mércores, 6 de xaneiro de 2021

Segue o pato rabeiro (Clangula hyemalis) en Ferrol

  A estas alturas os nosos humidais han estar cheos de aves acuáticas. Sen embargo e por primeira vez na historia moitos censadores que vivimos en concellos confinados non poderemos realizar o tradicional conteo de Xaneiro (supoño que si autorizarán aos contratados pola Xunta). En fin, vivimos un momento excepcional e hai que asumilo. Eu desde logo non penso saltarme o perímetro legal para  contar ou fotografar paxaros. Non fai falla tampouco para ver a Maruja, a femia de pato rabeiro que leva xa dous meses na ría de Ferrol.

Maruja (Clangula hyemalis)
Nikon P1000 focal: 2000 mm  ISO: 280   V:1/125   F:6,3

  Por desgraza o tempo non está a dar moitas treguas para desfrutar da Maruja (ollo con este "palabro" no barrio de Caranza). Un chaparrón, logo un claro de sol,... outro chaparrón e despois unha saraibada... Así estamos desde hai días. E con temperaturas bastante baixas para Ferrol (hoxe tivemos  mínima de 1 º e máxima de 10ºC, cunha humidade ambiental do 150% polo menos). 

A coberto da saraiba

Arco da vella sobre a enseada de Caranza

  De cando en vez asoma unha raiola e cómpre aproveitala.

Avenida do Mar (Caranza)

  Tomaba estas fotografías o pasado día 3 pero supoño que Maruja seguirá por alí. É certamente un pato delicado, pequeno. Alterna momentos de descanso e acicalamento con outros de pesca.


  Para alimentarse - de moluscos, crustáceos ou peixes pequenos - mergulla abrindo as ás no momento da inmersión, ao igual que fan outros patos mariños. Como o pentumeiro de ala branca (Melanitta fusca), que por certo xá nos visitou en Marzo de 2014 (preme).
 
Pato rabeiro mergullando

   Iso, todos e todas as ferrolás que queiran fotografar esta rara anatídea podedes achegarvos ao primeiro peirao da Avenida do Mar e, se tedes sorte, por aló andará Maruja. Se ides en horario de mañá teredes mellor luz. Boa sorte.

Pato rabeiro (Clangula hyemalis)
Nikon P1000 focal 1400 mm   ISO:450   V:1/125   F:5,6

 Isto foi todo por hoxe.

4 comentarios:

  1. Hoy fue un día precioso ,aunque al mediodía entró una niebla tremenda .

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A ver se a partir do domingo vén mellor tempo. Antes aínda toca moito frío.

      Eliminar
  2. Vexo que "Maruja" é a salsa ornitolóxica do confinamento por Ferrol. Non é mala compañía. Ánimo, e noraboa por esa convicción en non saltarte os perímetros e as normas cando nos confinan. Debería ser o normal, pero o certo é que non todos o fan, xa sabes. Alá cada un coa súa conciencia. Apertas Xabi.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Cala, que estou a flipar coa cantidade de paxareiros que se pasan o confinamento polo forro para ver unha rareza en Valdoviño ou en Ferrol. E logo aínda encima o publican no facebook ou suben a lista a ebird. En fin...
      Apertas, Quique.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos