Seguidores e seguidoras

luns, 3 de xuño de 2024

03/06/2024 Control de picanzos en Moeche

   Por motivos obvios estes días non vou traballar así que terei moito tempo para saír ao campo e publicar entradas no blogue. Calquera cousa que me distraia a mente é vital nestes momentos. E o blogue supón unha ferramente perfecta para estes casos, porque falo coa xente sobre a miña afeizón favorita: a Natureza.

   Esta mañá realicei a enésima mostraxe de control de mustélidos e picanzos, os bichos máis interesantes de Casalousada-Penasalbas (Moeche). O resultado foi cero no tema dos carnívoros e 1 no caso dos picanzos, pois só atopei un macho no mesmo percorrido (1,5 Km) no que aparentemente había 3-4 territorios a mediados de maio.

Picanzo vermello (Lanius collurio)

   Finalmente este pasado mes foi o maio máis chuvioso da serie histórica na nosa comarca e seguramente moitos picanzos marcharon por ese motivo cara outros lugares. Non sei se algún colega percebeu algo semellante na súa zona.

   O transecto por Moeche resulta cada ano máis aburrido debido á caída xeral na biodiversidade. Xa case sabes todas as especies que vas ver antes de comezar a camiñada. Todas elas comúns ou moi comúns: carrizos, paporrubios, merlos, chascos, picafollas, pimpíns, etc. Escoitei brevemente o canto do ouriolo europeu (Oriolus oriolus) mas puido ser unha imitación emitida por estorniño ou tordo, pois ambas spp son magníficas imitadoras do canto doutras aves. En Cospeito vira un estorniño "plaxiando" á perfeizón precisamente o canto do ouriolo.

Buxato común (Buteo buteo)

   Botei en falta a presenza de polos voantóns das especies más madrugadoras, coma merlos (Turdus merula), tordos (Turdus philomelos), picafollas (Phylloscopus ibericus) ou chascos europeus (Saxicola rubicola). A persistencia de tanta chuvia debeu afectar á tempada de cría. 

 Unha femia de chasco carrexaba material para construción ou reforma de niño, seguramente o segundo intento logo dunha rolada fracasada, pois non vin xuvenís do ano.

Chasco común (Saxicola rubicola) portando material para niño

   Farei algunha mostraxe máis por aló para ver se o dos picanzos foi algo casual debido ao tempo ventoso que facía. De todas formas naqueles campos a maior parte do tempo resulta bastante aburrido porque non ves nada de interese; ou non ves nada, directamente. Ademáis a distancia ás aves adoita ser moitísima polo que é difícil facer fotos decentes (todas as deste post están moi recurtadas). Penso que debería escoller entornos máis ricos en bicharía para ter a mente máis entretida. Quizá a Terra Chá... 

Pimpín común (Fringilla coelebs), macho cantor

 E así terminamos por hoxe. Seguimos en pé.

4 comentarios:

  1. Xabi, todos esos datos son interesantes (me refiero a los datos numéricos concretos especie por especie), porque se refieren a un itinerario de censo determinado, que es lo mínimo exigible para poder hacer comparaciones con otras visitas a este preciso itinerario, o para poder comparar sus resultados con otros itinerarios similares (o mejor idénticos) en otros lugares. ¡Ánimo, tío, y un fuerte abrazo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas. Mira que eu non entendía moi ben iso de eBird pero vexo que é unha ferramenta moi guapa para este tipo de rexistros (xa mo dicía Xabi Pumariño).

      Eliminar
  2. Seguimos en pé. Encántame esa frase ;) Aperta. Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Seguimos! Son momentos indescriptiblemente duros para min. Pior do que imaxinaba (e máis aínda polas circunstancias en que aconteceu todo) pero os Prieto Espiñeira somos xente dura. Iso si, os días de dó son inevitábeis. Quedan aínda moitas bágoas por verter e momentos de lamentación pero o tempo curará incluso isto. Un abrazo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos