Mergo cristado (Mergus serrator), femia
O outro día parecérame ver dous Mergos, pero foi un erro. Debín confundirme cos Mergullóns cristados (Podiceps cristatus) que están pola mesma zona. Onte formaban todos xuntos unha pequena balsa á que se sumou un Mergullón de pescozo negro.
Podiceps cristatus, Podiceps nigricollis (2º pola esda) e Mergus serrator (6º)
As fotos non son boas, pero mirade en qué condicións de contraluz e distancia disparaba:
Quitamos zoom de todo, na seguinte imaxe, e vemos a distancia real á que estaban (logo clarexou un pouco o día).
Enseada de Maniños (Fene)
Non achei tampouco ningún dos Mergullóns reais (Podiceps auritus) que xa o ano pasado marcharan cedo. Porén, semella que están aínda todos os de pescozo negro que había en Xaneiro.
Nestes momentos, mestúranse diferentes plumaxes intermedias entre a librea de inverno e a nupcial. Moitos individuos amosan ésta última case completa agás a parte ventral, que aínda conserva o branco do inverno.
Os nosos podicípedos inician os comportamentos nupciais nos cuarteis de invernada. E non é raro ver aos de pescozo negro facéndose "monarías" se temos un pouco de paciencia.
Mergullóns en cerimonia de cortexo
E reclaman con máis frecuencia que antes, resoando as súas agudas voces por toda a ribeira do Seixo e Maniños
Son aves realmente bonitas vistas de perto, aínda que hoxe estaban a 40-50 m. (parece que non grazas ao zoom brutal da SX50)
Mergullóns de pescozo negro (Podicpes nigricollis)
En Marzo haberá que visitar os intermareais de Neda a ver qué sorpresas temos. É tempo de cambios. Depois comezarei as prospeccións para o Atlas de Aves Nidificantes, do que espero poder cubrir cinco cuadrículas (a ver se non se me fai moito...). E, se hai tempo, buscar algún dato para os de Hérpetos e de Mamíferos. Tamén quería seguir aprendendo algo de entomoloxía e iniciarme un pouco na botánica dos espazos protexidos ferroláns.
A Primavera non há ser aburrida desde logo.
Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo), plumaxe nupcial
O Seixo (Mugardos) coa cidade de Ferrol na esquerda da foto
Bos días!