mércores, 19 de xullo de 2023

Xa temos novos picanzos a voar en Moeche

 Ontes dei unha voltiña polos campos de Moeche, para "airearme" un pouco logo de tanto hospital. Alí atopaba dúas familias de picanzo vermello (Lanius collurio) no transecto habitual.

Picanzo vermello (Lanius collurio) macho

  Este ano semella que viñeron menos picanzos ca outros anos (en 2022 tamén sucedera). Aínda que é unha especie de espazos abertos ou semipechos a talla da choupeira debeu afectar á especie, pois era un lugar onde cazaban moitas veces dúas das parellas. E por suposto a meteoroloxía tamén inflúe moito na presenza desta especie, que apenas está connosco tres ou catro meses para retornar logo á Africa sub-sahariá.

Voantóns de picanzo vermello

   Onde noutros anos podía achar até cinco territorios semella que este ano hai só dous ou tres. Contodo segue a ser a especie máis interesante destes campos de Casalousada (Moeche).

Picanzo vermello (Lanius collurio) macho

 As carrizas dos xuncos (Cisticola juncidis) tamén teñen polos a voar. 

Carriza dos xuncos (Cisticola juncidis) noviño
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1000   V:1/250   F:6,3

   A minúscula carriza dos xuncos é un paseriforme moi simpático e moi agradecido á hora de o fotografar grazas á confianza que mostran cara a xente. Sobretodo cando lles dá por facer malabarismos entre as pallas diante do fotógrafo. 

Carriza dos xuncos (Cisticola juncidis) noviño
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1600   V:1/400   F:6,3

  O picapau é moitísimo máis desconfiado, aínda que agora resulta máis doado pillalos.

Picapau común (Dendrocopos major)

  É unha mágoa que tallaran esa choupeira da que vos teño falado. Nela aniñaba todos os anos unha parella de picapaus comúns. Éstes das fotos terán que buscar outro lugar para facer o seu burato.

Picapau común (Dendrocopos major)

 E así terminamos esta breve entrada. Seguramente estes días terei ocasión para visitar de novo as Brañas de Xestoso (teño que voltar a Forcarei). Haberá que levar a cámara.

2 comentarios:

  1. Ola Xabi. Xa vin polo Facebook que andas de hospitais. Ánimo. Seguro que esta pequena escapadiña che deu aire. Xa terás máis tempo de saír paxarear e “bloguear”, seguro.
    Eu, por outros motivos, ando tamén sen tempo para ambas cousas últimamente. Son etapas...
    Apertas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estiven de hospital, si. Outra vez por miña nai (son case 90 tacos e moitas patoloxías...).
      Perdoa por non contestar antes (agora ando de viaxe coa rapaza).
      Apertas, Quique. E non pases moita calore polos madriles.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos