sábado, 10 de xaneiro de 2015

Censos de acuáticas invernantes. Metidos en faena.

  Pois máis un ano estamos de novo entregados aos censos de aves acuáticas invernantes que se realizan en toda Europa a mediados de Xaneiro. E como sabedes eu participo nos que facemos, de maneira voluntaria, os membros da Sociedade Galega de Historia Natural. A Xunta e o Ministerio de Medio Ambiente coordinan tamén os seus propios censos, de maneira que úns vamos por un lado e outros polo outro. Cousas que pasan...


  A nivel persoal é o traballo de campo ao que máis horas e esforzo adiquei (aínda que co Atlas de hérpetos tamén foi seria a cousa). Este verán cumpriranse trinta anos desde o que técnicamente supuxo o meu primeiro "censo": unha concentración de 500 Alavancos mudando na ría de Ferrol. Como lle dicía a Quique, censar é unha actividade moi aditiva. E cada ano que pasa, a medida que ún vai coñecendo os humidais, a fenoloxía ou o comportamento das aves que neles sedimentan, vólvese máis apaixoante. E cada inverno aprendes cousas novas.


 Cisne bravo (Cygnus cygnus) na lagoa da Frouxeira

     Ao igual que o ano pasado Paco Girón e máis eu levamos a maior parte do traballo na zona entre Ferrol e Viveiro; localidade ésta que, xunto coa ría do Barqueiro, decidía cubrir eu hoxe.

    Aproveito para comentar o descenso espectacular no número de gaivotas sedimentadas nas nosas praias. É algo que levo observando desde hai varios invernos. Daquelas bandadas de moitos centos ou millares de larus, pasouse a grupiños de 100-200 aves en moitas ocasións, independentemente das circunstancias climatolóxicas.
    Nalgún caso o selado dalgún grande vertedoiro urbán pode estar detrás deste diminución (como o de Mougá, en Ferrol). Se embargo creo que a causa principal é esa que todos pensamos: a peste.
  Resulta unha quimera visitar unha praia galega sen ter que soportar a visión de varios cans soltos correndo e asustando todo canto se move. Non hai moito Ricardo Hevia compartía esta opinión mentras me explicaba a desparición dos láridos tamén na praia de Cariño. Desde logo é unha das novidades máis importantes que notamos os que xa levamos uns aniños nisto.

 Patos cristados americáns (Aythya collaris) na Frouxeira, Valdoviño

      Nos últimos lustros, o frío semella que desapareceu do noso continente, para cargar con toda a súa furia sobre outras partes do mundo. Unha das miñas afeizóns é a climatoloxía, e veño observando que, por exemplo nos EEUU, están a padecer unha serie de invernos realmente crús últimamente. Penso que esa é a causa da actual abondancia de raridades neárticas.
    Pola contra, o benigno do clima en Europa, fixo desaparecer os grandes números de invernantes que décadas atrás eran habituais. E ollo, porque son precisamente eses números (e non as raridades) as que aportan importancia relativa aos nosos humidais. Pensade que ún dos principais criterios para incluir un humidal na categoría Ramsar é que o número de exemplares dunha especie determinada supoña o 1% do total europeo ou o 10% do total español. Ribadeo, segundo este parámetro, debeu perder hai tempo esta categoría (polo descenso de Anas acuta).
     Así que o das rarezas está moi ben, pero os grandes números de aves comúns serán os que determinen se unha localidade posúe ou non categoría internacional e, polo tanto, será máis doado conseguir a súa protección. Tentei explicar isto moitas veces, pero o persoal segue sen entendelo.

Mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis) en Viveiro, Lugo

     Finalizo cun dato:  38 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos) censados esta mañá na ría de Viveiro, nunha área controlada dunhas 90 ha con hábitat axeitado. Na miña opinión pode ser quizá unha das densidades máis elevadas de Galiza (e case me atrevo a dicir que de España).

4 comentarios:

  1. Ánimo con eses censos Xabi. Xa nos irás contando qué tal van.
    Eu hoxe tamén ando facendo o propio coa SEO en Madrid. Ainda que a zona que me tocou, é moito mais doada que as nosas rías. Pero todo vale e aporta datos, como ben dis.
    Apertas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Os censos da SEO? Eses son para o Ministerio ou son aparte (eu xa me fago a picha un lío con toda esta historia). Páganche desprazamento?

      Eliminar
  2. Tomo nota meu do da peste e a diminución de bandos de gaivotas nas praias. Cara aonde irán?
    Tamén se che coou unha gralla no texto: puxeche has. para dicir hectáreas (ou hectares). É só ha, sen punto nin plural: 1 ha, 1,5 ha, 30 ha.
    Apertas compañeiro! Ánimo!
    Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Perdoa Damián (non vira este comentario):
      Xa corrixín iso das hectáreas; graciñas. Sobre o que me preguntas das gaivotas e a peste...mmm desde logo nas praias NON PODEN estar. Non son biólogo coma ti, pero supoño que o gasto de enerxía que lles supón ás aves andar todo o día levantando a voar e volver a pousar ata que aparece outro puto can e volver a levantar, etc... é demasiado "costoso" e fai que abandonen rápidamente eses lugares como zonas de repouso. Paco comentábame que no porto exterior da Coruña xúntanse agora millares de gaivotas. Quizá o feito de que sexa un lugar de acceso restrinxido, e de amplas explanadas, facilita o descanso das aves.
      Mira dúas cousas curiosas: 1- Durante a preamar, xúntanse moitos centos de ridibundus nalgunha explanada do asteleiro de ASTANO (Navantia-Fene) que posúe mesmo charcas para bañarse 2- Antes de que cambiaran as cubertas dos talleres e almacéns, tamén había un montón de gaivotas (michahellis/ridibundus) nos tellados de Bazán (Navantia-Ferrol, onde curro eu).
      Resumindo, por un lado as instalacións portuarias e industriais, onde o acceso das persoas (e polo tanto da peste) é restrinxido parece darse actualemente grandes concentracións nos períodos de preamar. Por outra banda, xa sabes que as gaivotas urbanas mostran xa comportamento territorial nas proximidades do niño (unha parella se me puxo tonta o outro día en Maniños en pleno mes de Xaneiro! o macho berrábame e chamábame de todo menos guapo).
      Desde logo as praias agora mesmo son un ambiente tan hostil para a vida salvaxe como o planeta Marte.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos