sábado, 17 de outubro de 2020

Censo rápido de acuáticas na Lagoa de Valdoviño (17/10/2020)

  Esta mañá fun a Valdoviño para estrear o novo trípode. Con el completaba a renovación da miña equipa óptica (espero non gastar mais cartos por unha boa tempada). A lagoa ten un alto nível de auga, como é normal nesta época do ano.

Lagoa de Valdoviño

  Mentras non se baleira a riqueza e número de especies baixa moito por falta de hábitats como poden ser xunqueiras con lámina de auga, augas pouco fondas ou intermareais de lama. As poucas acuáticas que hai espállanse por toda a lagoa sendo por tanto moi difíceis de contabilizar, especialmente as que se agochan entre a canaveira.

Cisne mudo (Cygnus olor). Especie alóctona e invasora

  En augas abertas, a profundidade actual (1,5 - 2 m) xunto ao vento habitual por aquí causa bastante ondaxe. Se entra un temporal convértese case nunha ría.

Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis)

Patos frisados (Anas strepera)

  Desde o "Observatorio do camiño" (foto 1) contei o seguinte:
  • 12 + + Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis). En canto se abra a lagoa e baixe o nível contarei 50-60 ou máis pero agora son moi difíceis de detectar
  • Unha ducia de corvos mariños (Phalacrocorax carbo)
  • 9 Asubiadores (Mareca penelope) que entraron do mar en migración, ou iso me pareceu
  • Arredor de 140 alavancos (Anas plathryhynchos)
  • 62 Patos frisados (Mareca strepera)
  • 2+ Cercetas (Anas crecca)
  • 3 Patos chupóns (Aythya ferina)
  • 2 Patos cristados (Aythya fuligula/collaris)
  • Un grupo de aprox 60-65 galiñolas negras (Fulica atra)
  • 1 Galiña de río (Gallinula chloropus)
  Ademáis Outono é un mes moi bon para observar as nosas lontras (Lutra lutra). Unha delas alimentábase moi perto do paseio peonil a media mañá.


  Cando están a alimentarse non é doado fotografalas e as capturas que podes lograr son case sempre media cabeza ou unha cola pois non paran quedas.

Lontra paleártica (Lutra lutra)
Nikkon B700 focal 1320 mm  ISO:1100   V:1/250   F:6,3

Lontra nadando perto da pista peonil

  Tiven que apartarme case correndo porque chegaba un "fotógrafo de Natureza" vestido cunha cazadora vermella moi cantosa e non quixen que se me puxera ao carón coa lontra diante (estes paxareiros modernos mátanme...). En canto pasou "o perigo" volvín con ela.


Lontra paleártica (Lutra lutra)

    Bastante máis preocupante que os "Fotógrafos Multicolor" resulta o paso constante de cans soltos pola mesma ribeira por onde están a diario as lontras. Lembremos que A Frouxeira é Espazo Ramsar e forma parte da Rede Natura 2000 incluída coma ZEPA e ZEC, ademáis de que a lontra é unha especie protexida. A maiores o Plano de Conservación da Frouxeira proíbeo especificamente.

Can ceibe no espazo protexido

      Os cans soltos son sempre un elemento moi agresivo en calquer espazo natural e non pintan nada neles, agás os cans de traballo como pastores ou de caza (que non son mascotas). Pero é que ademáis levalos ceibes é ilegal (1). 


  Como pasou en Cospeito, os espazos "protexidos" galegos acaban por converterse sempre en espazos turísticos de lecer, onde teñen cabida ciclistas, runners, trails multitudinarios e mascotas soltas. Dá igual ónde, cómo e cándo. A protección da natureza dilúese entre un sinfín de leis e normas con nulo cumprimento real. Só hai que ler o Plano de Conservación da Frouxeira publicado en 2015, que remata cunha morea de proibicións de todo tipo, pero que ten cero plasmación no mundo real.


   Por certo, AVISO PARA OS COLEGAS ORNITÓLOGOS. Lembrade que agora non podemos utilizar o veículo para abrigarnos nos días de chuvia mentras controlamos aves pola pista adiante. Veñen de poñer sinais que proíben estacionar. Haberá que acatalas, por imperativo legal. 

Nova sinalización de tránsito na Frouxeira

(1) Apartado b) do ponto 3, Artigo 7 da Lei 4/2017 do 3 de Outubro "Lei de protección e benestar dos animais de compañía"

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos