LIMIAR
Aproveitando que "Bichos e demáis familia" vén de rebasar esa marca
psicolóxica das 100.000 visitas, teño reservado para vós un post
gran bouquet, unha entrada moi especial, que quizá poucos de vós saberedes apreciar na súa xusta medida. Porque as dificultades que tiven que superar para elaborala foron extremas.
Comezando polo propio protagonista da entrada, un ave de vó rapidísimo e que nunca pousa. O maior reto para unha cámara bridge. Pero é que ademáis falamos dunha colonia instalada nun recinto onde está terminantemente proibido introducir cámaras fotográficas (hai cámaras de seguranza e guardias). Un recinto que, a todo isto, é onde se traballa; polo que había que buscar o momento oportuno para observar e estudar o comportamento destas aves durante este tempo. Se a iso sumamos a climatoloxía ferrolana, que depara unha maioría de mañás con ceos cubertos, algo que limita as prestacións da bridge en fotografía a longa distancia, entenderedes que tardase tres anos en logar esa conxunción de factores que me permitiron tomar estas fotos.
NOTA: Como dixen , está proibido fotografar dentro do asteleiro, así que todas as imaxes están tomadas desde fóra do mesmo. Ben desde edificios próximos do barrio de Esteiro, ben desde unha embarcación situada a escasa distancia das gradas.
CIRRIOS PÁLIDOS en Bazán.
Hai tres anos, e grazas a Porfirio Solla (gran experto da especie), descobría que a colonia de Cirrios que nidificaban na factoría de Navantia-Ferrol pertencían a unha especie de recente colonización en territorio galego: o Cirrio pálido (
Apus pallidus), un ave de procedencia mediterránea que experimentou unha forte expansión cara o norte peninsular nos últimos anos.
Gradas do estaleiro de Navantia-Ferrol
O lugar onde aniñan non pode ser máis incríbel: os enormes guindastres que serven para trasladar os bloques dos buques que elaboramos. Pensade que estas grúas teñen movimento de rotación e tamén de translación (van sobre unhas vías ao longo do "rodamento"). A principal colonia, con 2-3 guindastres ocupados, está nas gradas do asteleiro que aparecen na foto anterior.
Se na zona do estaleiro as actividades industriais son altamente agresivas, xa nin vos conto da zona do dique. E alí existe outra colonia, situada nun entorno onde a contaminación acústica e de materias voláteis (granalla, pintura, gases, etc) é máxima. Por iso quedeime coa boca aberta cando vin os cirrios entrando nunha colonia a escasos metros dun buque en reparación.
Os lugares de aniñamento consisten nos reforzos metálicos que conforman a sá de máquinas dos guindastres, e que ocupan a modo de cornixas. Comentábame Porfirio que fan niños coa materia que apañan no ar, mentras voan a toda velocidade coa boca aberta. Qué animais extraordinarios!
Estes días, voan moito sobre unha pequena alameda de Chopos (
Populus nigra) situada nas inmediacións. Tamén observei como caían "folerpas" brancas desde os niños (ese algodón que son os pelos dos froitos do chopo, omnipresente estes días no entorno dos parques). Iso lévame a pensar que a floración desta árbore pode ifluir na fenoloxía do cirrio pálido en Ferrol.
A partires das 6,30 h. xa se escoitan numerosos reclamos no interior da colonia. Este reclamo é moi importante para distinguilos do Cirrio común (
Apus apus). Ao longo deste tres anos cheguei a familiarizarme bastante con el, e resulta unha axuda importante na identificación.
O Cirrio pálido emite un son máis grave que o común. Pode recordar ao asubío do ar pasando por un burato estreito. Se está cerca, notaremos que a intensidade sube e baixa. Mentras, o reclamo do común parécese máis ao pitido dun árbitro, máis metálico quizá, e máis liñal na intensidade.
Cirrio pálido entrando ao niño
Ao principio foime certamente complicada a identificación visual. Naquel entón introducín uns binoculos para certificar a cita, dada a importancia; porque falamos da localidade máis norteña da especie en Galiza (e tamén na Península). En vó, a luz pode variar moito o aspecto. Pero a gorxa rechamantemente branca vese moi ben, mesmo a simple vista. O ton xeral é máis pardo que en
A. apus, pero iso co clima ferrolán xa vos é mais complexo de ver. De perto, poderemos apreciar un vermiculado nas costas (pero sen óptica é case imposíbel) e un curioso "efecto antiface", que xeneran os ollos escuros sobre a face crara.
Sobre as 9,00-10,00 parecen ter un máximo de actividade nas inmediacións das colonias, con numerosos vós e entradas aos niños. Descoñezo en qué fase da reprodución estarán agora, pero os cirrios pálidos chegan a Ferrol, como mínimo, na primeira-segunda semana de Abril, un mes antes que o seu parente. Tamén marchan máis tarde. Pero aínda non teño claro o tempo de estancia aqui. Desde logo semella que existe un desfase importante coas poboacións do sur de Galiza, que posúen un clima algo máis mediterránico.
Ignoro cando se estabeleceron no asteleiro. Teño observacións antigas de cirrios en meses tan estranos coma Marzo ou Setembro-Outubro (os comúns están só de Maio a Xullo en Ferrol). No seu tempo deinas por
A.apus, pero lóxicamente correspondíanse con
A.pallidus.
Cando vexo estas aves alucinantes, voando a tanta velocidade e pousando nos guindastres, pregúntome cómo é posíbel que a Natureza chegase a tal ponto evolutivo. E quedo abraiado ante a capacidade de adaptación destes pequenos mísiles voadores, case incapaces de camiñar, pero que lograron atopar un espazo nun lugar inóspito e agresivo como é un asteleiro.
Cirrio pálido (Apus pallidus)
Foron tres longos anos esperando o momento axeitado, estudando cándo viñan e a qué horas se podían observar, pensando en como podía fotografar estas aves tan extraordinarias e cómo publicar este post sen arriscarme a problemas legais. Para min é, sen dúbida, a entrada máis importante desde que se iniciou este proxecto de
Bichos.
100.000 grazas a todos por me seguir!