domingo, 13 de xullo de 2014

Galiñola negra (Fulica atra), a crónica dunha extinción en directo

   Dúas semanas sen publicar entradas de campo debe ser o récord neste blogue. Pero é que, para entendernos, acumulouse-me moito choio xunto. 
   Estou tentando pechar xa o censo de Galiñola negra (Fulica atra) nas localidades que me comprometín a controlar. Onte achegábame ao encoro das Forcadas con ese fin.


   Só para confirmar o que xa imaxinaba despois das primeiras visitas. De seguir esta tendencia alarmantemente negativa, a Galiñola negra (Fulica atra) está a piques de desaparecer como nidificante na comarca de Ferrolterra (ao igual que na maior parte do país).
 A que foi unha das poboacións máis interesantes da especie a nivel galego, con unhas vinte parellas, está finiquitada, aparentemente. Digo aparentemente porque a esperanza nunca se perde. A observación de un total de 10 exemplares en hábitat e época axeitada para a cría manteñen aínda viva a posibilidade de que poida haber un episodio de cría este ano no encoro. Pero logo de varias visitas nas que non se detectou ningún indicio razonable (territorialidade manifesta, carrexo de material para niño, etc) pois a cousa pinta negra.

 Galiñola negra (Fulica atra)

 Se os rálidos están en franco declive, aos podicípedos vailles bastante mellor, e podía censar un mínimo duns 10 territorios ocupados de Margullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) e unhas 5 parellas de Mergullón cristado (Podiceps cristatus), que xa sacaron adiante unha rolada.

Familia de Mergullóns cristados (Podiceps cristatus)

   O noso medio natural está cada ano pior. Non hai como a acumulación de horas de campo para ter unha visión xeral e con perspectiva histórica sobre a evolución da fauna. Pensas nos resultados das túas primeiras saídas, cando apenas tiñas experiencia e case sen óptica, e os comparas co que agora sacas logo dunha mañá completa no mesmo lugar e.... as comparacións son odiosas... Esta Rá verde semella comprenderme moi ben coa súa fría mirada de anfibio:

Rá verde (Pelophylax perezi)

  Falando de rás, nestes días os cágados dos nosos anuros xa completaron a metamorfose e aventúranse polo mundo exterior. Un mundo que certamente pode ser moi, pero que moi perigoso, coma ben puido comprobar este pequerrecho de Estroza (Hyla arborea), atascado nun tecido de araña.


  Neste caso ía intervir para sacar a infortunada raniña daquela trampa, pero non fixo falta. Saíu ela soa grazas ás súas ganas de sobrevivir.
  Outros non tiveron igual sorte.

Saltón (Fam. Acrididae) capturado por Araña tigre (Argiope bruennichi)

 Levamos semanas de tempo moi nuvoso. As mañás en Ferrolterra soen ser de ceo cuberto muitas xornadas do ano, mesmo no verán (aínda que á tarde poda saír o sol con forza), mais isto comeza a cansar. Acaso sexa por este mal tempo que a vida animal non acaba de "explotar" por estas terras.
 Varios odonatos atrevíanse a pesar da mañá desapacible. Lamentablemente aínda estou en fase de aprendizaxe con este grupo de insectos, e perdín ocasión de afotar mellor algúns detalles diagnósticos que axudarían na identificación (deixara a guía de Miguel A. Fernández na casa).
 Se alguén quere botar unha mao ou corrixir, agradécese:

Lavacú sp femia (Sympetrum sanguineum?)

    Eu son partidario de asignar nomes vulgares aos invertebrados ou vertebrados menores, tanto se proveñen do léxico popular coma se hai que "inventalos" ou importalos directamente do portugués. Pero paréceme que son moi útiles (cando menos a nivel de familia/xénero).
  No caso das Libeliñas temos en galego varias categorías propostas para as diferentes familias e eu vounas empregar: Lavacú, Candil, Gaiteiriño ou Donceliña, por exemplo.

Gaiteiriño sp (Lestes sp)

 Ben, e con estas fotos de bichos deixámolo por hoxe. Ata... cando se poida.

6 comentarios:

  1. Pois sorprendentemente nas Gandaras atopamos varias barreiras con galiñolas, e algunhas con polos. Cousa rara..

    Apertas,

    Cesar

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Xa vin as vosas citas do noticiario, César. Pois que duren...
      Unha aperta

      Eliminar
  2. O da galiñola é a crónica dunha morte anunciada, parafraseando ó gran García Márquez. Pero por outro lado, nesta mesma entrada reflictes a boa situación dos mergullóns. A natureza evoluciona, o que é normal. Ainda que o que non é normal é que hai un factor que altera de modo decisivo a evolución natural, que somos nós.
    Teño moi frescas unhas lecturas sobre o declive da poboación de araos en Galicia ata a súa extinción como reprodutor. E a galiñola parece que segue o mesmo camiño.
    Apertas Xabi.

    ResponderEliminar
  3. A miña pregunta como ignorante afecionado as aves non evolucionadas (lease reptiles) e porque a galiñola non e os mergullons si, ou a pita de auga. Refirome as afeccions as suas poboacions, que e o que as fai diferentes?

    Saudos

    ResponderEliminar
  4. Non son experto nestas cousas pero dareivos aos dous a miña opinión, desde a experiencia de campo que teño nos humidais ferroláns.
    Primeiro, dixen que aos mergullóns íalles "bastante mellor". Pero en comparación coa Galiñola! De feito, e comparando coa década anterior, parece que tamén se deu un descenso importante no número de territorios de Mergullón pequeno (e de confirmacións de cría, que aínda están por chegar este ano...). Ao cristado si que lle vai ben, pois é ave en franca expansión por esta zona.

    Os motivos? buff..... NÓS, supoño. Algunhas causas que puideron influir na extinción da Galiñola, aparte da presenza intrusiva do Xabalí (que "soltamos os ecoloxistas", como sabedes), pois ocórreseme a desaparición de masas de Scirpus lacustris (comprobado en Forcadas, quizá por contaminantes procedentes dun invernadoiro), as actividades acuáticas con embarcacións de recreo, os niveis hídricos que dificultan o asnetamento dos niños (baixos na Frouxeira e, paradóxicamente, altos en Forcadas), ..non sei.
    Sobre isto, e se consideramos o Xabalí como causa principal (é a miña opinión), resulta chamativo que os niños de mergullón están quizá en augas máis profundas e mesmo augas abertas, mentras que as de rálidos permanecen entre o cinturón de vexetación palustre, moito máis accesibles á predación por Xabalí.

    Como especies invasoras temos o Caranguexo vermello en Forcadas (en baixa densidade, a Deus grazas), pero non en Doniños, onde tamén desapareceu. O Visón é raro na comarca de Ferrol,pero temos unha densidade moi boa de Lontra, que é depredador ocasional da especie.
    E logo os problemas que se escapan de enfermidades, estratexias reprodutivas, competencia con outras especies, eu qué sei. De seguro que cando se elabora a monografía sobre a Galiñola, na que estou participando, han debaterse todos estes temas e moitos máis, a ver se se chega a unha conclusión. Porque logo está, como aponta César, a diferente situación en función da área xeográfica. En fin, que seguro que é un tema máis complicado do que se poida pensar...
    Unha aperta, rapaces.

    ResponderEliminar
  5. Boas de novo,
    por ahi iba a miña pregunta. No caso das Gandaras os niños estaban no medio da masa de auga, pero os de pita de auga ou rascon estan no medio da vexetacion, mais doados de ser predados por vison ou xabarin. Pero en Ribadavia as masas de auga estan vexetadas e son enormes, non se atoparon galiñolas pero si pitas de auga e mergullons con polos, e hai vison e esta todo trillado polo xabarin.
    Hai algo que escapase da ecuacion.

    Cesar

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos