domingo, 20 de setembro de 2020

En Ortigueira co novo telescopio Kowa TSN 883

  Unha vez feito o cambio de telescopio (por mor dun "problema técnico") había que probalo, cousa que fixen ontes en Ortigueira, na compaña de José Ramón Castro. Aló adiquei tempo de abondo a comparar ambos os dous Kowa: o TSN 773, que foi meu e agora pertence a JR, co novo TSN 883.

Kowa TSN 773 (diante) e Kowa TSN 883 (fondo)

   Ao igual que no caso do Swaroski  resulta difícil apreciar diferenzas importantes con respeito ao TSN 773, debido a que éste tamén é un cacharro excelente. O Swaroski ATS 80 amosaba claramente un maior nivel de detalle e mellor luz sobretodo co zoom a 60x, sendo case inapreciábel esa diferenza a 20x ou 40x. No caso do Kowa TSN 883 apréciase maior luminosidade en todo o rango de zoom con respeito ao TSN 773, cunha luz máis branca e fría; aínda que o grao de detalle prácticamente é o mesmo, como puiden comprobar en detalles da plumaxe dun Ostreiro. A diferenza máis evidente é o maior campo visual debido ao seu maior diámetro de lente. Un efecto curioso deste maior campo visual é que as aves semellan "máis pequenas" ao mesmo zoom.

Facendo a comparativa

  Resumindo, para un óptico ou un experto as diferenzas entres estes telescopios serán moi patentes. Para un afeizoado non profisional do tema, chegados a certo nível de calidade, a eleición dun ou doutro telescopio vai máis co gosto persoal ou, como foi no meu caso, por asuntos de funcionalidade, porque van todos moi ben (tamén tiven un Leica de fluorita e un Swaroski recto antigo).

  Ben, ademáis da proba comparativa tiven tempo para censar algunhas cousas na ría:
  • 1 Garza branca (Egretta alba)
  • 21 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)
  • 9 Cullereiros (Platalea leucorodia)
  • 170 Gabitas (Haematopus ostralegus)
  • 1 Píllara cincenta (Pluvialis squatarola)
  • 1 Píllara tipo dourada (Pluvialis apricaria ou similar)
  • 30 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
  • 19 Mazaricos rubios (Limosa lappponica)
  • 18 Mazaricos rabinegros (Limosa limosa)
  • 80 + Pilros comúns (Calidris alpina)
  • 10 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
  • 1 Pilro ferruxento (Calidris ferruginea)
  • 31 Pilros grosos (Calidris canutus)
  • 1 Pilro pequeno (Calidris minuta)
  • 15 Gaivotas cabecinegras (Ichthyaetus melanocephalus)
  • 9 Carráns cristados (Sterna sandvicensis)
Gabitas (Haematopus ostralegus)

   Poño unha foto moi recurtada da Píllara dourada por se alguén ve algo raro. Hai varias especies moi similares que se diferencian por detalles mínimos.

Píllara dourada (Pluvialis apricaria ou similar)

  Ao pilro ferruxento xa o coñezo mellor.

Pilro ferruxento (Calidris ferruginea) en Cuíña

  O Pirlo pequeno é bastante escaso nas rías galegas. En Ortigueira había bastantes anos que non o atopaba. Poño unha foto testemuñal tomada desde moi, moi lonxe.

Pilro pequeno (Calidris minuta, esda.) 

Bilurico claro (Tringa nebularia)

Bilurico claro (Tringa nebularia) con peixe capturado

  Cando xa marchábamos atopamos esta Esfinxe colibrí, unha das bolboretas máis inconfundíbeis da fauna europea (e que moita xente confunde cun colibrí auténtico):

Esfinxe colibrí (Macroglossum stellatarum)

  Aínda que realmente é unha avelaíña (unha bolboreta nocturna, vaia), ten hábitos completamente diurnos, sendo doado observala mentras liba nas flores en días solleiros.


  Foi unha mágoa levar a P1000, que ten moitas virtudes pero para macrofotografía desde logo non vale. Se chego levar a Sony RX10 facía unhas fotos de escándalo, porque a colibrí pousou para nós un bon pedazo e tivemos tempo para fotografala cen veces.


Esfinxe colibrí (Macroglossum stellatarum)
Nikon P1000 focal 433 mm  ISO:200   V:1/1000   F:6,3

 E con esta espectacular avelaíña terminamos por hoxe. Grazas por lerme.

3 comentarios:

  1. Pílhara dourada europeia (Pluvialis apricaria) na minha opiniom. O sábado havia também dous pilros ferrugentos na cola do encoro das Forcadas.
    Apertas, Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Obrigado. E moi boa esa cita dos ferruginea em Forcadas. Quém os víu?

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos