venres, 19 de abril de 2024

Escribidor das canaveiras (Emberiza schoeniclus) na Frouseira

  A migración está chegando ao seu momento máis importante (finais de abril - meados de maio) e a lagoa da Frouseira está nestes momentos nunhas condicións óptimas para receber todas as aves que pararán a descansar mentras sopre o vento de nordés que vai estes días.

Intermareal da lagoa de Valdoviño

Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)


Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica)
Canon SX70 focal 1365 mm  IO:400   V:1/500   F:6,5

   Por motivos persoais collín dous días libres no traballo que aproveitei para facer dúas mostraxes de control na lagoa onte e hoxe. Polo de agora as cifras son moi cativas pero comeza haber material. Poño a lista de acuáticas observadas no censo de onte. O grupo de carráns foi observado o día anterior con Paula Aradas (non poño gaivotas). Vai todo segundo a nova listaxe de nomes vulgares galegos.

  • 1 Cisne mudo (Cygnus cygnus)
  • 1 Pato mandarín (Aix galericulata)
  • 4 Cercetas albelas (Spatula querquedula)
  • ++ Patos cincentos (Mareca strepera)
  • ++ Lavancos reais (Anas platyrhynchos). Esta mañá observada a primeira rolada da primavera. Unha femia con 10 pitos de curta idade.
  • 1 Pato rabilongo (Anas acuta)
  • 14 Cercetas eurasiáticas (Anas crecca). Onte vin algunha menos
  • 1 Zurrasca eurasiática (Rallus aquaticus) escoitada onte
  • 2 Galiñas de auga comúns (Gallinula chloropus)
  • 2 Galos de auga comúns (Fulica atra). Ún na zona da "Pesqueira" e outro no cinto de canaveira do SE
  • 1 Píldora cincenta (Pluvialis squatarola)
  • 40 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
  • 13 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
  • 141 Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica) contados hoxe. O seu número irá aumentando nos próximos días
  • 3 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
  • 1 Bilurico manchado (Tringa glareola) observado ontes no "Lago Pequeno". Na foto, moi mala, xa mo parecera. Pouco despois levantou o grupo de limícolas no que estaba integrado e escoitei o seu reclamo de vóo trisilábico diagnóstico.
  • 5 Biluricos comúns (Tringa totanus)
  • 1 Bilurico escuro (Tringa erythropus)
  • 2 Biluricos pativerde (Tringa nebularia)
  • 2 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
  • 25 Pilros comúns (Calidris alpina). Pequena avanzadiña do que virá
  • 5 Corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
  • 7 Garzas reais (Ardea cinerea)
  • 8 Cullereiros comúns (Platalea leucorodia)

Bilurico manchado (Tringa glareola), no círculo verde

Carráns cristados (Thalasseus sandvicensis)
Canon SX70. Distancia: 150-200 m aprox

  Outras especies de interese non acuáticas foron:
  • 1 Tartaraña cincenta (Circus pygargus) femia. Chegou voando alto desde o nordés e foi cara as toxeiras do cabo de Ponta Frouseira e ao sistema dunar. A especie, en perigo de extinción, debeu ser reprodutora en moitos montes litorais ata a década dos setenta ou oitenta. Eu tiven a fortuna de ver as últimas tartarañas do concello de Ferrol, nos anos oitenta. Agora esta rapina é visíbel únicamente durante as migracións.
  • 1-2 Folosas das canaveiras (Acrocephalus scirpaceus) cantando na parte sur da canaveira. Primeiro rexistro anual.
  • Unha familia de subeliños comúns (Aegithalos caudatus) onte xunto ao observatorio ornitolóxico. Tiñan cando menos 3 polos voantóns. Unha preciosidade.
  • Bico de lacre ondulado (Estrilda astrild). Observados hoxe 1-2 ex na canaveira. Ún deles carrexaba herbiñas para contrución do niño. Se ninguén di o contrario sería o primeiro caso de reprodución rexistrado aquí desta especie invasora
  • 3 Escribidores das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanicus) machos, observados nos lugares habituais.

Tartaraña cincenta (Circus pygargus) femia 

Subeliño común (Aegithalos caudatus) voantón

Adulto logo de dar bicada ao polo

Subeliño común (Aegithalos caudatus) voantón
Canon SX70 focal 1365 mm   ISO:640   V:1/160    F:6,5

 A observación dos tres machos de escribidor das canaveiras é a mellor das novas, coñecendo o estatus de "especie en perigo de extinción" que mantén en Galiza. Un conteo máis prolongado e con mellor campo de visión conlevaría seguramente a cifra habitual de 5 territorios, que considero a poboación reprodutora normal. De ser así A Frouseira manteríase, por tanto, como a principal localidade de cría da especie en todo o país. 

Machos de escribidor no sector NE da canaveira

  Por incríbel que pareza e logo de tanto teatro levado a cabo pola Consellaría de Medio Ambiente, na Frouseira non dispomos dun observatorio desde o cual poder censar con normalidade esta especie tan ameazada, que conta cun plano de protección específico. Actualmente o único "observatorio" desde o que poder facer un censo algo aproximado é un camiño particular situado ao sur da lagoa, con unha distancia de observación absolutamente brutal e limitada por obstáculos visuais de todo tipo (básicamente salgueiral de ribeira):

"Observatorio" para censo de Emberiza schoeniclus lusitanicus

 En fin, os da Xunta teñen cousas máis importantes que facer, supoño. Terminamos coas fotos testemuñais que puiden tomar ao "macho do claro sur":

Macho cantor de escribidor das canaveiras
OM-1 + Zuiko 100-400 mm + MC 1,4X   ISO:400   V:1/640   F:9

Imaxe anterior recurtada ao 100%

   E con esta marabillosa nova rematamos o post. A ver se algún se entera do que é realmente importante e do que supón simplemente unha anécdota ornitolóxica.

2 comentarios:

  1. Saudos Xabi
    non sei como aguantan as escribentas ahí, parece que está moi densa a vexetación, de tódolos xeitos moi boa nova.
    apertas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa Emilio:

      Con respeito ao da vexetación non penses. É certo que os exemplares da Frouseira adoitan cantar desde masas densas de Phragmites, pero nesta canaveira/xunqueira haiche moitos "claros" con Juncus, Scirpus,... ou máis abertos, de lama que queda en seco durante os períodos de baixamar.
      Se un día ves por aquí ensínoche todo. Sería un pracer.
      Un abrazo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos