domingo, 12 de outubro de 2014

Bubulcus ibis e Hirundo/Cecropis daurica na ría de Ferrol

  Hoxe domingo a visita á ría de Ferrol parecía que había ser insulsa e aburrida, mais tornouse nunha xornada magnífica desde o ponto de vista ornitolóxico. Comezaba o percorrido pola ribeira de Mugardos e acababa en Neda.  Entre outras cousas observaba:

- 1 Garza boieira (Bubulcus ibis) pousada nunha embarcación en Maniños (Fene). Andaba a controlar a chegada da Garza branca e mira qué surpresa achei. Xá o pasado inverno tivemos a visita desta garza mediterránea no entorno da ría (preme). Desde a Mariña lucense parece que a súa distribución coma invernante progresa cara o Oeste, ano tras ano.

 Garza boieira (Bubulcus ibis)

- Muitos Alavancos (Anas platyrhynchos) espallados. Aínda non apareceron outras anátidas. Había un Pentumeiro (Melanitta nigra) macho sedimentado en Maniños desde finais de verán, pero penso que xa marchou.
- 1 Mazarico chiador (Numerius phaeopus) en Neda
- 2 Mazaricos rabinegros (Limosa limosa), que xa levan tres semanas aqui. Semella que han ficar a invernar.
- Deceas de Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos). Xa vos contei que a ría de Ferrol é unha das localidades máis importantes para a especie en Galiza, e atrévome dicir que tamén en España. Nesta ocasión non controlei a praia de San Valentín (Fene), onde paran outras limícolas


Mazaricos rabinegros (Limosa limosa)

    Na zona de Neda hai xa algúns anos que comezou a funcionar a E.D.A.R. Non sei se é casualidade que desde entón o número de especies de acuáticas avistadas non fai máis que medrar. A invernada regular de Anas acuta, Anas penelope, Tringa nebularia e outras son unha nova positiva, tratándose dun intermareal tan destrozado como é o de Neda-Narón

 Ribeira de Neda

    En Maniños practicaba o disparo de aves en vó coa reflex. Para iso debo recorrer ao enfoque manual. Pouco a pouco voume afacendo a este mundo completamente novo para min.

Carrán cristado (Sterna sandvicensis)

   O mellor estaba por vir. Cando xa marchaba, localizaba un bando de Andoriñas voando e pousando na parede dunha casa na mesma vila de Neda


    Tiven que sacar a cámara da funda no maleteiro pero deume tempo a tirar unhas cantas fotos. Se me din hai dez ou vinte anos que había ver isto non o creo: un bando de 9-10 Dáuricas (Cecropis daurica)!

 Grupo de Andoriñas dáuricas nunha casa de Neda

    Non teño moita experiencia con este paxaro, pero creo que non é tan gregaria coma outras andoriñas; así que deduzo que se trataría de un ou dous grupos familiares residentes pola zona.


      Xa tiña observado varias aquí o mes pasado. Deben ser as mesmas que Miguel Fernández observou no entorno dun dos viadutos que posúe a autoestrada AP-9 ao seu paso pola ría. Con toda probabilidade están a nidificar nalgunha destas pontes, infraestruturas que están a axudar na expansión espectacular da especie polo norte galego. Xa temos "choio" para a vindeira Primavera (sería unha cita ben glamourosa para o Atlas).


 Andoriña dáurica (Cecropis daurica)

 Nunha antena chegaron a pousarse 9 exemplares de dáurica, e aínda había algún máis voando, penso. Unha visión sorprendente por estas terras.
  Neste mundo tan alterado e desnaturalizado no que moitas especies están en severo declive ou mesmo extinguíndose e no que apenas sobreviven as especies que son capaces de se adaptar a nós, a Andoriña dáurica convértese nunha auténtica triunfadora.

Unha foto impensábel hai uns anos

  E con este bon sabor de boca despídome ata a semana que vén. Mellor pasar páxina doutros acontecimentos sobre os que non vale a pena remexer.

4 comentarios:

  1. El día 28 del mes pasado observé un grupo de 10 hirundinos sobre la playa de San Valentín de los cuales con seguridad 4 eran dauricas, frecuento la zona y no observé la especie en los meses de julio y agosto.
    un saludo Xabi.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Seguro que era este mesmo grupo Juan. Ti, que viaxas moito, controla estas tías cando pases pola autoestrada en Primavera. Probablemente estean a nidificar debaixo do viaduto de Sillobre o no de Neda.
      Unha aperta.

      Eliminar
  2. Respostas
    1. Pouco a pouco, Alejandro. O Tamron é case un pata negra por cualidade óptica (disque). Pero 500 euros implican unha ergonomía e unha "tosquedade" non presente nos blanquitos de Canon, como sabes.
      O anel de enfoque do Tamron vai un pouco "a golpes" e resulta algo difícil de axustar. Para os que non estamos afeitos aínda resulta nunha complicación engadida. Pero todo se andará. se son capaz de censar Ortigueira eu só isto está chupao, ja,ja, ja...

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos