domingo, 9 de maio de 2021

Sorpresa no encoro das Forcadas: garza pequena (Ixobrychus minutus)!

   Non prometía muito esta chuviosa mañá de Maio cando cheguei ao encoro das Forcadas (Valdoviño). Armado co meu inseparábel paraugas de campo realicei un transecto por varias das estacións de observación habituais coa idea de controlar a cativa comunidade de acuáticas reprodutoras.

Encoro das Forcadas un día de choiva

   Con chuvia as pingas que baten contra o paraugas xeran un ruido bastante molesto que impede facer escoitas como é debido. A media mañá parou de chover e clarexou algo.

Cola de Vilaboa

     Pero no minuto 40 saltaba a sorpresa no Vicente Calderón: unha garza pequena saía a voar desde a ribeira de Vilaboa, na cola final.

Garza pequena (Ixobrychus minutus)

   Colleume totalmente desprevenido e nen puiden identificala ben nen afotala mellor ca estas dúas imaxes testemuñais. Hai moitos anos que non vía a especie por estas terras do Norte, onde probablemente desapareceu coma reprodutora hai máis de 15 anos (facíao na veciña Frouxeira). Recentemente nunha conversa telefónica con José Souza entereime que aínda o fai no encoro de Sabón, perto da Coruña capital.

Garza pequena (Ixobrychus minutus)

  Con bastante probabilidade tratábase dalgún exemplar en paso. Porén, haberá que estarmos atentos e atentas, non vaia soar a flauta. É curioso que en Forcadas resulta frecuente a garza vermella (Ardea purpurea) e mesmo temos observado a garza denoiteira (Nycticorax nycticorax), mas nunca antes se tiña citado a pequena, que eu saiba.

  Ben, no censo parcial de acuáticas anotei:

  • 17 Alavancos (Anas plathyrhynchos) adultos. 6 machos, 4 parellas, unha parella con 4 polos medianos e 1 femia con 6 polos grandes
  • 16 Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis) adultos. É un censo incompleto, ollo.
  • 21 Mergullóns cristados (Podiceps cristatus) adultos. Paradas nupciais e adulto carrexando material para niño no illote de A Rañoa
  • 3 Galiñas de río (Gallinula chloropus)
  • 1 Garza real (Ardea cinerea) xoven
  • 2 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo) xuvenís
 En fin, como vedes non é precisamente El Fondó (Miguel, aponta o sitio) pero é o que temos.

Mergullón cristado (Podiceps cristatus)


  O mergullón cristado é un recente colonizador, beneficiado pola introdución de especies exóticas (o dano terríbel que causan no ecosistema esas especies invasoras é tema aparte, cortesía do lobby da pesca). Cómpre recoñecer que este mergullón resulta unha especie fotoxénica coma poucas.

Mergullón cristado (Podiceps cristatus), foto recurtada
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:400   V:1/320    F:4,5
 
   Coma sempre, o illote de A Rañoa acubilla a maioría das parellas de cristado. Esta ano o encoro mantén un nível bastante baixo (cousas da empresa que o xestiona) e desde logo iso vai prexudicar moito a tempada de cría. 

Mergullóns arredor do illote de A Rañoa


Mergullón cristado (Podiceps cristatus), imaxe recurtada
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:200   V:1/500   F:4

Vista desde A Rañoa

 Muitos paseriformes insectívoros están con polos, coma este ferreiriño cristado, un párido que se adaptou a vivir nos eucaliptais, a condición de que dispoñan de parcelas de hábitat axeitado polo medio (masas de loureiro ou algúns pés de piñeiro ou carballo, por exemplo).

Ferreiriño cristado (Lophophanes cristatus) con bicada
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:1600  V:1/320   F:4

  Despídome cun óleo abstracto da escola minimalista e de artista descoñecido.

Óleo abstracto titulado: "Os cazadores e pescadores somos os auténticos ecoloxistas"

  Hai que tomalo con humor, porque... en fin...

4 comentarios:

  1. Enorabuena por esa observación de Avetorillo Común,pena e no estar hay.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas. De todas formas non é motivo de especial ledicia, por tratarse dun ave en migración. Sería moito máis importante se falásemos dun ave reprodutora. Como dixen haberá que estar atentos este ano, non vaia ser (véxoo complicado pero nunca se sabe).

      Eliminar
  2. Parabéns, Xabi, pola observación desa garza pequena. Eu pensaba que esa especie xa non existía, dende logo en Galicia (son moi pesimista con isto da gran extinción). Pero parece que a natureza está empeñada en resistir, e de cando en vez nos dá unha sorpresa agradable. Xa tomei nota do lugar dos mergullóns cristados. Xa fixen fotos medio "decentes" este ano dun par de cópulas xunto a esa illa. O que me preocupou foi ver que os pescadores chegan a ela e se instalan a pescar nas súas beiras. Igual os cristados teñen compañia durante a cría.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A garza pequena é especie reprodutora na Galiza, Miguel; especialmente en humidais da metades Sul do país. Valdoviño foi en tempos o lugar de cría (probábel) máis norteño, aínda que hai citas nunha lagoa artificial de Foz (Gustavo Martínez Lamas, comunicación persoal, se non lembro mal).
      Con respeito a pesca procede unha matización. Na miña humilde opinión, a pesca en si non supón ningún problema para a reprodución da aves e por tanto considero compatíbel dita actividade coa conservación neste encoro. Pero si son un problema certos "hábitos" ou consecuencias directas da pesca deportiva coma: introdución de especies invasoras (auténtico terrorismo medioambiental que debería levar ao cárcere a moitos deles), masificación de pescadores en certos pontos, resíduos permanentes nos postos de pesca (cobichas, plásticos, latas de refresco, etc), a destrución por pisoteo da vexetación de macrófitos ( entre eles, as vacas e os xabaríns non queda un espadanal sano) ou mesmo abandono de tanzas/anzois. Pero razonar con esa xente é tan inútil como razonar con mascoteiros (salvo contadas excepcións). Eles son os donos do río e ponto pelota. Nós somos un "elemento estrano" que observamos a Natureza desde o sillón da nosa casa, disque.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos