domingo, 27 de xullo de 2014

Tempo de verao

 Cun pouco de retraso coméntovos unhas cousas do pasado día 25. Estamos de verao, e todo semella pausado e discreto.
 Nas Forcadas, as primeiras roladas de Mergullón (Tachybaptus ruficollis) fixéronse esperar. Na lagoa da Frouxeira probábelmente han tardar algo máis. Alí, debido ao particular funcionamento hidrolóxico que ten, a cría dalgunhas especies retárdase varios meses con respecto a humidais tradicionais.

 Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) con poliño

  Estaba eu realizando un censo completo de acuáticas reprodutoras  e achei este Miñato abelleiro (Pernis apivorus), voando nervoso e pousando nos salgueiros da ribeira en Loiravella. Grazas á SX50 puiden tirar polo menos unha foto testemuñal, a pesar dos 400 m. de distancia e da mala luz que había.

Miñato abelleiro (Pernis apivorus)

   Esta rapaz peculiar está presente na comarca de Ferrol pero en baixa densidade. Chega tarde, procedente de África, sendo moi raro avistalo antes de mediados de Maio. Ten unha dieta a base de himenópteros (abellas e avispas), por iso é habitual observalo pousado en campo aberto.
   O Miñato común ou Buxato, como se coñece en Ferrol, é moito máis abondoso. Nestas alturas, os berros angustiosos dos xóvenes voadeiros pedindo polos pais escóitanse con facilidade en calquera espazo rural ou suburbán galego. A partida do niño e a emancipación debe ser certamente un momento traumático para os polos das aves rapaces. 

Miñato común ou Buxato (Buteo buteo)

Nunha das paradas que realizo sempre, na mesma cola do encoro, puiden afotar un pequeno ser realmente asombroso: un insecto pau (orde Phasmidae). 


Os insectos pau que se observan soen ser femias, xa que posúen unha forma de reprodución moi particular, a partenoxénese, que fai que os machos non sexan apenas necesarios para a fertilización dos ovos. 
Grazas á foto macro, podemos ver que as antenas están formadas por 11 segmentos (vese mellor nas fotos orixinais sen recurtar), o que me leva a pensar que o exemplar da foto se trata da especie Leptynia hispanica.

Insecto pau (Leptynia hispanica)

    Por suposto, é tempo tamén de Libeliñas. Todas as masas de auga doce son  propicias para ver unha morea de especies nestes días de finais de Xullo.  Lamentablemente sigo pelexando co PC (se soubérades o que está custando editar este post facíadesme un monumento) e ademáis non teño hoxe moito tempo para pararme máis; así que deixo a identificación destes odonatos por se hai algún voluntario ou voluntaria.

Gaiteiriño verde? (Lestes viridis?), femia

Donceliña elegante (Ischnura elegans)

 Bueno, e vamos a ter que tomar medidas con este computador, porque se está convertendo nun computeador de carallo. A ver se o dou solucionado sen ter que formatear....

 Ah, esquecíao! mañá, se non pasa nada raro (con perdón), vou facer unha excursión cun obxectivo moi especial para min: afotar un reptil fermoso e tranquilo, que resulta moi escaso en España. Un ofidio, concretamente, que foi desde neno un deses bimbos que sempre quixera ver. Pero naquel entón as poboacións coñecidas estaban moi lonxe de Galiza. Agora, e grazas ao artigo publicado por Martiño Cabana no boletín da A.H.E. coñecemos moito máis sobre este bicho e....xa non vos dou máis pistas. Quizá non dea logrado o avistamento (os répteis non son tan fáciles como as aves), pero sen dúbida que resultará nunha saída divertida. Faime moita falta nestes momentos algo así, para ter a mente ocupada. Canto menos pense... mellor.

4 comentarios:

  1. Asi que o plan e unha visita farmaceutica? Non sei se non sera mais doado afotar aos sapoconchos.

    Apertas,

    Cesar

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si señor, tiña que ver co señor Esculapio efectivamente. Pero non houbo sorte. Agora vou formatear o "computeador" a ver se deixa de tocarme os chismes. En canto arregle xa publico, pero xa che digo que non houbo sorte. Pero xa imaxinaba que tendo en conta a época e o horario previsto, así como a miña falta de experiencia coa sp a cousa era máis difícil ca o gordo da lotaría. Só quería respirar aire puro e tomar contacto co lugar.
      Xa vos contarei. Agora voume liar a tortas con este mamonazo....

      Eliminar
  2. Hola Xabi,
    La Ischnura es un macho de I. elegans. Fíjate en el apéndice del pronotum, ideal para separarlo de las otras especies de Ischnura...
    En cuanto al Lestes, yo apostaría por L. viridis...
    Saludos,

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Muchas gracias, Alfonso. Ya he modificado los textos. La verdad es que aquel día no estaba yo para mirar mucho las guías (entre el PC y otra cosa que yo me sé...vaya semanita)
      Apertas.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos