Seguidores e seguidoras

xoves, 23 de febreiro de 2017

Indicios da Primavera e rareza ornitolóxica en Forcadas

VÉN A CALORE

A Primavera está chamando á porta. Nos prados húmidos as flores máis temperás engaden colorido a este triste mes de Febreiro, sendo especialmente común a Herba centella (Caltha palustris). Estou aprendendo os controis da Sony para facer macro e estoutra modelo tan elegante deume ocasión para probar o desenfoque do fondo, algo case imposible con bridges de sensor pequeno.

Agrón de prado (Cardamine pratensis)
Sony RX10 (focal 23 mm)  ISO: 64    V/ 1000   F: 3,5

   A masiva presenza do Xabarín na comarca de Ferrol ten efectos terríbeis na economía rural e no medio natural. Sen embargo tamén incide positivamente en certos casos, como por exemplo ao predar intensamente sobre esa peste que é o Cangrexo vermello (Procambarus clarkii) ou ao xenerar microhábitats húmidos estacionarios nos seus lugares de baño.

"Baño" de Porco bravo (Sus scrofa) convertido en minicharca

   En Galiza, a observación do Lagarto das silvas representa un anuncio típico do fin do inverno. Aínda coa pel vella de cores máis apagados podemos velos xa activos en días soleados.

 Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) xuvenil

    En entornos cunha biodiversidade empobrecida, como é a comarca de Ferrol, un amontoamento de pedras supón unha oportunidade de refuxio para moitas especies de fauna vertebrada e invertebrada. O "montón de Taraza" foi limpado de silvas recentemente, así que este ano perderá interese para algunhas aves que anidaban aquí todos os anos, pero o gañará para certas especies terrestres como o Lagarto (a vexetación cubrirá aquilo rápidamente)

Amontoamento de pedras na beira dunha pista agraria (Taraza, Meirás)

    A LAGOA DA FROUXEIRA ABERTA!!

  Cambiando de tema teño unha boa nova para os lectores: a lagoa de Valdoviño xa está baleira de novo. Imaxino que a Xunta decidíu facilitar o baleirado en vista das críticas e tras varios intentos fracasados. Unha estupenda noticia aínda que a época é bastante pobre ornitolóxicamente falando.


   UNHA RAREZA E UN RARÓLOGO

   Logo achegueime ao encoro das Forcadas, onde me chamou a atención unha gaivota integrada nun grupiño de choronas que se veía notablemente máis pequena e que voaba de maneira diferente. Estaba eu tentando identificala cando apareceu por alí Ricardo Hevia, gran experto nisto da identificación de rarezas e flamante gañador do RARO 2016.
   Cando o vin desde o outro lado do encoro chameino por teléfono para comentarlle o da gaivota pequena e a identificou rápidamente como unha Gaivota de Bonaparte (Chroicocephalus philadelphia), rareza que aínda o é máis fóra da costa mariña.


  A pesar do contralus fixen unha toma da ave pousada:



    Na enseada do pereiro quedaba Ricardo dándolo todo para tentar fotografala. Fixen unha toma moi lonxana coa rareza e co rarólogo. Todo un documento histórico.

 Gaivota de Bonaparte (esda. arriba) e Ricardo Hevia (drta.)

  Polo visto este exemplar, un primeiro inverno, sería diferente aos localizados este inverno en Cariño e Lires. Todo un acontecimento por ser ademáis nun encoro prelitoral.


Gaivota de Bonaparte (Chroicocephalus philadelphia)

  Unha sorpresa especial para o día en que volvía a ocupar o meu piso, do que fora desaloxado hai máis de dúas semanas por unhas obras. Así que poderei publicar con máis tranquilidade.

6 comentarios:

  1. Hola Xabi! A min pareceme un berro d prao (Cardamine pratensis).
    Mólame o tema dos microhábitats, máis importante do que pensamos, son pezas chave coma pode ser un rebaño d ovellas, se éste desaparece un elenco de especies iranse con elas ;-)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Efectivamente semella máis ben Cardamine pratensis. Xa está corrixido.
      Moitas grazas pola corrección, "Erebia"
      PD: lembrade que cando facedes comentarios desde o teléfono móbil adoitan aparecer repetidos ou mesmo tripitidos). Xa borrei o que sobraba ;)

      Eliminar
  2. Cardamine pratensis com certeza. Nom conhecia o nome "agrom", só o de "agriom". Interessante.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. "Agrón" ("Agrom" em norma AGAl) é o nome que vém na "Guia das plantas de Galicia" de Xosé Ramón García. A botánica nom é meu campo e limitei-me a copiar o nome proposto polo autor. Podemos fazer os cámbios que digades.
      Graças por comentar.

      Eliminar
    2. Nom, se "agrom" (agrón, na norma Rag, como bem comentas) suponho que será um nome legítimo galego. Aparece recolhida na obra de Losada, J. Castro e E. Niño, Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, que penso que é uma das que Xosé Ramón usa para obter diversos nomes. No "dicionario de dicionarios" aparece com mais entradas históricas "agriom" (RAG: agrión) http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=agri%F3n&tipo_busca=lema
      O problema da língua, como na biodiversidade, é que se vaia perdendo toda essa variabilidade. Obrigado a ti, a foto da flor da Cardamine pratensis é preciosa.

      Eliminar
    3. Haveria moito que falar sobre estas cousas, Miguel. Eu adícome a estandarizar o uso do galego no campo naturalista. E para fazer isso hai que escolher um padrom rexeitando outros, tal como fixo o espanhol há moitos anos. Por isso hoje todo o mundo escreve "Lagarto ocelado" quando fala de Timon lepidus em umha publicación ou num blogue, independentemente de que conheça um termo diferente de amplo uso em Andalucia ou Murcia.
      Apertas

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos