venres, 15 de maio de 2026

Os días máis difíciles do ano

  A segunda metade de maio estará marcada para sempre polo acontecido en 2024 coa recaída fulminante e o falecemento da miña parella de entón, María. Unha morte que ademáis veu acompañada de moito sofrimento para ela (sobretodo) e para min. O ano pasado volvín a revivir todo o proceso e púxenme fatal. Este ano semella que o vou levar mellor, pero as lembranzas fican na mente de por vida. É unha sensación moi dura que só pode entender quen ten pasado por algo así. 

 Nestes casos cómpre ter a mente ocupada con actividades e o censo de escribidor das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanicus) supón unha desas actividades. O Grupo Naturalista Hábitat preguntoume se podía botar unha mao e nesas estou. Mañá vou cubrir o Carregal de San Xurxo, un humidal onde a especie semella ter desaparecido.

Dando a chapa sobre fotografía nunha saída con Hábitat (18/07/2021)

 Estaba revisando e organizando as fotos no disco externo e atopei varias fotos curiosas das que nin me acordaba. Unha delas tomada na compaña de Ricardo Hevia aló por 2020, rematando a fase dura da pandemia. Por certo, un abrazo e moito ánimo, Ricardo! (lin que tedes dispositivos móbiles e internete no hospital Gómez Ulla).

Ricardo Hevia e mais eu (12/10/2020)

   Estoutra foi en Fene mentras fotografaba gaivotas e carráns.

Foto de José Ramón Castro 28/10/2020

   Bon, a vere se mañá non chove moito e podo completar o censo de escribidor, que con case total seguridade dará un resultado de cero. Mas, como din os científicos, "cero" é un resultado.

2 comentarios:

  1. Moi boas Xabi

    Si,temos internet é agora dende onte día 20 xa podemos saír das habitacións. Foi moi duro estar 11 días sen poder saír de 4 paredes, más aínda para un paxareiro moi activo, como son eu. Espero vain pasando os días e podamos regresar pronto à casa.

    Unha forte aperta Xabi!

    Ricardo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Veña, moito ánimo, Richi. Cando todo termine poderás contar historias sobre cómo foi todo este episodio no RARO 2027. Porque vaia movida...
      Un abrazo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos