martes, 6 de outubro de 2020

Día das Aves co Grupo Naturalista Hábitat

 O domingo pasado e co gallo do Día Internacional das Aves o Grupo Naturalista Hábitat (do que agora son socio) organizaba unha actividade na ría de Betanzos. Esta xornada estaba encadrada dentro do programa "Hábitat Protexe", cuxa fin é axudar ás asociacións galegas de custodia do territorio. Portanto todo o diñeiro recadado foi destinado a Voluntariado do Mandeo, Asociación Betula e Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Asistentes á xornada no observatorio

  Da man de Fernando Bandín coñecimos mellor qué é a "custodia do territorio", unha forma de conservar a través da compra de pequenas parcelas que logo son restauradas á sua vexetación natural e protexidas; ás veces por medio de acordos cos seus propietarios.

  Logo Santi Vázquez explicounos os principais valores naturais da ría de Betanzos, que conta cunhas interesantes marismas salgadas. Desde o observatorio puidemos observar algunhas das especies máis representativas.

Vista desde dentro do observatorio

  Este observatorio está ben situado mas ten unha serie de graves eivas na sua construción. Estes defectos son habituais na maioría dos hides galegos, deseñados a maioría deles máis coma un negocio que como unha ferramenta ornitolóxica (a porta de acceso ao andar superior é tan pesada que serán poucas as mulleres ou nenos capaces de levantala)

Parte superior do observatorio

  Iso, si a vista desde arriba é fantástica, aínda que nesta ocasión a marea tan baixa que había impedíunos desfrutar dunhas mellores observacións ornitolóxicas.

Vista desde o andar superior 

  No posto de Hábitat acumulábanse unha morea de libros de aves, así coma caixas niño ou mesmo comedeiros. Regalóusenos unha caixa niño a cada participante.

Posto con material naturalista

  Entre chaparrón e chaparrón puidemos avistar garzas reais (Ardea cinerea), garzotas (Egretta garzetta), gaivotóns (Larus marinus), biluricos claros (Tringa nebularia), biluricos comúns (Tringa totanus) ou mazaricos reais (Numenius arquata).


Limícolas nas canles de baixamar

  O observatorio edificouse xunto ao Pazo de Mariñán, que conta cunha excelente floresta de castilñeiros (Castanea sativa) e carballos (Quercus robur). Só por ver de novo este fermoso parque xa paga a pena voltar.

Arboredo caducifolio no Pazo de Mariñán (Bergondo)

    Unha xornada pasada por auga (como adoita pasar nestas terras) pero moi importante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos