Seguidores e seguidoras

domingo, 10 de abril de 2016

Lagoa de Valdoviño. Novidades

   O inverno chegou tarde mais chegou. Normalmente nestas alturas estaríamos con ese tempo variábel tan típico da Primavera e con unha redución progresiva das precipitacións, que son especialmente cuantiosas entre Novembro e Xaneiro, trimestre no que se superan os 100 mm/mes de media. Sen embargo os dados de 2016 indican que estamos experimentando un notable retraso na evolución metorológica considerada normal. Así, segundo Metogalicia, en Ferrol tivemos estes valores anormais: Xaneiro 480 mm (25 días de precipitación sup. a 1mm), Febreiro 273 mm (25 días tamén) e Marzo 198 mm (20 días). Desde logo eu boto moito de menos o sol e o calor.

  Esta mañá a chuvia persistente estropeu a visita á Frouxeira e apenas puiden saír do carro uns poucos minutos. Os suficientes para comprobar que as fortísimas mareas vivas desta semana romperon de novo a barra de area que se formara hai unas semanas e volveron restituir a canle. Unha magnífica nova que nos garantiza que a lagoa estará en condicións de acoller eses miles de turistas que todos os anos nos visitan a primeiros de Maio e que son as limícolas. Agora o paso migratorio dependerá das circunstancias externas, pero o intermareal estará "operativo", se non hai imprevistos.


   Canle de desembocadura recén aberta polas marés vivas.



    É nestes momentos cando me indigno. A Frouxeira é un espazo natural moi ameazado que necesita con urxencia actuacións valentes e investimentos económicos que impliquen: contratacións de biólogos naturalistas para traballar na monitorización e programas de seguemento/protección da Píllara das dunas e da Escribenta das canaveiras, sancións severas aos mascoteiros que paseen os seus cans soltos, incremento do número de axentes medioambientais e maior apoio aos xa existentes, restauracións de pequenas lagoas dentro do sistema dunar así como eliminación de especies alóctonas presentes no humidal, adecuación e construción de observatorios en lugares axeitados para a observación ornitolóxica, plano de xestión para o Xabalí que impida a súa presenza no espazo protexido, persecución policial efectiva dos pescadores furtivos, etc.

  Pero non,  a Xunta gastou toda a súa "munición" en algo tan surrealista como impedir que a lagoa seguise o seu ciclo estuarino NATURAL e se baleirase con normalidade, adicando cartos e recursos únicamente a calmar a certo entorno obsesionado con un fantasioso e fitício problema de "desecación", que a prensa se encargou de alimentar e inchar. Afortunadamente notei que algunhas voces que se sumaron a este histeria colectiva acabaron entrando en razón e agora comprenden cómo funciona aquilo (penso que "Bichos" tivo unha importante función didáctica).


   En fin, a pesar deles, a lagoa segue viva.

 Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis)

 Os Lavancos andan xa en pleno período reprodutivo, sendo nestes momentos cando máis doado é velos en terra, mentras buscan lugares de nidificación ou vixían as súas posturas.

Lavanco (Anas platyrhynchos) femia

   Xa temos as primeiras roladas de patiños, que en breve serán protagonistas neste blogue.

 Lavanco femia con rolada de pitiños

   Cando os ventos do Norte se manteñen durante días, fórmanse grandes concentracións de andoriñas e de cirrios, que se alimentan e descansan na lagoa mentras esperan unha mellora do tempo. Hoxe contaba unhas 500 Andoriñas sobre a lagoa. Chovía moito e co paraugas nunha mao non puiden tirar unha foto que fixera xustiza ao espectáculo.

 Andoriñas sobre a lagoa (Hirundo/Riparia)

   Tiven máis sorte con esta Rula turca, unha especie invasora procedente do Mediterráneo oriental e que xa forma parte do noso patrimonio ornitolóxico. Hai que sinalar que non semella que sexa competidora da autóctona Rula común, en aparente declive ésta, pois ocupan nichos ecolóxicos moi diferentes: campiña caducifolia a común e parques urbáns a turca.

Rula turca (Streptopelia decaocto) emitindo canto

  E agora as boas novas! se todo vai ben o proximo fin de semana terei ocasión de voltar á terra da luz, á miña querida provincia de Zamora: Villafáfila ou Arribes, todo dependerá do tempo disponible.
 Xa veremos...

No hay comentarios:

Publicar un comentario