Seguidores e seguidoras

domingo, 26 de febreiro de 2023

Nova visita a Ortigueira: fotografando a lontra (Lutra lutra)

  Onte aproveitei unha viaxe persoal a Cariño para facer outra parada na ría de Ortigueira. En Mera levei unha agradábel sorpresa: por fin limparon a ribeira de acacias e fiuncho. Agora volvemos ter unha boa panorámica para poder censar de novo a enseada.

Enseada de Mera desde o "observatorio"

  No porto de Ortigueira atopeime con Álvaro Fdez. Polo, Euloxio Ben, Luis Salaverri, Pipo Sierra e Andrés Saavedra (os dous últimos chegados de Pontevedra). Cando estás con outros colegas as distraccións son maiores (sobre todo se comezo falar de cámaras bridge!). Ademáis as aves estaban moi lonxe e a luz era criminal, así que pouco puiden contar. Poño o censado alí coa baixamar:

  • 43 Patos cullereiros europeos (Spatula clypeata)
  • Centos de patos asubiadores comúns (Mareca penelope)
  • 28 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)
  • 134 Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica)
  • 93 Fuselos de rabo negro (Limosa limosa), moitos con plumaxe nupcial completo. Semella que xa marcharon algúns
  • 46 Biluricos de patas verdes (Tringa nebularia)
  • 101 Biluricos comúns (Tringa totanus)
  • 2 Aguias pescadoras (Pandion haliaetus)
   Fóra do que son aves acuáticas, tamén observaba onte ao picanzo real (Lanius meridionalis) que leva sedimentado nos campos de San Adrián (Leixa) desde finais de outubro. Algo excepcional na Galiza litoral, sobretodo na costa norte.

Mazaricos reais (Numenius arquata) en voo

Aguia pescadora (Pandion haliaetus)
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:640   V:1/800   F:7,1

Picanzo real (Lanius meridionalis). Imaxe moi recurtada
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm + MC1,4x  ISO:800   V:1/400   F:9

Paisaxe da ría

 Sen embargo, a protagonista da xornada foi a lontra (Lutra lutra) un carnívoro moi fácil de ver polo día nos humidais galegos. Na contorna de Ferrol coñecida popularmente co nome de "londra". Primeiro vimos un exemplar camiñando polo intermareal, onde logo se deitou para, literalmente, tomar o sol.

Lontra (Lutra lutra) a camiñar polo intermareal

   Despois outro exemplar (ou quizá o mesmo) achegouse para rebulir entre as pedras da ribeira, onde capturan peixes pequenos como lábridos, por exemplo. Segue a fascinarme a enorme adaptación deste mustélido aos hábitats que ocupa, escollendo presas do máis variado dependendo se vive en augas doces estancadas, fluviais ou estuarinas: anguías, muxes, sollas, lábridos, cangrexo vermello, anfibios, aves acuáticas,..(observado todo persoalmente agás os anfibios, citado en bibliografía).

Lontra europea (Lutra lutra)
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1250   V:1/1000   F:7,1

Lontra europea (Lutra lutra)
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1000   V:1/640   F:7,1

Lontra europea (Lutra lutra)
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1250   V:1/640   F:7,1
  
Non teño experiencia dabondo para distinguir machos de femias, pero este exemplar semellaba unha femia pola feitura e tamaño. Ou deume esa impresión, comparada con outras que teño visto de cerca, máis robustas e corpulentas.

Lontra europea (Lutra lutra)
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:500   V:1/400   F:7,1

   Independentemente do sexo amosouse moi curiosa cara nós.

Lontra europea (Lutra lutra)
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:640   V:1/500   F:7,1

Lontra europea (Lutra lutra)
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:500   V:1/400   F:7,1

Lontra europea (Lutra lutra)
Olympus OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1250   V:1/640   F:7,1

E co noso carnívoro acuático máis famoso rematamos por hoxe.

4 comentarios:

  1. Impresionante esas fotos de lontra! Que luxo vela así! Apertas crack, Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Xa sabes que o da lontra en Ortigueira e na Frouxeira é un escándalo. Sempre digo que, se miras con un mínimo de atención, case resulta máis difícil non velas que velas. Iso si, falta que veña un colega de fóra e llas queiran ensinar que as moi cabronas non aparecen. Fano a propósito, diga o que diga a bibliografía.
      Un abrazo.

      Eliminar
  2. Preciosas fotos de la nutria, de "enciclopedia". ¿Podría ser que se acerque tanto debido a que alguien la alimente? Observo comportamientos semejantes incluso en los gorriones.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Os pardais achéganse porque son "comensais" do ser humano desde hai séculos. No caso da lontra é simplemente que non se cazan xa que están protexidas desde os anos oitenta e sendo un animal de natureza curiosa gosta de chusmar. O cal non quita para que algún imbécil mascotista as poida asustar por levar o can solto (toleran ás persoas, os cans asústanas moito, obviamente). Pero en liñas xerais son bichos que "se deixan facer", como dicios os fotógrafos.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos