Seguidores e seguidoras

luns, 15 de agosto de 2016

Lagoa de Valdoviño, visita de control e 7 Tringa glareola!

  A Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, segue aberta e cun baixo nível de auga. É unha situación pouco habitual que convén aproveitar nestas datas nas que comeza o paso migratorio, pois agora as aves dispoñen de amplos intermareais de fango e area para sedimentar.



   Hoxe entrou a néboa desde o mar a media mañá, pero antes deume tempo a unha boa serie de observacións, como veredes a continuación.


   O máis destacado foron 2 Patos brancos (Tadorna tadorna) que fican aínda do grupo de 11 que chegou a contar Ricardo Hevia, un Peto formigueiro (Jynx torquilla) e varias Folosas dos xuncos (Acrocephalus schoenobaenus). Tamén un número importante de Galiñas de río (Gallinula chloropus) e Rascóns (Rallus aquaticus) xóvenes. Semella que houbo unha pequena recuperación.

Patos brancos (Tadorna tadorna)

 O máis importante foi a familia das limícolas, coas seguintes especies censadas:

- 5 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 2 Pilros ferruxentos (Calidris ferruginea)
- 13 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 9 Becacinas ou Narcexas (Gallinago gallinago)


 Foto: Canon SX60 (focal 247 mm)  ISO: 320   V:1/400   F: 6,5


 Composición de Becacina (Gallinago gallinago) con Bilurico bastardo (Tringa glareola)

Becacina (Gallinago gallinago)
Foto Canon SX60 (zoom dixital 2x)  ISO 320  V: 1/320  F: 6,5

- 15 Mazaricos rabinegros (Limosa limosa)
- 2 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 7 Biluricos comúns (Tringa totanus)
- 5 Biluricos alinegros (Tringa ochropus)
- 7 Biluricos bastardos (Tringa glareola). Máximo rexistro propio da especie na localidade, duplicando os 3 ex. avistados en 2012 e que até agora era o récord.
- 3 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
- 1 Virapedras (Arenaria interpres, observado na xornada de onte)



Unha foto histórica: parte do grupo de Biluricos bastardos (Tringa glareola)


   Como sempre os bichos puxéronse máis cerca cando había forte contraluz. Tiven que retocalas bastante co software e lóxicamente houbo unha perda de contraste.

Bilurico bastardo (Tringa glareola)
Foto: Canon SX60 (Focal 247 mm)  ISO 125  V: 1/400  F: 6,5

  Un caso aparte son as Píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus), única limícola nidificante. Esta mañá había unha parella no areal do lago cos seus tres polos.

 Píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus) polo (esda) e macho adulto (dta.)

   Ún dos polos monstraba unha forte coxeira da pata esquerda, que non apoiaba. Xa avisei por whatssap a María Vidal, unhas das persoas aneladoras, para informala. Comentoume que no último control da semana pasada estaban todos ben. Esperemos que sexa unha molestia momentánea do polo. Se algún observador vai por aló e o volve a ver coxear informádenos, porfa.

Polo de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus)
Foto Canon SX60 (zoom dixital 1,6x)  ISO: 160  V: 1/500  F: 7,1

 Como vedes a cousa anímase. O prognóstico para o finde é moi bon, con ventos do SW moderados, así que estade atentos ao que poda chegar.

2 comentarios:

  1. Interesante colección e estupendas fotos! A ver que nos trae o SO.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas. Estremos moi atentos este finde. Teño a sensación de que pode caer algo gordo. A última vez que estivo tan baixa en Agosto caeu un Calidris pusilla...

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos