mércores, 6 de setembro de 2023

Canon SX70, seguimos de probas

  Onte facía unha segunda proba de campo coa SX70 nas praias de Covas (Ferrol). Unhas praias que arestora deberan estar inzadas con milleiros de gaivotas patimarelas e escuras mas non foi así. Apenas contaba unhas deceas de exemplares, esperando a ser levantadas polo próximo can.

Praia de Ponzos, Covas (Ferrol)

Praia de Sartaña, Covas (Ferrol)

  A pequena cala de Sartaña está sempre algo máis tranquila e nestas alturas adoita ter presenza de limícolas. Un grupiño de pilros tridáctilos ofrecéronme a oportunidade de os fotografar. As tomas mais ampliadas foron feitas a aproximadamente 5-10 m de distancia.


Pilros tridáctilos (Calidris alba)
Canon SX70 focal 600 mm equiv  ISO:125   V:1/500   F:6,3



  Algunhas das mellores fotos que teño foron feitas coas Canon SX50 e SX60. Desde logo con aves pequenas a media-curta distancia vai coma un cañón.

Pilros tridáctilos (Calidris alba)
Canon SX70 focal 400 mm equiv  ISO:250   V:1/800   F:7,1

Pilros tridáctilos (Calidris alba)
Canon SX70 focal 600 mm equiv  ISO:100  V:1/500   F:7,1

    Aínda non controlo moito o seu procesado así que desta volta preferín disparar directamente en JPEG, editando e recurtando un poco cada imaxe.

Pilros tridáctilos (Calidris alba)
Canon SX70 focal 1000 mm equiv  ISO:125   V:1/800   F:7,1

  Probei tamén o zoom dixital a 2x, que equivale a unha focal de 2730 mm (case como a Nikon P1000). A verdade é que case non se nota que hai recurte dixital. De todas formas é mellor disparar con zoom óptico (o RAW xa non permite dixital) e recurtar a imaxe logo.

Pilros tridáctilos (Calidris alba) con zoom dixital 2x
Canon SX70 focal 2400 mm equiv  ISO:125   V:1/800   F:7,1

  En Cabo Prior había paxarada migrante típica destas datas: papamoscas negros, chascos norteños e petos formigueiros. Puiden pillar ún dos papamoscas.

Papamoscas negro (Ficedula hypoleuca)
Canon SX70 focal 1365 mm equiv  ISO:250   V:1/800   F:7,1

  Neses momentos terminábase a batería logo de só 191 disparos! Certo é que mirando polo visor (consume máis que desde a pantalla LCD) e revisando/borrando fotos da tarxeta. En calquer caso unha auténtica miseria tratándose dunha batería orixinal cargada ao 100%. Haberá que comprar un par delas de reposto.

2 comentarios:

  1. Saudos
    merquei esa máquina mais ben pola calidade de videos, viña de ter a SX60 e son dos que prefire non arriscar con novidades. O das baterías si que fastidia e sobre todo si vas a algunha viaxe onde non podes recargalas con fracuencia. Eu teño catro baterías. Para macro emprego enfoque manual aumentando a claridade, nunha bandexa pódense sacar fotos de bichos de poucos milímetros. Axusto a máquina e xogo coa distancia, mesmo apoiando o borde do obxetivo na bandexa. Estou contento con ela, agora sobre todo fago vídeo. Apertas e a disfrutar do paso que está interesante...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa, Emilio.
      Certamente a "saga SX" é garantía de calidade e dureza. Que conste que para facer macro en serio xa teño a OM-1 co Zuiko 100-400 mm, que ten un nivel superior de calidade e aumento, sobre todo se engado os aneis de extensión. Sempre que non me importe cargar o seu peso, haha... Que esa é outra.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos