domingo, 8 de xullo de 2012

Unha mañá perdida

  Hoxe tiña pensado facer unha prospección na canaveira da Frouxeira, pero a chuvia persistente desaconsellábao. Así que cambiei de planos e fun ata os prados de Taraza a controlar as Folosas (L. naevia). Pero tampouco houbo sorte con iso.
    A verdade é que non resulta agradable intentar detectar cantos mentras escoitas a chuvia no paraugas e o ruido aumentado que producen os coches ao pasaren pola calzada húmida. Neses momentos, aburrido e coas pernas empapadas, pensas por qué demo non te quedarías na cama un pouco máis...

 Baixei á lagoa, a ver se arreglaba a mañá con algunha observación que me animase. E apareceu o Monstro do Lago Ness:


  ...era iso, ou unha Lontra (Lutra lutra) solitaria. Xa leva varios días nadando e alimentándose no centro da lagoa a plena luz do día. Ben, hoxe luz, o que se dí luz,... non había moita que digamos.


 As fotos son testemuñais. Non sempre se ten a sorte que tiven aquela vez en Forcadas.


Esta foto xa é famosa. E irrepetible, seguramente.


  Por desgraza aqueles tempos nos que volvía da lagoa feliz para casa pasaron tristemente á historia. Hoxe en día cando non son os furtivos ou os incendiarios, son os donos dos p. cans soltos. Ou os que son máis listos que ninguén e se meten polas pistas prohibidas, coñecedores da impunidade que reina en "Bananalandia". No paseo para bicis o paso de vehículos é diario.

                                                      Infractor número 1

   Éstes da furgoneta (unha parella) parecían guiris, ou surfeiros. Avisei a rapaza indicando o sinal coa man, mentras ela se facía a tonta...

                                                    Infractor número 2            

 Por suposto dirixínme directo ao novo cuartelillo da Guardia Civil, que é onde presento todas as denuncias relacionadas coa lagoa. Pero nesta ocasión estaba pecho a cal e canto. Aínda que fose domingo, sorprendeume un pouco. Así que chamei ao número móvil da Poli local, pero estes o tiñan apagado. Haberá que volver por semana.

 En fin...Para voltar cabreado máis me valera quedar na casiña ao quente....

4 comentarios:

  1. Veña home, anímate...aínda que de lonxe, polo menos puideches ver unha lontra. Xa se sabe que ir o campo non sempre é un agradable paseo baixo o sol. E a falta de civismo e concienciación está a orde do día.

    Por certo...gústame moito a nova foto da portada, a da Chioglossa...

    ResponderEliminar
  2. Graciñas. Inés. O que pasa é que para os que coñecimos a tranquilidade que había na Fouxeira hai vinte ou trinta anos, é duro ver como está agora. Non se fixo absolutamente nada en conservación desde a restauración da canle (no 84). Pero iso si, a presión humana e urbanística non parou de medrar...

    E a foto da Chioglossa foi tomada nun día moi especial. Nada máis e nada menos que na compaña de D. José Curt.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  3. Xa sabes, 062, e que che pasen con quen este de garda. O que pasa e que o cabreo non cho quitan.

    Cesar

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos