martes, 16 de xaneiro de 2024

A Galiza do século XXI

  NOTA: TODAS AS FOTOGRAFÍAS DESTE POST FORON COLLIDAS DE INTERNET. OS MEUS AGRADECIMENTOS AOS SEUS AUTORES OU AUTORAS.

 A mudanza na paisaxe galega acontecida desde mediados do século pasado é algo de tal dimensión que só podemos apreciar ollando fotografías antigas e comparando co aspecto que teñen actualmente esas zonas. Un cambio especialmente drástico na faixa litoral, onde se concentran as áreas urbanas e tamén as maiores masas de repoboación forestal con especies pirófitas.

 Sirva de exemplo esta imaxe da cidade de Ferrol, tomada seguramente nos anos 30 ou 40 do século XX. É dun lugar moi próximo á miña casa. Despois vemos como é na actualidade (collín a imaxe do visor da Xunta).

Cruce da estrada de Castela coa Rúa Nova de Caranza na primeira metade do século XX

Mesmo sitio na actualidade (captura cartográfica)

   Lóxicamente o crescimento urbanístico modificou radicalmente a paisaxe na contorna das cidades. Porén paréceme de maior interese os cambios que se deron na zona rural, onde o mosaico agropecuario tradicional da Europa atlántica fica hoxe sepultado baixo un manto infinito de eucaliptos. E con esa perda paisaxística perdemos tamén moitas especies asociadas, como a rula, o paspallás, a papuxa común, a perdiz, os mazaricos, as avefrías, a lebre, as tartarañas, a delonciña,...Todas elas moito máis escasas hoxendía ou a ponto de extinguirse nalgún caso.

  Atopei varias fotos históricas da vila de Viveiro, na costa luguesa. A primeira data nada máis e nada menos que de 1890 (considérase unha das primeiras fotografías tomadas no país). 

Viveiro (Lugo). Foto tomada en 1890

  Estoutra é algo máis moderna, de 1920. Nas dúas podemos observar como a contorna da vila estaba conformada básicamente por cultivos e prados con sebes. Tamén aparecen manchas forestais que non son capaz de identificar ben. Probablemente serían piñeiros con algúns eucaliptos (o exemplar que aparece en primeiro plano semella destes últimos). Ascendendo xa polos montes a superficie era maiormente matogueira atlántica, consecuencia das tallas ou queimas dos bosques orixinais habidas durante séculos. Sen embargo ese hábitat de ucedais, toxeiras ou turbeiras era moi importantes para a biodiversidade. Tamén desapareceron como consecuencia do abandono da actividade agrogandeira tradicional e da eucaliptización.

Viveiro (Lugo). Foto tomada en 1920

 Nunha imaxe actual podemos ver como son agora os arredores de Viveiro: un espanto interminábel de eucaliptos para beneficio do negocio da celulosa en detrimento do noso patrimonio natural.

Viveiro na actualidade

   Non podo imaxinar como serían daquela as serras do noso país. Quizá con menor masa forestal autóctona debido a que había máis superficie para uso agrogandeiro (aínda que nos Ancares desapareceron algunhas das mellores fragas que tiñamos). Mais en todo caso, cunha riqueza paisaxística e faunística incomparablemente maior. 

  Termino cunha fotografía antiga do mosteiro de Monfero (A Coruña) coa serra de Queixeiro ao fondo. Non podo evitar unha lembranza de miña nai, nacida precisamente nunha aldea de Queixeiro, que me contaba como na súa infancia apañaban a "braña" (nome local das uces e toxo) para os encames do gando na corte. Unha braña daquela abondosa nas serras todas e que hoxe podemos considerar sen dúbida coma un hábitat en perigo de extinción inminente.

Mosteiro de Monfero (A Coruña), coa serra de Queixeiro ao fondo. 

  Vaia pois un recordo por miña nai, falecida o pasado verán, e outro para as matogueiras atlánticas, que tamén desaparecerán en breve pola cobiza da eucaliptización, a maior traxedia medioambiental acontecida no noso país sen lugar a dúbidas.

7 comentarios:

  1. Ilustrativo da urbanización e de como a introdución do eucalipto na Galiza transformou a paixase autóctona, disque por mor de Fray Rosendo Salvado que no 1846 pensou nel coma árbore ornamental. Saúdos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Disque se plantaron os primeiros eucaliptos en Chavín, se non estou errado. Fíxate que na foto de 1920 xa aparece ún en primeiro termo da foto. Sen embargo daquela as repoboacións facíanse básicamente con piñeiros (Pinus pinaster). Logo da Guerra Civil Franco impulsou unha repoboación masiva con piñeiros que orixinou moitos conflitos en terreos comunais, onde mesmo tivo que ir a Guardia Civil a calmar aos "sublevados". Algo disto xa mo comentara Juanma Tojeiro (a quen coñeces), por episodios ocorridos en terras da súa famila, na Capelada.
      En calquer caso a eucaliptización foi algo infinitamente pior desde o ponto de vista medioambiental.

      Eliminar
    2. Por certo, María, comentan en Galiciaves (foro ornitolóxico galego) que non foi Frai Rosendo Salvado o introdutor do eucalipto. Polo visto entrou por Ortigueira arredor de 1850-1860, e dez anos despois xa se plantaba por toda a costa cantábrica.

      Eliminar
  2. Este esquema se repite en toda la Galicia baja, y hay una gran cantidad de testimonios fotográficos, e incluso pictóricos (como los de Francisco Lloréns), aunque muchos de ellos son desconocidos para el gran público. Para haceros una idea de cómo era la cosa ya tan tarde como mediados del siglo pasado, si le echáis un vistazo al comparador de entidades cartográficas de la Xunta de Galicia (https://mapas.xunta.gal/visores/comparador/), seleccionando en el mapa de la izquierda "Ortofoto costa 1946" o "Voo americano 1956-57", y en el de la derecha "PNOA 2020", veréis que la abrumadora mayoría del medio rural consistía en tierras de cultivo y matorrales. Incluso si miráis áreas de monte costeras, como punta Nariga (Malpica de Bergantiños), podréis ver que lo que ahora son tojal-brezales atlánticos o plantaciones de pinos o eucaliptos, eran labradíos (fundamentalmente leiras de trigo), como me han relatado ancianos de la zona. Estos campos de cereal muy cercanos al mar aún los pude ver yo, aunque ya muy menguados, en punta Langosteira (Arteixo), Baldaio-Razo (Carballo), cabo Touriñán, y otros lugares de Costa da Morte, además de Nariga.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Consultarei ese comparador, Jose. Pola miña parte só cheguei ver campos de cereal en zonas "prelitorais", coma o val de Moeche. Lembro ver neles tartaraña cincenta aló por 1987. Na costa propiamente lembro ver algunha parcela tamén pero de menor entidade, no concello de Valdoviño, por exemplo.

      Eliminar
  3. Hola Xabi, encantoume. Efectivamente o ecosistema da braña atlántica toxal - queirogal é cada vez máis escaso polo eucalipto e pola perda de actividades tradicionais. É un ecosistema que mantiña o gando extensivo e a práctica de apañar o estrume; sen el dexenera a un toxal de dous metros que , de non mediar os incendios, non sei a que sucesión ecolóxica daría lugar. No Chá (e acabamos de empezar) observo como os grandes herbívoros son imprescindibles para a conservación deses ecosistemas; vendo o que fan dez cabalos en 30 has penso no efecto das manadas de bisontes e mamuts na vexetación do paleolítico.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa, Fer. Na teoría esa toxeira alta deriva en bosque caducifolio por sucesión ecolóxica. Pero mentras non se dá esa "sucesión" pois é un hábitat que a min non me gosta moito porque é impenetrable (e bastante pobre en vida). No fondo existe un certo debate sobre se son mellores os hábitats antrópicos (gandeiría) ou naturais sen intervención humana (forestais idealmente). Porque a preseza de bisontes ou mamuts é imposíbel, lóxicamente.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos