mércores, 1 de xullo de 2020

Gaivotóns (Larus marinus) reprodutores, malas novas

 Como lembraredes o ano pasado unha parella de gaivotóns (Larus marinus) aniñara nun peirao da factoría de Navantia en Ferrol onde había tamén unha pequena colonia de gaivotas patimarelas (ver). Os polos naceron pero desapareceron "por causa descoñecida". E onte entrei no peirao, acompañado por dúas persoas e con autorización da Empresa, para facer unha mostraxe de control.


    Para a nosa sorpresa non achamos nin ún so indicio de cría, tanto de gaivotón coma de patimarela. Non había polos, ovos nin niño ningún. Nestas alturas a colonia debería estar chea de pitos de gaivota e os gaivotóns deberan estar a chocar.

 Peirao abandonado onde estaba a colonia

  A parella de gaivotóns seguen moi aquerenciadas do lugar e miraban cara nós, tranquilos e confiados. Todo indica que se perdeu a tempada de cría este ano.


  Tamén estaban as patimarelas residentes, que até non se mostraban moi agresivas connosco. Quizá porque o seu inimigo é outro: os gatos asilvestrados que hai na factoría. Teño constancia da sua actividade predatoria sobre paseriformes autóctonos coma liñaceiros ou lavandeiras (non é raro atopar algún paxaro sen cola) e tamén sobre os migrantes que paran no asteleiro durante as migracións. E resulta moi probable que sexan os causantes tamén desta misteriosa extinción de gaivotas dun ano para outro. De feito cando entramos a explorar saíron dous gatos do peirao, que deberon atopar un oco na verxa que o pecha.


  Se a Empresa ten algún interese en conservar esta parella de gaivotón reprodutora, así como as outras especies de aves autóctonas, resulta evidente que debe eliminar a ameaza permanente que supoñen os gatos asilvestrados (e que orixinan tamén moitos problemas de hixiene e salubridade en talleres ou vestiarios). Por moi impopular que sexa a medida diante dos sectores animalistas.

 Gaivotón (Larus marinus) residente en Ferrol

  A min góstanme os gatos sempre que estean na casa dún. Libres na Natureza son un perigo para a fauna e debemos consideralos coma unha especie invasora máis, porque é exactamente o que supoñen para o medio. Insisto, se Navantia aposta pola conservación e quere protexer as aves autóctonas na factoría debe tomar en serio o problema dos gatos asilvestrados e erradicalos.

Parella de gaivotóns diante da fragata "Blas de lezo" (fabricada por nós)

  Esta tempada está perdida para os nosos gaivotóns. O que ocorra en 2021 dependerá en grande medida do que faga a Dirección que, penso, vai recebir xa algunha recomendación ao respecto.

16 comentarios:

  1. Os gatos son sen dúbida un importante problema nas colonias de aves mariñas, baste comprobar o seu impacto os últimos anos nas Illas Sissargas, por exemplo. Non dubido de que poidan estar a ter efecto na colonia do porto de Ferrol, seguro que o teñen. Pero sería interesante saber se hai algo máis detrás desa deserción, xa que non é exclusiva desa colonia. Sería interesante que nos poñamos dunha vez por todas a mirar cara unha da nosas especies emblemáticas, que está nunha situación alarmante, para a que esta tempada de cría foi absolutamente catastrófica e que xa forma parte do noso listado de especies ameazadas: a gaivota patiamarela. Ogallá o problema fosen un par de gatos...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas por comentar Sergio. Dúas matizacións: o niño está nun asteleiro de Ferrol (non "no porto"). E non son "dous gatos", senón ducias, quizá máis dun centenar en toda a factoría.
      Con respeito ás patis, eu teño unha teoría da conspiración. Creo que a alimentación pode estar a influir na baixa natalidade de polos. Refírome ao abuso de pienso para gatos e carbohidratos simples (pan e bollería) que detecto nas gaivotas urbás de Ferrol. Sabes se hai algo publicado sobre iso? Este ano a parella que cría diante da miña ventana volveu ter cero polos (3-2-1-0-0 no último quinquenio) e nos niños que vou vendo na cidade apenas vexo 1-2 polos, cando antes era normal ver 2-3.
      No caso concreto do peirao de Bazán non teño ningunha dúbida que a causa son os gatos. Fíxate que as parellas reprodutoras nos tellados da factoría si teñen polos este ano. A diferencia está en que éstas que "fracasaron" están en terra, ao alcanzo dos gatos. Por non falar dos pitos de gaivotón que desapareceron misteriosamente o ano pasado. E xa falamos doutra especie.
      O de considerar á michahellis como especie ameazada xa me parece algo excesivo, sinceramente.
      Apertas.

      Eliminar
  2. Si si, non dubido do impacto dos gatos no peirao: sen dúbida que o teñen. Simplemente trato de enmarcalo nun contexto máis amplo, precisamente nun ano que todo semella indicar que foi catastrófico para a cría das gaivotas, máis aló da distinta selección de hábitats que poida ter influencia no éxito das distintas localidades, solo vs. tellados, etc, evidentemente (sen esquecer o posible efecto das choivas primaverais desta primavera, por exemplo). Ás veces convén non quedarse no obvio. Os gatos son un problemón? Sen dúbida. Ao nivel de ser 100% responsables do fracaso da colonia? o 50%? o 10%? Pois non o sabemos. E dende logo o que teña afectado á colonia no seu conxunto será o que teña afectado á parella de gaivotóns.
    Sobre michahellis como especie ameazada non é unha opinión, é un dato obxectivo: se seguimos os criterios, por exemplo da IUCN empregados para a elaboración dos libros vermellos, ou os criterios empregados para a inclusión de especies no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, ou no Español, a poboación galega de Larus michahellis entra na actualidade na categoría de Vulnerable, polo menos. Que sigamos vendo moitas na nosa contorna diaria e os ollos cos que as vemos dificúltanos asumir que o seu declive está a ser ca-tas-tró-fi-co. E ollo: falamos de declive catastrófico non dunha poboación dunha especie, senón da poboacion mundial dunha subespecie, que imaxinemos que o día de mañá á ciencia dalle por facer un split e elevala á categoría de especie (non sería tan raro, os da nosa idade xa pasamos por 3 denominacións taxonómicas para as nosas gaivotas)... igual resulta que estamos a falar dunha especie tipo audouinii ou mauretanicus en termos de conservación. Pero ese xa é outro tema.
    Apertas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Só unha cousa, Sergio. Cando falas de "subespecie" a qué te refires? Non me digas que xa segregaron as galegas coma subespecie.

      Eliminar
    2. Hola Xabi

      As nosas e as cantábricas son michahellis lusitanicus ,non michahellis michahellis como as mediterráneas .

      Saudos

      Ricardo Hevia

      Eliminar
  3. Absoluta mágoa por (mais) outra colónia de aves marinhas com problemas na Galiza, e absoluta sintonía com esta afirmaçom tua: "A min góstanme os gatos sempre que estean na casa dún. Libres na Natureza son un perigo para a fauna e debemos consideralos coma unha especie invasora máis, porque é exactamente o que supoñen para o medio.". Nom quitaria nem umha coma.

    E sobre o da Larus michahellis como espécie ameaçada na Galiza, tem razom Sergio no que di, ainda que assi de primeiras "choque" ver a esta espécie na mesma categoria de ameaça que outras totémicas da Galiza como a pílhara das dunas ou a tartaranha cinzenta. Assi e todo, isto de pouco valerá, já que o Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de espécies ameaçadas leva incumprindo-se já 13 anos... Que vergonha, de verdade.

    Saúde, Damián

    ResponderEliminar
  4. Sergio, ¿Gatos residentes nas Sisargas?
    Dime que lín mal, por favor!!!

    ResponderEliminar
  5. Outro trunfo da administración Recio!!!
    E neghámonos a ver o evidente...
    A batalla está perdida!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Home, ser é unha empresa (pública pero empresa). E cónstame a boa actitude da Dirección no relativo a temas medioambientais. Esperemos que neste caso obren en consecuencia. Vou ser optimista.

      Eliminar
  6. Boas, falando da gaivota patiamarela, dos 5 niños que controlo dende a miña terraza, e chegaron a ter polos, todos tiveron 3 polos. Agora xa non queda ningún, xa que os retirou unha empresa que ten contratada o concello para tal menester. Dous destes niños vinos eu como lles levaban os polos, noutro retiraron o niño cando estaban encubando e as outras duas parellas levan unha semana sen polos, non o vin, pero supoño que viñeron e os levaron.
    Dicir que nun caso, unha parella fixo a reposta e está encubando.

    Unha aperta,

    Juan Gómez

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Entendo que falas de Pontevedra, Juan. Sabes se consomen pienso para gatos? (aquí atibórranse con el)

      Eliminar
    2. Sí, perdoa Xabi, é en Pontevedra. Non sei se aquí consomen pienso para gatos.

      Eliminar
  7. Acabo de chegar de censar As Gabeiras, dende dous pontos, pillando as dúas illas bastante ben. Pode que se me escapará algunha pero non moitas e tamén pode que contara algunha demáis que podrían ser parellas.
    5 territorios na illa de terra e 11 na de fóra.
    Nos 80 penso que eran varios centos.
    Paco Girón

    ResponderEliminar
  8. Na Corunha nom se sentem apenas polinhos de gaivotas nos telhados, a diferença do rebúmbio de há só 5-10 anos. Já falámos, Xabi, que notava um descenso na cidade da Corunha da espécie, o ano passado também notei declive respecto ao anterior... mas este leva-se a palma! Nom imaginava que fora a ter a sensaçom de que quase nom estám a criar gaivotas na Corunha!!!

    E, tenho dados de primeira man, nas Sisargas este ano relativamente poucas parelhas, mui pouca produtividade e com muito pitinho de patiamarela morto...

    Parez que por Pontevedra a cousa vai melhor para a espécie.

    Saúde,
    Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A ver, o propósito deste post era informar da extinçom local de gaivotas asi coma do fracasso na posta de gaivotón que acontecéu o ano passsado e todo indica que o causante son claramente os gatos asilvestrados da factoria. Agora estamos a tratar outro problema diferente como é o declínio nas povoaçons urbás de patimarelas nas cidades galegas. Un declínio que na minha opiniom está causado pola actividade das empresas contratadas polos concelhos e pola baixa produtividade/natalidade originada quiçá por mudanças na alimentaçom. Só espero que se alguém da Direcçom de Navantia lé estes comentários (é provável) nom tire a conclussom de que os gatos non som o problema no asteleiro.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos