É habitual desfrutar máis "bicheando" en pequenos humidais que naqueles meirandes pero tamén máis inaccesíbeis. Foi o que pasou onte nunha grande poza artificial que hai no polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea (Catro de Rei), Lugo.
Poza no Polígono Industrial
Foto: Samsun A52 (modo "full")
Realicei unha mostraxe perimetral até onde podía, observando primeiro unha galiña de auga común (Gallinula chloropus) adulta. Pouco depois ollaba un mergullete común (Tachybaptus ruficollis) adulto con tres polos.
Pito de mergullete común (Tachybaptus ruficollis)
Por ebird coñecía que o galo de auga común (Fulica atra) estaba a se reproducir neste pequeno humidal. Primeiro apareceron dous xuvenís do ano, que xa me alegraron a mañá.
Galo de auga común (Fulica atra) xuveníl do ano
Parecía que non había máis Fulica nesta parte da poza así que comecei a fotografar libeliñas pola ribeira. De súpeto, dous galos de auga saíron moi perto de min, emitindo o seu reclamo de alarma, un típico "Tak - tak - tak-..."
Galo de auga común (Fulica atra) emitindo voz de alarma
Entón descubrín catro pitiños moi novos obedecendo as ordes dos seus proxenitores para non moverse moito. Con bastante probabilidade eran a segunda rolada que sacaba adiante esta parella.
Galo de auga común (Fulica atra) poliños
Atopar polos de rálido é algo cada vez máis raro no noso territorio e de boa gana quedaría alí un bon pedazo para observalos mais abandonei o lugar en canto fixen as correspondentes fotos testemuñais. Cos pais lonxe estes polos tan pequenos eran extremadamente vulnerábeis a calquer eventual depredador e non quixen poñelos en perigo.
Galo de auga común (Fulica atra) pito de curta idade
Coa sensación do "deber cumprido" seguín coa sesión fotográfica a odonatos e outros invertebrados. Ademáis das libélulas maculadas (Libellula quadrimaculata) e emperadores grandes (Anax imperator) observei moitas máis libeliñas das que imaxinaba, logo dunha semana con tempo chuvioso e fresco.
Donceliña de Graells (Ischnura graellsii)
Donceliña grácil (Coenagrion scitulum)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm ISO:400 V:1/320 F:6,3
Donceliña fina (Ceriagrion tenellum)
Gaiteiriño dríade (Lestes dryas)
Gaiteiriño forestal (Chalcolestes viridis) femia
Lavacú escarlata (Crocothemis erythraea)
Na contorna da poza había varios ascaláfidos, chamativos insectos emparentados coa formiga león. Á espera do que digan os revisores de Observado, ímoslle asignar a especie Libelloides longicornis.
Ascaláfido (Libelloides longicornis). Fam: Ascalaphidae
Ascaláfido (Libelloides longicornis). Fam: Ascalaphidae
Terminamos con outra araña carangexo, esas que viven nas flores esperando que pase algun sírfido ou abella incauta para capturala coas súas potentes patas dianteiras. Por certo, Emilio, ou mirei mal ou non a atopei no teu artigo de A Mobella.
Thomisus onustus. Fam: Thomisidae
OM-1 + Zuiko 100-400 mm + Aneis MEKE 26 mm ISO:200 V:1/800 F:6,3
Unha xornada ben aproveitada, desde logo. Outra mañá terapéutica grazas á nai Natureza.