Seguidores e seguidoras

sábado, 18 de febrero de 2017

Gansos cabecinegros (Branta bernicla bernicla-hrota) en Ares!

  Pois vaia sorpresa levaba onte cando Fran Nieto me avisaba por whatssap da presenza en Ares dun grupo de 10 Gansos cabecinegros (Branta bernicla). Así que esta mañá fun a Ares e alí os atopei, aínda que xa marchara ún exemplar.


 Praia de Ares (A Coruña)

    As aves estaban bastante confiadas. A pesar do cartaz municipal que "permite o paseo de animais sempre que se leven atados coa correa" os mascoteiros fixeron o habitual: soltar os putos cans pola praia, asustando gaivotas, limícolas e aos propios gansos; pero afortunadamente éstes non se alonxaban moito.




  Nos últimos anos semella que a especie se volveu máis regular en Galiza, con varios núcleos de invernada interesantes, como a Ría de Vigo, aínda que os grupos que nos visitan son pequenos, de varias deceas como moito. Sen embargo nas Marismas de Santoña (Santander) o Ganso cabecinegro aumentou moitísimo e agora inverna por centos.
  Pola contra o seu parente Ganso de cara branca (Branta leucopsis) é agora bastante raro de ver por estas terras do Noroeste en comparanza con décadas atrás. Non sei que opinarán outros colegas.



Gansos cabecinegros (Branta bernicla) e Gabitas (Haematopus ostralegus)

  Desfrutei coa sesión fotográfica deste grupo tan confiado. A maioría dos individuos pertencian á subespecie nominal Branta bernicla bernicla, que anida no ártico euro-asiático (Rusia) pero entre eles identifiquei un número indeterminado de exemplares pertencentes á subespecie Branta bernicla hrota, que se reproduce no arquipélago de Svalbard e Groenladia. Esta subespecie, considerada como rareza no noso país, caracterízase básicamente por un maior contraste na zona ventral, pois amosa unha cor dominante moi clara que contrasta notablemente co peito negro, como podemos apreciar nas fotos. Os da subespecie Branta bernicla bernicla teñen o ventre máis escuro.



   Eu non teño claro se hai unha, dúas ou máis hrota, sinceramente (meu forte é contar, non identificar). Sobre todo porque non controlo as plumaxes dos inmaduros. A ver se os expertos me axudan a determinar o número total de cada subespecie nas fotos de grupo.



 Ganso cabecinegro occidental (Branta bernicla hrota)

   En fin, unha sorpresa inesperada case na porta da casa. Con bastante probabilidade chegaron en paso na súa migración de retorno cara o Norte, polo que non han parar moito tempo. Así que os intereresados e interesadas na súa fotografía apurade se queredes collelos.


    Falando de fotografía, nesta ocasión todas as fotos están tiradas coa bridge grande, a Sony RX10 24-600. A mañá, chuviosa, estaba moi escura pero as aves estaban bastante perto, así que preferín usar a Sony, que dá mellor cualidade nestas circunstancias.

 Ganso comendo leituga de mar

Foto de despedida

Un millón  de grazas Fran!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario