xoves, 11 de agosto de 2022

Mellores fotos das limícolas en Forcadas

 Onte voltaba con José Ramon ao encoro das Forcadas coa determinación de sacar unhas fotos que servisen como algo máis que documento gráfico. Para iso exploramos un recuncho que non visitara nunca antes e atopamos un novo ponto de observación na cola de Vilaboa.

Vista desde o novo "observatorio" de Loiravella

 As limícolas do outro día seguían presentes onte a desta volta puidemos fotografalas bastante mellor, aínda a moita distancia (todas as fotos están recurtadas). Desde logo vense moito mellor todos os rasgos morfolóxicos do bilurico bastardo.

Bilurico bastardo (Tringa glareola)

    Foi unha mágoa que cando se achegou a nós houbese tanto reflexo na lama polo contralus.

Bilurico bastardo (Tringa glareola)

Bilurico bastardo (Tringa glareola)
Nikon P1000 focal 2600 mm  ISO:560  V:1/200  F:7,1

Becacina común (esda) e bilurico bastardo (drta)

  Forcadas é ún dos lugares onde resulta máis doada a fotografía da becacina común ou narcexa. Falo de fotografala sen esperas nen hide, enténdase.

Becacina común/narcexa (Gallinago gallinago)
Nikon P1000 focal 2600 mm  ISO: 280   V:1/160   F:7,1

 O combatente segue tamén entre nós. José Ramón Castro tirou a imaxe máis limpa de todas cando lle pousou nunha póla frente a súa posición.

Combatente (Calidris pugnax) Foto: José R. Castro Gómez
Nikon P900 focal 2000 mm  ISO:800  V:1/250   F:6,5

Combatente (Calidris pugnax)

Combatente (Calidris pugnax)
Nikon P1000 focal 2600 mm  ISO:320  V:1/200   F:7,1

    Pois iso, desde agora e até finais de setembro ou primeiros de outubro a pasaxe de aves migratorias fai moito máis interesante a visita a este pequeno e modesto humidal, onde as aves acuáticas reprodutoras experimentaron un alarmante declinio, tendo desaparecido xa algunha especie como a galiñola negra (Fulica atra). 

Un servidor no "observatorio" de Vilaboa

    Termino cunha novidade fotográfica importante. Esta semana chegarame o novo xoguete para a Panasonic G7 (mirrorless de sensor micro 4/3"): Zuiko 100-400 mm. No seu momento comprara un obxectivo económico para saír do paso e poder usar o corpo da G7, pero agora vou dispoñer dun pepino tremendo, que sumado co teleconvertidor 1,4x farán que dispoña dunha focal efectiva de 1100 mm nun sensor moitísimo maior que os das bridge


  A maiores das fotos de lonxe estou desexando ver os resultados en fotografía de aproximación ("macro" cutre, digamos). Esa focal tan gorda xunto a unha distancia mínima de enfoque de só 1,3 m ten que dar unhas imaxes excepcionais. A todo isto, e dado que teño un bon soldo pero non son millonario, este importante gasto conlevará desprenderme da P1000 para amortizar parte do gasto (xa está vendida, por se alguén vai preguntar).

1 comentario:

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos