dos Xelados" (hai!, que recordos...)
 

Praia da Frouxeira

    Por aló descansaban varias Píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus), limícola nidificante que resiste aínda a tremenda presión humana e canina desta praia, un lugar onde as leis están para incumprirse; día si e día tamén.


   Varos ornitólogos e ornitólogas levan anos traballando no seguimento desta especie. Por medio de controles sistemáticos, capturas e anelamentos de polos, sábese agora o tamaño da poboación reprodutora e os seus hábitos migratorios. Aquí vemos unha marcada con PVC amarelo e verde (e "bandeira laranxa", que non se aprecia na foto). Creo que xa leva anos pola zona e, se non recordo mal, fora anelada en Francia, pero agora comprou un chalé en Valdoviño.(Nota: Antonio Gutiérrez acaba de confirmarme que esta femia foi anelada efectivamente en Francia, en 2011. Logo foi vista tamén na praia de Cedeira, e afotada neste mesmo blogue)

Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) anelada con PVC

  Casualmente, dous destes ornitólogos, Manolo Carregal e Alberto Monteagudo, andaban hoxe tamén por aló.  Aproveitei para explicarlles aos nenos de qué trataba isto da ornitoloxía. Ademáis Manolo avisábame pouco despois de que acababan de avistar un Pilro de Bonaparte (Calidris fuscicollis), toda unha rareza neártica, na beira da lagoa.

   No aparcadoiro da praia, puiden afotar unha Lavandeira moura (Motacilla alba yarrellii), que é a subespecie británica da lavandeira branca. Como mínimo había un macho (o da foto) e unha femia ou xuvenil.



Lavandeira moura (Motacilla alba yarrellii)

  Logo xa chegou o autobús e tocou facer un pequeno roteiro polo ecosistema da lagoa. Coma sempre unha experiencia enriquecedora para os rapaces e tamén para o monitor. Con sorte, pode que dentro de vinte anos sexa un destes rapaces o que estea ocupando o meu sitio con outra excursión de nenos.

Excursión do colexio Mercedarias (con Bart Simpson mirando polo telescopio)

  Ben, coa ilusión de ver a esta xuventude, despídome ata a próxima.
  Vémonos.

2 comentarios:

  1. ¡Vaites! ¡maldito móbil que non publica o que eu escribo! Pois repetimos. Eu aínda non vin en directo a lavandeira moura, Éche ben bonita. E coa píllara o mesmo, as veces que fun as Cíes nada.

    Os rapaces deberon de pasalo moi ben, é unha sorte poder facer este tipo de actividades.

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Claro que é unha sorte, Inés. Sonche o futuro!!
    Un abrazo.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos