NOTA: preséntovos a primeira colaboración en Bichos do xoven naturalista cedeirés Álvaro Pérez Pérez. Tanto o texto como as fotos son da súa autoría. Aproveito para felicitalo polas fotos estupendas que xa consegue coa Panasonic FZ82.
A medio camiño entre a lagoa da Frouxeira e a ría de Ortigueira temos a ría de Cedeira, un lugar ao que non se lle presta tanta atención ornitolóxica. E é normal, tendo eses competidores nos arredores. Esta é unha ría pequeniña que está partida en dúas zonas pola península da Robaleira. Unha zona sumamente humanizada, ao norte, e outra algo mellor conservada, ao sur. Nesta última temos a ben coñecida praia de Vilarrube, custodiada por dous ríos: o das Ferrerías, polo occidente, e o das Mestas, polo extremo oriental. É neste último onde se forma o esteiro das Mestas, o lugar no que fixen o censo o pasado día 11 de setembro.
Esteiro das Mestas (Cedeira)
Intermareal areento con baixamar
Anátidas no esteiro das Mestas
Ao ser un esteiro hai que ter sempre en conta o réxime mareal. O día da visita había lúa chea, polo que as mareas eran moi vivas. Achegueime no momento en que a marea estaba máis baixa coa esperanza de atopar algunhas limícolas, iniciando a ruta no lugar do Puntal (Vilarrube, Valdoviño). Alí hai unha boa panorámica da maior parte do intermareal pero ao non ter telescopio tampouco puiden precisar moito.
Por aló foron asomando unha águia pescadora, un picapeixe, un pequeno bando de gaivotas escuras, outro máis numeroso de choronas, bandos mixtos de lavandeiras brancas e amarelas e un mínimo de 12 biluricos das rochas. Unha vez feito o control desde aló crucei a ponte cara o lado cedeirés para chegar ao lugar de Campelo, desde onde podes controlar o resto do esteiro. Como non teño telescopio optei por realizar un percorrido a pé pola zona do Cubilote (a zona que ten sedimentos areosos na súa maioría, en vez de limos).
Alavancos (Anas platyrhynchos) Foto: Álvaro Pérez Pérez
Panasonic FZ82 focal 740 mm ISO:80 V:1/320 F:5,6
Foi entón cando levei unha agradable sorpresa ao comprobar que entre as formacións de Salicornia había grupiños de pilros e píllaras. Entre eles destacaban tres pilros grosos e máis adiante atopaba un grupiño de pilros tridáctilos. O feito de estaren agochados entre a vexetación xunto coa miña escasa experiencia nesta familia de aves dificultaron a identificación. Por tanto púxenme a sacar fotos a canto bicho vía para identificalos despois, sempre cun ollo posto no nivel da auga, pois a marea comezaba subir. Finalmente aparecía tamén un pilro de bico longo (o primeiro desta sp para min).
Píllara real (Charadrius hiaticula) Foto: Álvaro Pérez Pérez
Panasonic FZ82 focal 1200 mm ISO:80 V:1/320 F:8
Píllara real (Charadrius hiaticula) Foto: Álvaro Pérez Pérez
Panasonic FZ82 focal 1200 mm ISO:80 V:1/320 F:8
Unha vez rematado o choio fun cara a vila. A modo de despedida unha bandada de case un cento de lavancos reais descansaba baixo o sol do mediodía. Así finalizaba esta solleira mañá na boa compaña desta paxarada e a non tan grata compaña de catro cans ceibos, pero ese xa é o conto de sempre.
Vai agora a lista de acuáticas observadas (e outras especies de interese):
- 95 Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
- 29 Píllaras reais (Charadrius hiaticula). Mínimo
- 3 Pilros grosos (Calidris canutus)
- 1 Pilro de bico longo (Calidris ferruginea)
- 6 Pilros tridáctilos (Calidris alba). Mínimo
- 27+ Pilros común (Calidris alpina). A vexetación dificultou moito contalos. Había máis
- 12 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
- 1 Bilurico alinegro (Tringa ochropus). Escoitado
- 67 Gaivotas chorona (Chroicocephalus ridibundus)
- 1 Gaivota patimarela (Larus michahellis)
- 10 Gaivotas escuras (Larus fuscus)
- 5 Gaivotas sp (Larus fuscus/michahellis)
- 1 Gaivotón (Larus marinus)
- 5 Garzas cincentas (Ardea cinerea)
- 1 Águia pescadora (Pandion haliaetus)
- 1 Picapeixe (Alcedo atthis). Probablemente 2 ex
- 3 Papamoscas negros (Ficedula hypoleuca)
- 2 Estrildas (Estrilda astrild) * En Campelo. Primeira vez aquí
- 6+ Lavandeiras boieiras (Motacilla flava)
- 1 Lavandeira boieira tipo británica (Motacilla flava lutea/flavissima)
Pilros grosos (Calidris canutus) Foto: Álvaro Pérez Pérez
Panasonic FZ82 focal 830 mm ISO:80 V:1/320 F:6,3
Pilro común (Calidris alpina, esda) e de bico longo (Calidris ferruginea, dta)
Pilro de bico longo (Calidris ferruginea)
Pradeiras de Salicornia (Sarcocornia perennis)
Sarcocornia perennis
Aquí termina esta primeira entrada de Álvaro en Bichos. Espero e desexo que non sexa a última.