Seguidores e seguidoras

luns, 8 de xaneiro de 2024

Paxareando con "emisións cero"

  Os parques urbanos hai tempo que deixaron de ser espazos para o lecer das "persoas humanas". Neste século XXI están convertidos en letrinas e mexadoiros para a insufrible poboación de cans que soportan as nosas cidades. Por ese e outros motivos non gosto moito de pasear por eles, especialmente se hai delincuentes con cans perigosos (os parques de Ferrol son moi cativos ademáis). Sen embargo esta fin de semana paseando con María polos xardíns que hai xunto a miña casa puiden desfrutar unha fermosa observación. 

Ferreiriño dos piñeiros (Periparus ater)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:800   V:1/640   F:7,1

  Un grupiño de ferreiriños dos piñeiros (Periparus ater) e xílgaros (Carduelis carduelis) alimentábanse nos froitos dunha árbore ornamental (Liquidambar sp). A confianza cara nós era tanta que case estaban ao alcanzo da mao. Por desgraza deime conta que teño moito que aprender aínda coa nova equipa. Por boa que ésta sexa hai cousas que requiren de moita práctica, e fotografar paxaros a curta distancia resulta máis complexo do que pensaba (o 90 % das imaxes que tirei estaban desenfocadas, trepidadas ou moi escuras). 

Ferreiriño dos piñeiros (Periparus ater)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:2500   V:1/640   F:6,3
 
Ferreiriño dos piñeiros (Periparus ater)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:1600   V:1/1600   F:6,3

   Por outra banda aínda non controlo ben o procesado dos RAW na Olympus OM-1. Case vai ser mellor que empregue JPEG mentras non me afago a ela, porque é un mundo completamente novo para min e teño dabondo con aprender parámetros de enfoque, de refacho, modos intelixentes, etc.

Xílgaro común (Carduelis carduelis)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:800   V:1/1000   F:6,3

  Cos xílgaros tiven algo máis de sorte e conseguín unha serie bastante digna. Sempre resulta un ave fotoxénica este frinxílido, cada vez máis abondoso en entornos urbanos e semiurbanos. Na cidade de Ferrol xa é un reprodutor habitual ata nas arboredas ornamentais das principais travesías (a Estrada de Castela, por exemplo). Tamén aniña no interior do estaleiro de Navantia, por suposto.

Xílgaro común (Carduelis carduelis)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:3200   V:1/800   F:7,1

Xílgaro común (Carduelis carduelis)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:2000   V:1/640   F:6,3

Xílgaro común (Carduelis carduelis)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:4000   V:1/800   F:6,3

Xílgaro común (Carduelis carduelis)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:1600   V:1/1250   F:6,3

   Termino cunha foto que resultará familiar para os meus seguidores e seguidoras:


  O domingo atopaba esta xoia nunha libraría de Ferrol. Trátase dun pack coas tres obras mestras do grande Gerald Durrel, o meu naturalista de referencia desde neno. Sen el eu non sería o que son.

   Outros divulgadores naturalistas influíronme tamén (Curt, Attemborough, Félix,..) pero Durrell foi a persoa que máis me inspiraba nas saídas ao campo. Lin dous dos libros que aparecen nesta triloxía, que deron lugar ao propio nome deste blogue mesturando ambos títulos. Sen embargo foi a "Guía do Naturalista" o libro que máis me encamiñou definitivamente para converterme nun naturalista afeizoado, a afeizón máis marabillosa que pode ter unha persoa.

 Vai unha lembranza para o mestre Durrell. Na miña opinión o divulgador maturalista máis grande de todos. O seu espíritu permanecerá sempre na illa de Corfú, onde pasou tantas aventuras.

4 comentarios:

  1. Boas,
    A biodiversidade de parques e xardíns é interesantísima. Pensamos sempre que os hábitats naturais teñen máis biodiversidade que as zonas humanizadas pero hai infinitos exemplos do contrario. Por exemplo, sabes cal é o lugar concreto de Galicia con máis especies detectadas no Atlas de hérpetos que estamos a facer? Pois o xardín da familia, con multitide de charcas, rocallas e mil estruturas para favorecer a biodiversidade que ten 12 especies de anfibios detectadas (só falta Chioglossa e Pelobates, que non están na zona). Están tódalas especies potenciais da zona nuns 6.000 metros de superficie.
    As sementes son de Liquidambar, unha especie moi habitual en parques e xardíns por que se dá moi ben e é moi resistente. No interior funciona peor por que tende a raxar moito coa neve pero tamén se usa moito. No outono queda moi chula coas follas roxizas.
    Apertas,
    Martiño Cabana Otero

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Mimá, vaia "xardín dos deuses" que tes. O da Liquidambar xa mo comentou Eloi no facebook. Queda, pois, adxudicada.
      Un abrazo, crack.

      Eliminar
  2. Pois a min as fotos me parecen coma sempre unha chulada. Tiña ganas de botarlle un ollo á Triloxía de Corfú. Xa falaremos.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos