mércores, 3 de marzo de 2021

Pato rabeiro e mergo cristado, "still present"

 O grupo de mergullóns de pescozo negro, mergo cristado e pato rabeiro segue aquerenciado na enseada de Maniños (Fene), onde esta mañá tentaba fotografalos mellor.

Grupo delicatessen

 Non é doado, por moita P1000 que se teña. Hai unha norma absoluta en fotografía de bichos: canto máis perto mellor. Tratándose de fotos na auga o factor distancia engade un problema a maiores como é a reverberación producida polos raios de sol en días anticiclónicos. Unha focal de 2000 ou 3000 mm permite disparos a moita distancia, pero toda esa "distancia" inclúe o aire, o vapor e a reverberación presente entre a cámara e o obxecto. Por ese motivo resulta máis difícil aínda tirar umha imaxe limpa e nítida.

Pato rabeiro (Clangula hyemalis) integrado en grupo de mergullóns

   Por suposto, está o problema dos negros (que non se alporice o público, que non me volvín racista). Falo da dificultade que teñen todas as cámaras bridge para tratar os contrastes de negro puro sobre fondo claro e que se manifesta na aparición de halos. Reducindo a ferramenta "detalle" de Lightroom redúcese a aparición destes halos, mas non soluciona totalmente o problema. Supoño que é algo que conleva un sensor tan cativo como o destas compactas.

Mergo cristado (Mergus serrator), pato rabeiro (Clangula hyemalis) e mergullóns 

 Eu marchei dalí e ao pouco chegaba Pedro Cruzado, que puido desfrutar a observación das tres especies, todas emblemáticas das rías galegas, onde teñen poboacións invernantes regulares (con individuos solitarios no caso do rabeiro).

Peirao de Maniños, miradoiro ornitolóxico principal da ría de Ferrol

  Despídome coa única foto decente que puiden sacar hoxe, que tampouco é para botar foguetes.

Mergullóns de pescozo preto (Podiceps nigricollis)
Nikon P1000 focal 2400 mm  ISO:125   V:1/400   F:7,1

2 comentarios:

  1. Ola, Xabier.
    Fai un par meses comprei unha P1000 para fotografar as aves. En dous meses tiven 4 avistamentos de picapeixe mais non consigo facerlle boas fotos, non sei cal pode ser o problema. Na cámara utilizo a opción paxaros, o último fin de semana puiden velo no río Miñor e facerlle fotos mais o resultado foi decepcionante. Algún consello? Cheguei o teu blog buscando cruzando os datos de picapeixe e p1000. Que sexas feliz, que esteas ben. Moitas grazas
    manuvelasco@gmail.com

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olá, Manuel. Antes de nada, dis que empregas o modo automático "paxaros", así pois deduzo que o teu coñecimento en fotografía é mínimo ou nulo. E iso para fotografía de aves é un problema, sobretodo se tratas cun monstro como a P1000 (é coma montar nun Ferrari de 700 cv sen carné de conducir). Desde logo ese modo automático vale para según qué cousas e quizá poda servir nunha equipa reflex, pero nunha cámara bridge é un suicidio, na miña opinión. O cal non quita que de cando en vez che poda quedar algunha foto moi ben.
      Pero se eu publico as fotos que vedes, de calidade aceptábel ou boa, é porque practiquei moito antes e tentei estudar os conceitos básicos sobre fotografía: sensibilidade, exposición, velocidade de obturación e profundidade de campo. Para tirar unha foto de recordo na praia co teléfono non fai falta. Daslle ao botón e xa che queda unha imaxe digna. Pero para afotar un picapeixe a 20 ou 30 m de distancia (con sorte) non chega con premer o botón. Ten a sua ciencia e hai que practicar bastante se queres que a imaxe se vexa decentemente na pantalla dun PC. Recoméndoche que compres algún libro sobre fotografía básica ou busques información na rede, que hoxe é moi doado. Non che estou diciendo que te poñas a facer un curso dun ano senón que te familiarices cos conceitos principais ou acabarás decepcionado e vendendo a cámara. En canto coñezas esas catro cousas básicas eu podería orientarte un pouco en base á miña experiencia como usuario deste tipo de cámaras. Pero se che falo de exposición, velocidade ou ruido no ISO e non sabes de que falo difícilmente poderei axudarte.

      Se a pesar do meu consello non dispós de tempo ou non te apetece poñerte a ler podes seguir probando co modo "paxaros". Habendo boa luz e con bichos grandes pode funcionar.

      Grazas por comentar.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos